Saltar ao contido

Constitución española de 1978/Título III

En Galifontes, o Wikisource en galego.



Constitución do Reino de España


  Aprobada polas Cortes en sesións plenarias do Congreso dos Deputados  
e do Senado celebradas o día 31 de outubro de 1978,
ratificada polo pobo español en referendo do 6 do mesmo ano
e sancionada polo rei ante as Cortes o día 27 de decembro de 1978.
 


Índice

 

Título III: Das Cortes Xerais

[editar]

Capítulo Primeiro: Das cámaras

[editar]

Artigo 66

[editar]
  1. As Cortes Xerais representan ó pobo español e están formadas polo Congreso dos Deputados e o Senado.
  2. As Cortes Xerais exercen a potestade lexislativa do Estado, aproban os seus orzamentos, controlan a acción do Goberno e teñen as demais competencias que lles atribúa a Constitución.
  3. As Cortes Xerais son inviolables.

Artigo 67

[editar]
  1. Ninguén poderá ser membro das dúas cámaras simultaneamente, nin acumula-la acta dunha asemblea de comunidade autónoma coa de deputado ó Congreso.
  2. Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo.
  3. As reunións de parlamentarios que se celebren sen convocatoria regulamentaria non vincularán as cámaras e non poderán facer exercicio das súas funcións nin ostentación dos seus privilexios.

Artigo 68

[editar]
  1. O Congreso componse dun mínimo de 300 e un máximo de 400 deputados, elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, nos termos que estableza a lei.
  2. A circunscrición electoral é a provincia. As poboacións de Ceuta e Melilla estarán representadas con cadanseu deputado. A lei distribuirá o número total de deputados, asignándolle unha representación mínima inicial a cada circunscrición e distribuíndo os demais en proporción á súa poboación.
  3. A elección verificarase en cada circunscrición atendendo criterios de representación proporcional.
  4. O Congreso elíxese por catro anos. O mandato dos deputados termina catro anos despois da súa elección ou o día da disolución da cámara.
  5. Son electores e elixibles tódolos españois que estean en pleno uso dos seus dereitos políticos. A lei recoñecerá e o Estado facilitará o exercicio do dereito de sufraxio ós españois que se atopen fóra do territorio de España.
  6. As eleccións terán lugar entre os trinta días e sesenta días dende a terminación do mandato. O Congreso electo deberá de ser convocado dentro dos vintecinco días seguintes á celebración das eleccións.

Artigo 69

[editar]
  1. O Senado é a cámara de representación territorial.
  2. En cada provincia elixiranse catro senadores por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, polos votantes de cada unha delas, nos termos que sinale unha lei orgánica.
  3. Nas provincias insulares, cada illa ou agrupación delas, con cabido ou consello insular, constituirá unha circunscrición para efectos de elección de senadores, correspondéndolle tres a cada unha das illas maiores —Gran Canaria, Mallorca e Tenerife— e un a cada unha das seguintes illas ou agrupacións: Ibiza-Formentera, Menorca, Fuerteventura, Gomera, Hierro, Lanzarote e La Palma.
  4. As poboacións de Ceuta e Melilla elixirán cada unha delas dous senadores.
  5. As comunidades autónomas designarán ademais un senador e outro máis por cada millón de habitantes do seu respectivo territorio. A designación corresponderalle á asemblea lexislativa ou, no seu defecto, ó órgano colexiado superior da comunidade autónoma, de acordo co que establezan os estatutos, que asegurarán, en todo caso, a adecuada representación proporcional.
  6. O Senado elíxese por catro anos. O mandato dos senadores termina catro anos despois da súa elección ou o día da disolución da cámara.

Artigo 70

[editar]
  1. A lei electoral determinará as causas de inelixibilidade e incompatibilidade dos deputados e senadores, que comprenderán, en todo caso:
a) Os compoñentes do Tribunal Constitucional.
b) Os altos cargos da Administración do Estado que determine a lei, coa excepción dos membros do Goberno.
c) O Defensor do Pobo.
d) Os maxistrados, xuíces e fiscais en activo.
e) Os militares profesionais e membros das forzas e corpos de seguridade e policía en activo.
f) Os membros das xuntas electorais.
2. A validez das actas e credenciais dos membros de ámbalas cámaras estará sometida a control xudicial, nos termos que estableza a lei electoral.

Artigo 71

[editar]
  1. Os deputados e senadores gozarán de inviolabilidade polas opinións manifestadas no exercicio das súas funcións.
  2. Durante o período do seu mandato os deputados e senadores gozarán tamén de inmunidade e só poderán ser detidos en caso de flagrante delicto. Non poderán ser inculpados nin procesados sen a previa autorización da cámara respectiva.
  3. Nas causas contra deputados e senadores será competente a Sala do Penal do Tribunal Supremo.
  4. Os deputados e senadores percibirán unha asignación que será fixada polas respectivas cámaras.

