Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 3. A lingua de partida
Pode considerarse que o árabe, igual que o chinés, non é unha lingua, senón varias. A súa distribución xeográfica esténdese desde as costas atlánticas ata as do Golfo Pérsico, polo que a súa variación diatópica é pouco menos que inevitable: aínda así, tamén existe unha forte influencia cohesionadora. Así como no chinés o factor aglutinador é a escrita ideográfica, o árabe conta cunha variante escrita, arcaica e clásica, reflectida no principal texto relixioso islámico. A lingua do Corán establécese así como referente cultural para toda unha comunidade relixiosa que excede con moito os límites xeográficos onde o árabe pode considerarse lingua nacional. Por iso, a tradición cultural deste árabe escrito é tan poderosa que, nos países arábigos e norteafricanos onde coexiste con outras variantes principalmente orais, pode considerarse que existe unha diglosia de carácter benigno que unifica toda a comunidade de fe. Loxicamente existen variantes máis prestixiosas (por exemplo, o exipcio), pero o padrón segue a ser o árabe que se ven chamando clásico. As necesidades contemporáneas destas sociedades esixiron desde hai tempo a existencia dunha adaptación deste árabe clásico á vida moderna, o que motivou a creación do árabe estándar actual, que se ensina na actualidade aos falantes non nativos e se usa na literatura. Tanto a variedade clásica como a estándar serán as bases nas que se fundamente a presente proposta para (re)crear as palabras galegas de procedencia árabe e a razón é que estas son as formas máis estables en toda a Arabofonía.
As dúas primeiras diferenzas do árabe respecto ao galego son que se escribe da dereita á esquerda e non utiliza un sistema de escrita caligráfica. Cada carácter representa en realidade a consoante pola que comeza unha sílaba, pois tódalas sílabas nesta lingua comezan por consoante. Unha destas consoantes é unha plosiva glotal, que é en realidade a consoante pola que comezan as sílabas que aparentan carecer de marxe prenuclear. Aínda así, ademais das sílabas libres, existen sílabas trabadas, que a ortografía árabe interpreta como dúas sílabas onde a segunda carece de vogal. Esta ausencia de núcleo e a xeminación van marcadas con diacríticos especiais.
A relación dos caracteres das consoantes do árabe estándar cos seus fonemas correspondentes é biúnivoca, pero a súa forma non é constante. Non é igual có uso das maiúsculas, senón que depende da posición relativa na palabra. Igual ca nos cadernos de caligrafía infantil, as letras son distintas se van unidas coa seguinte, coa anterior, coa seguinte e a anterior ou illadas. Esta distinción pode semellar trivial pero dá certos problemas na aprendizaxe, debido a que hai moitos caracteres que sofren variacións no seu apéndice ou na súa morfoloxía e seis que nunca se unen co carácter seguinte. Nas táboas que siguen, amosaremos as grafías nestas catro posicións para cada carácter.
As vogais márcanse enriba ou debaixo destes caracteres como diacríticos e son seis, tres breves e as súas correspondentes longas, que se marcan con caracteres adicionais. Esta é xa a primeira diferenza fonolóxica respecto ao galego: haberá que prever que o sistema de transliteración conserve estas diferenzas. No que respecta ás vinte e oito consoantes, unha parte son comúns ao galego, ou polo menos á maioría das linguas europeas, pero hai outras que son inéditas nas linguas do noso continente. Así como as vogais poden ser longas, as consoantes tamén pode ser xeminadas. Non nos imos deter aquí a definir cada un dos seus valores fonolóxicos e variacións fonéticas e dialectais: simplemente exporemos o símbolo do Alfabeto Fonético Internacional que o describe. Do nome das letras en árabe xa nos ocuparemos máis adiante, na primeira aplicación práctica.
Observando a táboa pódese comprobar que o número 1 presenta varios alomorfos, o 3 presenta un alógrafo para posición final e illada, os números 1, 8-11 e 27 non ligan co grafema seguinte e que o 17 presenta dúas pronuncias sonoras, ambas adiantadas no padal (que se distribúen diatópicamente polo dominio lingüístico do árabe estándar).
Ademais destes grafemas básicos, hai outro tipo de ligaduras que aparecerían por exemplo co artigo e algunhas preposicións ou conxuncións, ou cando as sílabas indicadas por 1 ou por 23 conteñen unha vogal longa, pero a casuística deste tipo de ligaturas sáese fóra do noso interese nesta primeira aproximación. No apartado de aplicación (v. punto 5) darémoslles nome.