Normativa oficial do galego - O guión
O guión
[editar]O guión úsase para partir unha palabra ao final de liña, para separar os dous membros en certas palabras compostas e para unir a variante alomórfica –lo do artigo ao adverbio u: dicionario galego-inglés, u-la navalla? Se se usa o alomorfo –lo do artigo tras unha forma verbal ou pronominal rematada en –s ou en –r, únese tamén con guión (cfr. 14.1): tráiovo-lo libro mañá.
O guión nas palabras compostas
[editar]A grafía das palabras compostas que son substantivos ou adxectivos está en relación coa súa composición e morfoloxía.
De realizarse a flexión de xénero ou número nas dúas bases, estas escríbense de forma separada: garda civil, gardas civís; porco bravo, porcos bravos, porca brava; terza feira, terzas feiras. O mesmo ocorre se a moción afecta ao primeiro elemento: moble bar, mobles bar; piso piloto, pisos piloto; sofá cama, sofás cama.
Se a flexión se realiza só no último elemento ou se a palabra composta é invariable, a unión entre os seus compoñentes prodúcese directamente: cartafol, cartafoles; sapoconcho, sapoconchos; vacaloura, vacalouras; mediodía, mediodías; socioeconómico, socioeconómica; xordomudo, xordomuda; branquiazul, branquiazuis; vagalume, vagalumes; benvida, benvidas; malhumor, malhumores; malpocado, malpocada; lusquefusque, lusquefusques; reirrei, reirreis; fervellasverzas; picafollas; limpachemineas; gardarríos; cabodano, cabodanos.
Escríbense con guión as palabras en que o primeiro elemento é non (non-intervención, non-proliferación, non-aliñados, non-fumadores), asociacións ocasionais non fixadas na lingua (dicionario alemán-galego; estudos xurídico-económicos; condicións político-económicas; maníaco-depresiva; épico-líricos; catalano-aragonesas), palabras complexas como les-nordeste, les-sueste, nor-nordeste, nor-noroeste, oés-noroeste, oés-suroeste, ou, finalmente, algunhas palabras estranxeiras: foie-gras, fox-terrier, tse-tse, wáter-polo.
Para a grafía particular dos numerais, véxase 16.1. e 16.2.
O guión en final de liña
[editar]Emprégase o guión para partir palabras a final de liña; esta división só pode facerse mantendo íntegras as sílabas dos dous segmentos. Os dous elementos dun dígrafo non se poden separar por constituíren a representación dun son único: ce-/rra-/lleiro, ma-/chada, co-/rromper, pre-/rrogativa, algu-/nha, ningu-/nha, etc. Por razóns estéticas adoita evitarse deixar orfa unha vogal a final ou a principio de liña.
Cando un guión que separa dúas palabras ou dous membros dunha palabra complexa coincide en final de liña, cómpre repetilo ao comezo da liña seguinte: dicionario galego-/-inglés.
Unha consoante en posición intervocálica
[editar]Cando hai só unha consoante intervocálica, esta é sempre comezo silábico: cla-/ri-/da-/de, cle-/ro, exa-/me, fei-/xe, sou-/to, sei-/xo, sa-/quei.
Dúas consoantes intervocálicas
[editar]Nas secuencias de dúas consoantes intervocálicas, na maior parte dos casos a primeira fai sílaba coa vogal anterior. Neste caso, a separación silábica faise entre as dúas consoantes: ac-/to, pac-/tar, ab-/dominal, ad-/mitir, ec-/cema, excep-/ción, ac-/ción, amíg-/dala, ob-/xec-/to, sub-/título, adap-/tar, sub-/xec-/tivo, et-/nografía, sig-/nificado, rit-/mo, xen-/ro, om-/nipotente, comun-/mente, des-/viar, ad-/herir.
As secuencias bl, br, pl, pr, cl, cr, gl, gr, dr, tl, tr, fl e fr intervocálicas forman unha unidade e non se poden separar ao final da liña: pro-/blema, do-/brado, desa-/plicar, su-/plantar, pro-/clamar, se-/creto, de-/glutir, se-/gredo, ca-/dro, ca-/tro, re-/flexión, re-/fresco, transa-/tlántico.
Máis de dúas consoantes
[editar]Cando hai máis de dúas consoantes, se o grupo termina en l ou r, a consoante que as precede forma sempre sílaba con elas: en-/trar, ex-/tremo, in-/clinación, ins-/truír, subs-/crición, in-/glés, em-/blema, subs-/trato. En todos os demais casos faise a separación antes da última consoante: pers-/picacia, abs- /temio, subs-/tituír, sols-/ticio, cons-/piración, trans-/posición, ins-/titución, supers-/tición.
Prefixos
[editar]A pesar do dito en 3.1. e 3.2., en palabras derivadas por prefixación en que aínda non se perdera a conciencia do prefixo, recoméndase facer a partición da palabra ao final de liña entre o prefixo e a base: bis-/avó, des-/abrigar, inter-/académico, super-/abundante; trans-/oceánico; sub-/rogar, sub-/leñoso, ad-/renal, ad-/ligar etc.
Non obstante, naqueles casos en que a silabación habitual así o permita, non se considera incorrecta a partición sen ter en conta os elementos mórficos da palabra: tran-/soceánico, bi-/savó, supe-/rabundante.
Dúas vogais
[editar]No caso de haber dúas vogais xuntas, non se poden separar cando forman ditongo crecente ou decrecente: fei-/xe, sei-/xo, sou-/to, ru-/bio, la-/bial, cien-/cia, espe-/cie, exi-/mia, te-/nue, conti-/nuo, ani-/mais, ambi-/guo, ambi-/gua, bilin-/güe, delin-/cuen-/te, lin-/gua, Ma-/nuel, delin-/quiu, viu, sue-/co.
Poden separarse cando constitúen hiato: dí-/as, parti-/amos, sa-/ï-/ades, ra-/íña, gra-/údo, ca-/ótico, mu-/íño, re-/alidade, co-/ordinar, mi-/údo, afi-/uzar, balu-/arte, xesu-/íta, alu-/arada, perdo-/amos, conclú-/es, conclú-/as, che-/os, are-/al, alde-/án.
Máis de dúas vogais
[editar]Se hai tres ou máis vogais xuntas pode separarse a primeira sempre que non forme parte dun ditongo ou dun tritongo: ensa-/iar, ensa-/iei, ensa-/iou, afi-/ei, bo-/iei-/ro, la-/ión, xo-/ia, pa-/io-/lo, clareou, are-/ei-/ra, retribu-/íu, ro-/eu, mo-/ia-/mos, cor-/diais, so-/ciais.