Saltar ao contido

Normativa oficial do galego - A acentuación

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

A acentuación

[editar]

O acento gráfico

[editar]

Unhas regras de acentuación adecuadas ao galego deben permitir recoñecer a sílaba tónica en todos os casos, ser facilmente memorizables e esixir un uso mínimo de acentos gráficos.

No galego só se usa un tipo de acento gráfico, o agudo (´).

Palabras agudas

[editar]

As palabras agudas ou oxítonas acentúanse graficamente cando son polisílabas e rematan en vogal, en vogal + n, en vogal + s ou en vogal + ns: mazá, café, alí, tirizó, calacú, irmán, alguén, ninguén, latín, corazón, algún, ningún, mazás, cafés, cadrís, tirizós, calacús, irmáns, reféns, latíns, corazóns, algúns, comúns.

Non se acentúan cando son monosílabas nin cando acaban en ditongo decrecente (seguido ou non de n ou s) ou noutra consoante que non sexa -n ou -s. Así: xa, la, fe, di, si, cu, Xan, can, len, din, don, fun, tres, amei, amou, seguiu, recibiu, colleu, ademais, capitais, papeis, españois, azuis, capital, papel, cantar...

Para a acentuación de i, u en hiato, véxase acentuación de i, u en hiato.

Palabras graves

[editar]

Levan acento gráfico as palabras graves ou paroxítonas cando rematan en consoante distinta de -n ou -s e en grupos consonánticos distintos de -ns. Así: móbil, carácter, alférez, fórceps, bíceps, Félix, clímax. Tamén se acentúan as palabras graves con ditongo decrecente na última sílaba: amábeis.

En consecuencia, non se acentúan as palabras graves rematadas en vogal, vogal + n, vogal + s ou vogal + ns. Así: canta, cantara; cantan, cantaran; cantas, cantaras, lapis; canons, colons, dolmens.

Para a acentuación de i, u en hiato, véxase acentuación de i, u en hiato.

Palabras esdrúxulas

[editar]

As palabras esdrúxulas ou proparoxítonas levan sempre acento gráfico: bárbaro, mágoa, tépedo, tónico, túnica.

Acentuación de i, u en hiato

[editar]

Con independencia do establecido nos epígrafes precedentes, as vogais i, u tónicas acentúanse graficamente cando van inmediatamente antes ou despois dunha vogal átona, para indicar que ambas as vogais pertencen a sílabas distintas e que, polo tanto, non forman ditongo. Así: acentúo, aínda, baúl,caída, Coímbra, constituíu, egoísmo, miúdo, moía, prexuízo, raíña, raíz, roía, ruído, saía, saín, saír, súa, traía, túa, xuízo etc. Para os efectos de indicar que non forman ditongo coa anterior, as vogais i, u tónicas non se acentúan graficamente cando entre ambas aparece o grafema h: prohibido.

Non levan acento gráfico, as vogais i, u tónicas que forman ditongo crecente ou decrecente coa vogal que as segue ou que as precede: bilingüismo, lingüista, puido, partiu, seguiu.

Acentuación dos estranxeirismos e latinismos

[editar]

Os latinismos e palabras estranxeiras de circulación corrente, aínda que non estean plenamente adaptadas ao galego, seguen as regras de acentuación enunciadas anteriormente. Así:

  • Palabras agudas: autobús, iglú, obús, organdí, popurrí, puré, ralentí, tabú, vermú, xampú, iglús, purés, xampús; aerosol, anorak, argot, autocar, autostop, ballet, boicot, coñac, fagot, iceberg, leitmotiv, neceser, relax, voleibol.
  • Palabras graves: accésit, béisbol, cénit, ídem, karaoke, líder, álbum, médium, macádam, quórum, réquiem, smóking, superávit, tándem, télex, tótem; harakiri, ioga, lapilli, mitin, pelotari, penalti, pizza, quimono,ravioli, zombi.
  • Palabras esdrúxulas: bádminton, búmerang, cárdigan, déficit, hábitat, hándicap, ínterim, magníficat, párkinson.

As palabras rematadas graficamente en -y teñen o mesmo tratamento ca as rematadas en -i: playboy, spray (coma convoi, samurai), hóckey, hippy, hobby, rugby, whisky.

As palabras estranxeiras e latinismos poden carecer do acento gráfico correspondente e manter integramente a grafía propia da lingua de que proceden cando se escriban destacadas para subliñar o seu carácter de estranxeirismos.

