Saltar ao contido

Normativa oficial do galego - Uso das maiúsculas

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

4. Uso das maiúsculas

Escríbese inicial maiúscula nos seguintes casos:

a) Ao comezo do escrito, despois de punto e seguido, de punto e á parte e doutros signos (admiración, interrogación e puntos suspensivos) cando equivalen a punto.

b) Nos nomes propios: Lucía, Seoane, Moncho, Lugo, Vedra, Xúpiter. Os alcumes reciben o mesmo tratamento: a Galochas, o Foguetes.

c) Nas formas abreviadas de tratamento: Dra., Dr., Dª., Vde.

d) Na primeira palabra dos títulos de obras literarias e artísticas: A tecedeira de Bonaval, Follas novas. As publicacións periódicas adoitan levar maiúscula non só na primeira palabra inicial, senón tamén nas restantes do título que teñan relevancia semántica: A Nosa Terra, O Correo Galego, O Tío Marcos da Portela.

e) En todos os substantivos e adxectivos dos nomes de institucións, organismos, empresas e outras entidades formalmente constituídas: Xunta de Galicia, Consello da Cultura Galega, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Cooperativa Vitivinícola do Baixo Miño.

Cando unha palabra con maiúscula inicial comece por un dígrafo, só se escribe en maiúscula o primeiro elemento deste: China, Quintela, Guillade.

As siglas escríbense normalmente en caracteres maiúsculos: ONU, DOG.

Debe terse en conta que a utilización de caracteres maiúsculos non exime do uso do acento gráfico nos casos prescritos no capítulo 2.

Véxase tamén

[editar]

Ligazóns externas

[editar]