Artigo 72

[editar]
  1. As cámaras establecen os seus propios regulamentos, aproban autonomamente os seus orzamentos e, de común acordo, regulan o estatuto do persoal das Cortes Xerais. Os regulamentos e a súa reforma serán sometidos a unha votación final sobre a súa totalidade, que requirirá a maioría absoluta.
  2. As cámaras elixen os seus respectivos presidentes e os demais membros das súas mesas. As sesións conxuntas serán presididas polo presidente do Congreso e rexeranse por un regulamento das Cortes Xerais aprobado por maioría absoluta de cada cámara.
  3. Os presidentes das cámaras exercen en nome delas tódolos poderes administrativos e facultades de policía no interior das súas respectivas sedes.

Artigo 73

[editar]
  1. As cámaras reuniranse anualmente en dous períodos ordinarios de sesións: o primeiro, de setembro a decembro, e o segundo, de febreiro a xuño.
  1. As cámaras poderán reunirse en sesións extraordinarias por petición do Goberno, da Deputación Permanente ou da maioría absoluta dos membros de calquera das cámaras. As sesións extraordinarias deberanse convocar sobre unha orde do día determinada e serán clausuradas unha vez que esta se esgote.

Artigo 74

[editar]
  1. As cámaras reuniranse en sesión conxunta para o exercicio das competencias non lexislativas que o título II lle atribúe expresamente ás Cortes Xerais.
  2. As decisións das Cortes Xerais previstas nos artigos 94.1, 145.2 e 158.2 adoptaranse por maioría de cada unha das cámaras. No primeiro caso, o procedemento iniciarao o Congreso, e nos outros dous, o Senado. En ámbolos casos, se non houbera acordo entre Senado e Congreso, intentarase obter por unha comisión mixta composta de igual número de deputados e senadores. A comisión presentará un texto, que será votado por ámbalas cámaras. Se non se aproba na forma establecida decidirá o Congreso por maioría absoluta.

Artigo 75

[editar]
  1. As cámaras funcionarán en Pleno e por comisións.
  2. As cámaras poderán delegar nas comisións lexislativas permanentes a aprobación de proxectos ou proposicións de lei. O Pleno poderá, con todo, avocar en calquera momento o debate e votación de calquera proxecto ou proposición de lei que xa fora obxecto desta delegación.
  3. Quedan exceptuados do disposto no apartado anterior a reforma constitucional, as cuestións internacionais, as leis orgánicas e de bases e os orzamentos xerais do Estado.

Artigo 76

[editar]
  1. O Congreso e o Senado, e, se é o caso, ámbalas cámaras asemade, poderán nomear comisións de investigación sobre calquera asunto de interese público. As súas conclusións non serán vinculantes para os tribunais, nin afectarán ás resolucións xudiciais, sen prexuízo de que o resultado da investigación lle sexa comunicado ó ministerio fiscal para o exercicio, cando proceda, das accións oportunas.
  2. Será obrigatorio comparecer por requirimento das cámaras. A lei regulará as sancións que poidan impoñerse por incumprimento desta obriga.

Artigo 77

[editar]
  1. As cámaras poden recibir peticións individuais e colectivas, sempre por escrito, quedando prohibida a presentación directa por manifestacións cidadás.
  2. As cámaras pódenlle remitir ó Goberno as peticións que reciban. O Goberno está obrigado a explicarse sobre o seu contido, sempre que as cámaras o esixan.

Artigo 78

[editar]
  1. En cada cámara haberá unha Deputación Permanente composta por un mínimo de vinteún membros, que representarán ós grupos parlamentarios, en proporción á súa importancia numérica.
  2. As deputacións permanentes estarán presididas polo presidente da cámara respectiva e terán como funcións a prevista no artigo 73, a de asumi-las facultades que lles correspondan ás cámaras, de acordo cos artigos 86 e 116, en caso de que estas fosen disoltas ou expirase o seu mandato, e a de velar polos poderes das cámaras, cando estas non estean reunidas.
  3. Expirado o mandato ou en caso de disolución, as deputacións permanentes seguirán exercendo as súas funcións ata a constitución das novas Cortes Xerais.
  4. Reunida a cámara correspondente, a Deputación Permanente dará conta dos asuntos tratados e das súas decisións.

