Saltar ao contido

Normativa oficial do galego - Formación do plural

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

11. Formación do plural

Palabras rematadas en vogal ou en ditongo

As palabras rematadas en vogal, tónica ou átona, ou en ditongo forman o plural engadindo un -s: mesa, mesas; custo, custos; irmá, irmás; café, cafés; israelí, israelís; lei, leis; rei, reis; bocoi, bocois etc.

Os estranxeirismos acabados en vogal forman o plural engadindo -s ou ben respectando a forma de plural da lingua de orixe: spray, sprays; hippy, hippys ou hippies.

Palabras rematadas en -r e -z

As rematadas en -r e -z engaden o morfema -es sobre o singular: mar, mares; calor, calores; luz, luces.

Os estranxeirismos adecúanse á regra xeral (palier, palieres; somier, somieres; húsar, húsares; dólar, dólares...), a non ser algúns casos de palabras pouco integradas, que poden formar o plural engadindo -s: póster, pósteres ou pósters; gángster, gángsteres ou gángsters; júnior, júniores ou júniors.

Palabras rematadas en -s e -x [ks]

As agudas acabadas en -s forman o plural engadindo -es: deus, deuses; compás, compases, a non ser as que rematan en grupo consonántico (incluíndo entre estas as acabadas en -x [ks]): luns, fax, lux, unisex, que permanecen invariables.

As graves e esdrúxulas acabadas en -s ou -x [ks] son invariables e presentan xa que logo a mesma forma no singular e no plural: choromicas, lapis, martes, oasis, xoves, mércores, bíceps, tórax, clímax, télex etc.

Palabras rematadas en -n

As rematadas en -n engaden un -s: can, cans; lambón, lambóns; lacazán, lacazáns; dolmen, dolmens; mitin, mitins; xilin, xilins etc.

Palabras rematadas en -l

Os monosílabos rematados en -l engaden o morfema -es: cal, cales; el, eles; fel, feles; fol, foles; gol, goles; mal, males; mel, meles; mil, miles; mol, moles; pel, peles; ril, riles; rol, roles; sal, sales; sol, soles; tal, tales; til, tiles; val, vales; vil, viles; xel, xeles.

Nas palabras agudas de máis dunha sílaba, o -l do singular substitúese polo morfema -is: animal, animais; aval, avais; papel, papeis; fiel, fieis; cruel, crueis; truel, trueis; civil, civís; español, españois; control, controis; azul, azuis. Téñase en conta que nos rematados en -il a secuencia -íis se resolve en -ís (cadrís, non *cadríis).

As palabras compostas en que o segundo elemento é algún dos monosílabos citados máis arriba fan o plural en -les (ollomoles, chuchameles, papasoles, mirasoles, Miravales...).

O plural de aquel é aqueles, pola mesma razón indicada para el, eles.

A pesar da súa aparencia, caracol e aerosol non son compostos de col e sol. Os seus plurais son, xa que logo, regulares: caracois e aerosois.

As palabras graves rematadas en -l forman o plural engadindo o morfema -es: áxil, áxiles; difícil, difíciles; útil, útiles; túnel, túneles; cónsul, cónsules etc. Exceptúase desta regra a terminación -bel, que fai o plural en -beis (vide 9.7): dispoñíbel, dispoñíbeis; aceptábel, aceptábeis.

Palabras rematadas noutras consoantes

As voces acabadas en consoantes distintas das vistas en 10.2, 10.3, 10.4 e 10.5 son as máis delas estranxeirismos ou cultismos, e forman o plural engadindo -s: club, clubs; pub, pubs; snob, snobs; clac, clacs; coñac, coñacs; frac, fracs; tic, tics; crómlech, crómlechs; sándwich, sándwichs; sketch, sketchs; lord, lords; round, rounds; talmud, talmuds; rosbif, rosbifs; anorak, anoraks; stick, sticks; búmerang, búmerangs; iceberg, icebergs; ring, rings; smóking, smókings; álbum, álbums; réquiem, réquiems; slálom, sláloms; tándem, tándems; tótem, tótems; clip, clips; jeep, jeeps; hándicap, hándicaps; boicot, boicots; complot, complots; fagot, fagots; mamut, mamuts; robot, robots; sprint, sprints; test, tests; trust, trusts; leitmotiv, leitmotivs.