Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.2. Transcrición á fonoloxía galega

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Cremos que a ausencia de diacríticos no método de transliteración permite a súa utilización sen complicacións tipográficas, pero que a súa exactitude faino reversible para o seu uso con fins científicos. Coa nosa proposta, a lectura dos resultados do noso método de transliteración por parte dun galegofalante está o máis próxima posible á pronuncia agardada, por recorrer maioritariamente ás letras do alfabeto, pero sen sacrificar a fiabilidade. Pensamos que é cómodo de usar nun teclado habitual, onde a súa escrita lineal permite o uso doutros recursos tipográficos (subliñado, negra, cursiva). Con todo, somos conscientes de que o uso dun ou doutro sistema de transliteración é convencional: o importante é que sexa versátil para os casos que se van atopar e que represente con fidelidade o seu obxecto de traballo. A diferenza da nosa proposta de transliteración radica principalmente en que se combina co mecanismo de adaptación ao galego.

A transcrición adaptando a transliteración proposta previamente pretende conservar unha mínima fidelidade á pronuncia da escrita e tirar partido dos valores fonolóxicos habituais dos seus grafemas. Estes obxectivos están en moi boa medida conseguidos polos autores precedentes, aínda que consideramos que se deben facer certas correccións. Nos dous casos, parécenos que a causa obedece á brevidade das propostas de transcrición.

Como xa comentamos, idea pioneira é de Méndez Fernández (1997), quen inicia o debate cunha breve proposta, pero con varias omisións evitables. Porén, tivo a virtude de reclamar a atención sobre un tema urxente nos ámbitos da comunicación e do ensino. A esta chamada acudiu Frías Conde (2006) con bastante acerto, pero cunha proposta baseada no árabe oral que dificilmente é accesible aos profesionais da ensinanza e dos medios de comunicación. Independentemente de opcións debatibles ou pobremente xustificadas (como o uso de <t> ou <th> para a interdental ou o de <dj>), ten outras baseadas en criterios máis prácticos (como a distinta transliteración de vogais e semiconsoantes), herdeiras dos mellores métodos de transcrición.

Pola nosa parte, sabemos que podemos ter eivas na nosa proposta ou tomar decisións controvertidas, pero quixemos baseala nuns criterios claros que permitan un punto inicial de discusión. A nosa intención é que, partindo da transliteración se chegue á forma adaptada ao galego tirando un pouco máis polo mesmo camiño. Teremos así tres pasos: transliteración grafémica, transcrición fonolóxica e adaptación ortográfica ao galego. Asi, tomando como referencia os resultados conseguidos anteriormente mediante a transliteración, estableceremos a seguinte táboa de equivalencias de transcrición que remite orixinariamente a cada carácter árabe e que herda en realidade os grafemas da transliteración:

Cremos que as regras para realizar a transcrición a partir da transliteración son doadas de identificar e memorizar: eliminar o <K>, os caracteres máis altos (< ' > e < * >) e máis baixos (os puntos) e pasar o <j> a <x> e as maiúsculas a minúsculas. Como veremos, os resultados deste proceso producirán unha cadea que cómpre adaptar á ortografía galega.



Páxina inicial
Artigo completo para descargar como PDF
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 1. Introdución
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 2. Marco teórico
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 3. A lingua de partida
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4. Antecedentes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.1. Transcrición fonética
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.2. Transliteracións internacionais
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.3. Transcricións fonolóxicas ao galego
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5. Metodoloxía
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1. Proposta de transliteración
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.1. Vogais e semiconsoantes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.2. Consoantes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.3. Notas sobre ortografía árabe
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.2. Transcrición á fonoloxía galega
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.3. Adaptación á ortografía galega da transcrición fonolóxica
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6. Aplicación
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.1. Nomes das letras
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.2. Lingua e literatura
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.3. Vestimenta
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.4. Xeografía física
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 7. Referencias bibliográficas