Saltar ao contido

Normativa oficial do galego - Formación do feminino

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

12. Formación do feminino

[editar]

O feminino dos substantivos e adxectivos fórmase comunmente coa terminación -a, que se une directamente á forma do masculino se esta remata en consoante ou vogal tónica (deus / deusa, rapaz / rapaza, avó / avoa, cru / crúa) ou substitúe a vogal final da forma do masculino se remata en vogal átona (sobriño / sobriña, presidente / presidenta). Con todo, hai algúns casos especiais.

Nomes rematados en -n

[editar]

Os substantivos e adxectivos rematados en -án (< ANUM) forman o feminino en , segundo o establecido en 8.14: ancián / anciá, temperán / temperá; en troques, os caracterizadores despectivos rematados en -án fórmano en -ana, conforme ao dito en 9.15: folgazán / folgazana, mentirán / mentirana.

Para o feminino dos rematados en -ón (león /leoa, mais lambón / lambona), véxase 9.16.

Os rematados en -ín forman o feminino en -ina, coa excepción de ruín, que é invariable: bailarín /bailarina, benxamín / benxamina, danzarín / danzarina, galopín /galopina, malandrín / malandrina; pero un viño ruín / unha terra ruín.

Os rematados en -ún difiren no seu comportamento: os adxectivos cabrún, cervún, vacún forman o feminino patrimonial cabrúa, cervúa, vacúa; común é invariable; euscaldún engade -a, euscalduna.

O único nome rematado en -én susceptible de moción xenérica é invariable: un refén americano / unha refén americana.

Nomes rematados en vogal ou ditongo tónicos

[editar]

Os substantivos rematados en vogal tónica tenden a engadir -a, entanto que os adxectivos tenden a ser invariables: un avó somalí/ unha avoa somalí. Con todo, algúns substantivos son invariables: unha chimpancé adulta; entre os adxectivos, nu, cru e recrú, e mao "ruín" forman os femininos núa, crúa e recrúa, soa e : o peixe cru / a carne crúa, un só día / unha casa soa, oollo mao / unha má ocasión.

Presentan características morfolóxicas especiais grou /grúa, xudeu / xudía e sandeu / sandía.

Nomes rematados en -és

[editar]

Os xentilicios rematados en -és presentan un feminino en -esa: cambadés / cambadesa, chinés / chinesa, noruegués /norueguesa, portugués / portuguesa, romanés / romanesa. O mesmo ocorre con outros adxectivos, coma burgués / burguesa, camoés / camoesa,canchés / canchesa, montés / montesa e palmés / palmesa; algúns, en troques, son invariables: estilo cortés / mirada cortés.

Formacións especiais

[editar]

Algunhas palabras de xénero feminino presentan terminacións especiais, sobre a mesma base léxica: heroe / heroína, tsar /tsarina; galo / galiña; rei / raíña; abade / abadesa; barón / baronesa; príncipe / princesa; sacerdote / sacerdotisa, profeta / profetisa, poeta / poetisa; emperador /emperatriz; actor / actriz etc.