Casos especiais de acentuación

[editar]

O acento diacrítico

[editar]

Utilízase o acento gráfico con función diacrítica para distinguir dúas palabras que teñen a mesma forma na escrita, pero que se diferencian porque a vogal tónica ten diferente timbre ou porque unha palabra é tónica e a outra átona (póla/pola, dá/da). En moitos casos non é necesario facer diferenzas gráficas, porque o significado das palabras resulta claro ao apareceren en contextos diferentes: el colle (o aberto), colle ti(o pechado), el mete (e aberto), mete ti (e pechado) etc. Outras veces pode haber confusións e por iso cómpre poñerlle acento a unha das dúas formas homógrafas; neste caso pónselle sempre acento gráfico á palabra que ten vogal aberta ou á que é tónica. Así:

á (a (preposición) + a (artigo); ala, substantivo) a (artigo; pronome persoal átono; preposición; letra; nome da letra, A símbolo do ampere)
ás (a (preposición) + as (artigo); alas, substantivo) as (artigo; pronome persoal átono; nome da letra)
bésta (arma que dispara frechas) besta (animal, persoa bruta, egua)
bóla (esfera, pelota, balón, mentira) bola (peza de pan)
bólas (esferas, pelotas, balóns, mentiras, un xogo, testículos) bolas (pezas de pan)
(ca (conxunción) + a (artigo)) ca (conxunción, interxección, símbolo da centiárea e Ca símbolo do calcio)
cás (ca (conxunción) + as (artigo)) cas (preposición)
chá (‘plana’) cha (che (pronome persoal) + a (pronome))
chás (‘planas’) chas (che (pronome persoal) + as (pronome))
(ca (conxunción) + o (artigo)) co (con (preposición) + o (artigo), Co símbolo do cobalto)
cós (ca (conxunción) + os (artigo); substantivo) cos (con (preposición) + os (artigo))
cómpre (‘é mester’; de cumprir, pero para o significado de "ser necesario" ou "conveniente") compre (de comprar, ‘merque’)
cómpren (‘son mester’; de cumprir, pero para o significado de "ser necesario" ou "conveniente") compren (de comprar, ‘merquen’)
(pres. e imp. de dar) - As formas pronominais proclíticas levan acento. P. ex.: dámo, dállo da (de(preposición) + a (artigo), símbolo da deciárea)
dás (pres. de dar) - As formas pronominais proclíticas levan til. P. ex.: dásmos, dásme das (de (preposición) + as (artigo))
(‘compaixón’; nota musical) do (de (preposición) + o (artigo))
dós (‘compaixóns’; nota musical) dos (de(preposición) + os (artigo))
é (pres. de ser) - As formas proclíticas levan til. P. ex.: éche, évos e (conxunción, letra, nome da letra)
fóra (adverbio, preposición, interxección) fora (antepretérito ou pluscuamperfecto de ser e ir)
(‘ruín’) ma (me (pronome persoal) + a (artigo))
máis (adverbio, indefinido, substantivo) mais (conxunción)
más (‘ruíns’) mas (me (pronome persoal) + as (artigo))
(substantivo) no (en(preposición) + o (artigo), variante do pronome persoal átono o, No símbolo do nobelio, NO símbolo de noroeste)
nós (pronome persoal tónico; plural de ) nos (pronome persoal átono; en(preposición) + os (artigo))
ó (a(preposición) + o (artigo), oh interxección) o (artigo; pronome persoal átono, letra, nome da letra, O símbolo do osíxeno e oeste)
ós (a (preposición) + os (artigo)) os (artigo; pronome persoal átono, nome da letra)
óso (do corpo) oso (animal, OSO símbolo de oés-suroeste)
ósos (do corpo) osos (animais)
(parte do corpo) pe (nome da letra)
pés (plural da parte do corpo) pes (plural do nome da letra)
póla (‘rama’) pola (‘galiña’; por (preposición) + la (artigo))
pólas (‘ramas’) polas (‘galiñas’; por (preposición) + las (artigo))
pór ("poñer") - As formas pronominais proclíticas levan til. P. ex.: pórlles, pórnos por (preposición)
présa ("apuro") presa ("prendida"; "presada")
("sede eclesiástica"; imperativo de ser) - O plural do substantivo tamén leva til sés se (conxugación; pronome persoal, Se símbolo do selenio, SE símbolo de sueste)
(adverbio, adxectivo, substantivo) - O plural tamén leva til sós so (preposición, SO símbolo de suroeste)
("infusión", "árbore") te (pronome persoal, símbolo do telurio; nome da letra, Te símbolo do telurio)
tés ("infusións") tes (presente de ter; nome da letra en plural)
vén (pres. de vir) ven (pres. de ver; imp. de vir)
vés (pres. de vir) ves (pres. de ver)
vós (pronome persoal tónico) vos (pronome persoal átono)

Noutros casos o acento só se utilizará en contexto ambiguos e marcando sempre ortograficamente a palabra con vogal aberta: (el) ten / ten (ti).

