Saltar ao contido

Constitución española de 1978/Título IX

En Galifontes, o Wikisource en galego.



Constitución do Reino de España


  Aprobada polas Cortes en sesións plenarias do Congreso dos Deputados  
e do Senado celebradas o día 31 de outubro de 1978,
ratificada polo pobo español en referendo do 6 do mesmo ano
e sancionada polo rei ante as Cortes o día 27 de decembro de 1978.
 


Índice

 

Título IX: Do Tribunal Constitucional

[editar]

Artigo 159

[editar]
  1. O Tribunal Constitucional componse de doce membros nomeados polo rei; de entre eles, catro por proposta do Congreso por maioría de tres quintos dos seus membros; catro por proposta do Senado, con idéntica maioría; dous por proposta do Goberno, e dous por proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial.
  2. Os membros do Tribunal Constitucional deberán ser nomeados entre maxistrados e fiscais, profesores de universidade, funcionarios públicos e avogados, todos eles xuristas de recoñecida competencia con máis de quince anos de exercicio profesional.
  3. Os membros do Tribunal Constitucional serán designados por un período de nove anos e renovaranse por terceiras partes cada tres.
  4. A condición de membro do Tribunal Constitucional é incompatible: con todo mandato representativo; cos cargos políticos ou administrativos; co desempeño de funcións directivas nun partido político ou nun sindicato e co emprego ó servicio deles; co exercicio das carreiras xudicial e fiscal, e con calquera actividade profesional ou mercantil. No demais, os membros do Tribunal Constitucional terán as incompatibilidades propias dos membros do poder xudicial.
  5. Os membros do Tribunal Constitucional serán independentes e inamovibles no exercicio do seu mandato.

Artigo 160

[editar]

O presidente do Tribunal Constitucional será nomeado entre os seus membros polo rei, por proposta do mesmo Tribunal en pleno e por un período de tres anos.

Artigo 161

[editar]
  1. O Tribunal Constitucional ten xurisdicción en todo o territorio español e é competente para coñecer:
a) Do recurso de inconstitucionalidade contra leis e disposicións normativas con forza de lei. A declaración de inconstitucionalidade dunha norma xurídica con categoría de lei, interpretada pola xurisprudencia, afectará a esta, se ben a sentencia ou sentencias recaídas non perderán o valor de cousa xulgada.
b) Do recurso de amparo por violación dos dereitos e liberdades referidos no artigo 53.2 desta Constitución, nos casos e formas que a lei estableza.
c) Dos conflictos de competencia entre o Estado e as comunidades autónomas ou dos destas entre si.
d) Das demais materias que lle atribúan a Constitución ou as leis orgánicas.
2. O Goberno poderá impugnar perante o Tribunal Constitucional as disposicións e resolucións adoptadas polos órganos das comunidades autónomas. A impugnación producirá a suspensión da disposición ou da resolución contra a que se recorreu, mais o Tribunal, se corresponde, deberá ratificala ou levantala nun prazo non superior a cinco meses.

Artigo 162

[editar]
  1. Están lexitimados:
a) Para interpoñeren o recurso de inconstitucionalidade, o presidente do Goberno, o defensor do pobo, cincuenta deputados, cincuenta senadores, os órganos colexiados executivos das comunidades autónomas e, se é o caso, as asembleas destas.
b) Para interpoñeren o recurso de amparo, toda persoa natural ou xurídica que invoque un interese lexítimo, así como o defensor do pobo e o ministerio fiscal.
2. Nos demais casos, a lei orgánica determinará as persoas e órganos lexitimados.

Artigo 163

[editar]

Cando un órgano xudicial considere, nalgún proceso, que unha norma con categoría de lei, aplicable ó caso, da validez da cal dependa a sentencia, poida ser contraria á Constitución, formulará a cuestión perante o Tribunal Constitucional nos supostos, na forma e cos efectos que estableza a lei, que en ningún caso serán suspensivos.

Artigo 164

[editar]
  1. As sentencias do Tribunal Constitucional publicaranse no Boletín Oficial del Estado cos votos particulares, se os houbese. Teñen o valor de cousa xulgada a partir do día seguinte da súa publicación e non cabe recurso ningún contra elas. As que declaren a inconstitucionalidade dunha lei ou dunha norma con forza de lei e tódalas que non se limiten á estimación subxectiva dun dereito teñen plenos efectos fronte a todos.
  2. De non ser que na sentencia se dispoña outra cousa, subsistirá a vixencia da lei na parte non afectada pola inconstitucionalidade.

Artigo 165

[editar]

Unha lei orgánica regulará o funcionamento do Tribunal Constitucional, o estatuto dos seus membros, o procedemento perante el e as condicións para o exercicio das accións.