Saltar ao contido

Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1. Proposta de transliteración

En Galifontes, o Wikisource en galego.

A transliteración que se pretende conseguir ten como obxectivos mínimos a fidelidade á escrita árabe orixinal, baseándose na forma escrita do árabe clásico ou do árabe estándar moderno; a reversibilidade, (ou retransliteración, segundo a ISO 233-2) é dicir, que a partir da transliteración galega se poida reconstruír a forma orixinal árabe; e o uso de grafemas dispoñibles tipograficamente no contexto dun usuario galego medio e dos seus valores fonolóxicos habituais na lectura, evitando na medida do posible os caracteres non alfabéticos, os dígrafos e, sobre todo, os diacríticos.

O árabe estándar conta con 28 fonemas e grafemas consonánticos, mentres que a norma do galego establece 18 consoantes (dos cales o <ñ> non é útil na práctica para a transliteración do árabe), xunto con tres alógrafos derivados (<gu>, <qu> e <rr>), tres dígrafos imprescindibles para representar fonemas que non se poden representar con grafemas únicos (<ch>, <nh> e <ll>) e cinco grafemas considerados para estranxeirismos (<j>, <k>, <w>, <y> e <ç>) e que polo tanto son asumibles para os arabismos. O <v> e o <q> poden ter algún rendemento con carácter distintivo no proceso, o primeiro só potencialmente na adaptación, mentres que o segundo tamén no de transliteración. Os dígrafos imprescindibles e o <ç> non poden asimilarse á lectura dun grafema árabe, salvo en todo caso o <ll>. Contamos polo tanto cun total de 22 grafemas en minúscula posibles para a transliteración, o cal resulta insuficiente para o noso propósito.

Se se prentende a reversibilidade, isto obriga á asunción de símbolos distintos de letras, dígrafos ou ao uso de maíusculas como grafemas distintivos. A utilización dos digramas presenta un problema: debido a que se pode producir calquera combinación de grafemas simples nunha secuencia, resultaría difícil distinguir cando esa combinación escrita consiste nun dígrafo ou da simple coincidencia de dous grafemas. Para diferenciar un dígrafo da coincidencia dos dous grafemas que o compoñen, transcribiremos a primeira letra do dígrafo en maiúscula, que será un dos casos onde as tomaremos como distintivas. Sabemos que esta práctica non é habitual (cf. só sistemas 2, 6 7 e 15 17 na táboa), pero cremos que este sistema é necesario para poder asegurar a reversibilidade da transliteración.



Páxina inicial
Artigo completo para descargar como PDF
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 1. Introdución
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 2. Marco teórico
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 3. A lingua de partida
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4. Antecedentes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.1. Transcrición fonética
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.2. Transliteracións internacionais
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.3. Transcricións fonolóxicas ao galego
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5. Metodoloxía
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1. Proposta de transliteración
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.1. Vogais e semiconsoantes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.2. Consoantes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.3. Notas sobre ortografía árabe
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.2. Transcrición á fonoloxía galega
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.3. Adaptación á ortografía galega da transcrición fonolóxica
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6. Aplicación
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.1. Nomes das letras
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.2. Lingua e literatura
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.3. Vestimenta
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.4. Xeografía física
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 7. Referencias bibliográficas