Saltar ao contido

Normativa oficial do galego - A diérese

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

5. A diérese

[editar]

Úsase coa letra u para indicar que se pronuncia esta vogal nas sílabas güe, güi, fronte a gue, gui: antigüidade, bilingüe, argüír, argüían, lingüista, lingüística, mingüedes, ungüento,etc.

Úsase tamén coa letra i na primeira e segunda persoas de plural dos copretéritos de indicativo dos verbos rematados en -aer (caer, decaer, recaer, traer, atraer, contraer, distraer, extraer), -oer (roer, corroer, doer, moer, remoer), -aír (saír, sobresaír) e -oír (oír): caïamos, caïades, doïamos, doïades, moïamos, moïades, oïamos, oïades, saïamos, saïades, traïamos, traïades etc.

A razón de colocar esta diérese é que o i forma sílaba en por si (ca-i-a-mos),aínda que é átono. Desta maneira distinguimos estas formas das do presente de subxuntivo, en que o i forma ditongo: caiamos, caiades (ca-ia-mos, ca-ia-des). Consecuentemente, tamén levan diérese os copretéritos de indicativo dos verbos en -uír, aínda que neles non haxa posibilidade de homonimia co presente de subxuntivo: argüïamos, constituïamos, constituïades.