Para os interrogativos e exclamativos véxase outros casos.

O verbo con pronome enclítico e cos alomorfos do artigo lo(s), la(s)

[editar]

Cando os verbos levan pronomes enclíticos, no tocante á acentuación gráfica compórtanse coma se fosen unha soa palabra. Por iso escribimos cantará / cantara, cantaraa /cantáraa; beberá / bebera, beberaa /bebéraa; recibirá / recibira, recibiraa / recibíraa; bebérala /beberala; cantárana / cantarana; métese; méteseche; meteuse;metéusenos; tómao; fixéronllelo etc.

Se se utiliza a combinación verbo + variante alomórfica –lo do artigo, acentúase tamén coma se fose unha única palabra: cóme-lo caldo / come-lo caldo, bebéra-la auga / bebera-la auga etc.

As formas verbais que levan acento diacrítico mantéñeno cando van seguidas dunha forma átona do pronome: é / élle / éa;dáo / dáme / dálle; ti dálo á forza / dáslle; vélo comprar?

Os adverbios en -mente. Palabras compostas

[editar]

Por se trataren de palabras graves rematadas en vogal, resulta innecesario o acento gráfico nos adverbios en -mente. Por iso debemos escribir comicamente, comunmente, dificilmente, friamente, habilmente, rapidamente,rexamente, finxidamente, utilmente... No caso de apareceren varios adverbios en -mente coordinados, esta terminación só aparece no derradeiro, e os anteriores manteñen o seu acento: cómoda e facilmente.

Tampouco mantén o acento gráfico o primeiro termo das palabras compostas xa soldadas: Riotorto, fervellasverzas, vichelocrego etc.

Outros casos

[editar]

A utilización de recursos gráficos para distinguir entre as funcións gramaticais que pode ter unha mesma palabra debe reducirse a aqueles casos que poidan causar problemas de interpretación do texto escrito. Por outra parte, o acento diacrítico utilízase unicamente para diferenciar palabras en principio homógrafas mais non homófonas, polo que o seu uso para diferenciar, por exemplo, este, ese,aquel etc. en función substantiva de este, ese, aquel etc. En función adxectiva, supoñería a introdución dun novo criterio non xustificado. De acordo con isto, non se acentúan en ningún caso nin os demostrativos nin o indefinido e numeral un: esta mesa, quero esta, mira esa, colle aquela, un can, un deles, dáme un. Cal, cando, canto, como, onde, que e quen non se acentúan en interrogativas e exclamativas directas: cal queres?, cando vés?, canto queres?, como che vai?, onde está?, que queres?, quen cho deu?, que desgraza!

Tampouco se acentúan as formas do interrogativo e exclamativo cando introducen interrogativas indirectas (pregúntalle cando volve, pregúntalle onde está, preguntoulle cal quería), agás cando fose preciso para evitar posibles anfiboloxías: dille qué queres, / dille que queres, xa sabes que hai?, xa sabes cánto lle custou / xa sabes canto lle custou etc.

Diferenzas coa ortografía castelá

[editar]
  • Os adverbios acabados en -mente en galego non levan til, en castelán conservan o til segundo se adverbio normal. Ex: rapidamente / rápidamente; actualmente / actualmente
  • Os interrogativos e exclamativos non levan til en galego (agás cando fose preciso para evitar posibles anfiboloxías), en castelán si.
  • As palabras agudas que acaban en ditongo decrecente seguido de n ou s, en galego non levan til e cando son graves si.

En castelán seguen as regras de acentuación, é dicir, as agudas acabadas en n ou s levan til e as graves non. Ex: ademais / hacéis; amábeis / hicisteis

  • As palabras que teñen un hiato formado por dúas vogais con i, u e cando a vogal tónica é a segunda, en galego leva sempre til, en castelán non. ruído / ruido