Artigo 79

[editar]
  1. Para adoptaren acordos as cámaras deben estar reunidas regulamentariamente e con asistencia da maioría dos seus membros.
  2. Eses acordos, para seren válidos, deberán ser aprobados pola maioría dos membros presentes, sen prexuízo das maiorías especiais que establezan a Constitución ou as leis orgánicas e mailas que para a elección de persoas establezan os regulamentos das cámaras.
  3. O voto de senadores e deputados é persoal e indelegable.

Artigo 80

[editar]

As sesións plenarias das cámaras serán públicas, salvo acordo contrario de cada cámara, adoptado por maioría absoluta ou de acordo co regulamento.

Capítulo Segundo: Da elaboración das leis

[editar]

Artigo 81

[editar]
  1. Son leis orgánicas as relativas ó desenvolvemento dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, as que aproben os estatutos de autonomía e o réxime electoral xeral e as demais previstas na Constitución.
  2. A aprobación, modificación ou derrogación das leis orgánicas esixirá maioría absoluta do Congreso, nunha votación final sobre o conxunto do proxecto.

Artigo 82

[editar]
  1. As Cortes Xerais poderán delegar no Goberno a potestade de dictar normas con categoría de lei sobre materias determinadas non incluídas no artigo anterior.
  2. A delegación lexislativa deberase outorgar mediante unha lei de bases cando o seu obxecto sexa a formación de textos articulados ou por unha lei ordinaria cando se trate de refundir varios textos legais nun só.
  3. A delegación lexislativa teráselle que outorgar ó Goberno de forma expresa para materia concreta e con fixación do prazo para o seu exercicio. A delegación esgotarase polo uso que dela faga o Goberno mediante a publicación da norma correspondente. Non poderá entenderse concedida de modo implícito ou por tempo indeterminado. Tampouco poderá ser permitida a subdelegación a autoridades distintas do propio Goberno.
  4. As leis de bases delimitarán con precisión o obxecto e alcance da delegación lexislativa e os principios e criterios que se han de seguir no seu exercicio.
  5. A autorización para refundir textos legais determinará o ámbito normativo a que se refire o contido da delegación, especificando se se circunscribe á mera formulación dun texto único ou se se inclúe a regularización, aclaración e harmonización dos textos legais que van ser refundidos.
  6. Sen prexuízo da competencia propia dos tribunais, as leis de delegación poderán establecer en cada caso fórmulas adicionais de control.

Artigo 83

[editar]

As leis de bases non poderán en ningún caso:

a) Autoriza-la modificación da propia lei de bases.
b) Facultar para dictar normas con carácter retroactivo.

Artigo 84

[editar]

Cando unha proposición de lei ou unha emenda sexa contraria a unha delegación lexislativa en vigor, o Goberno está facultado para se opoñer á súa tramitación. En tal suposto, poderá presentarse unha proposición de lei para a derrogación total ou parcial da lei de delegación.

Artigo 85

[editar]

As disposicións do Goberno que conteñan a lexislación delegada recibirán o título de decretos lexislativos.

Artigo 86

[editar]
  1. En caso de extraordinaria e urxente necesidade, o Goberno poderá dictar disposicións lexislativas provisionais que tomarán a forma de decretos-leis e que non poderán afecta-lo ordenamento das institucións básicas do Estado, os dereitos, deberes e liberdades dos cidadáns regulados no título I, o réxime das comunidades autónomas nin o dereito electoral xeral.
  2. Os decretos-leis deberán ser inmediatamente sometidos a debate e votación de totalidade ó Congreso dos Deputados, convocado para o efecto se non estivese reunido, no prazo dos trinta días seguintes á súa promulgación. O Congreso terase que pronunciar expresamente dentro dese prazo sobre a súa validación ou derrogación; para iso o regulamento establecerá un procedemento especial e sumario.
  3. Durante o prazo establecido no apartado anterior as Cortes poderán tramitalos como proxectos de lei polo procedemento de urxencia.

Artigo 87

[editar]
  1. A iniciativa lexislativa correspóndelles ó Goberno, ó Congreso e ó Senado, de acordo coa Constitución e os regulamentos das cámaras.
  2. As asembleas das comunidades autónomas poderán solicitar do Goberno a adopción dun proxecto de lei ou remitiren á Mesa do Congreso unha proposición de lei, delegando ante a citada cámara un máximo de tres membros da asemblea encargados da súa defensa.
  3. Unha lei orgánica regulará as formas de exercicio e requisitos da iniciativa popular para a presentación de proposicións de lei. En todo caso esixiranse non menos de 500.000 sinaturas acreditadas. Non procederá esa iniciativa en materias propias de lei orgánica, tributarias ou de carácter internacional, nin no relativo á prerrogativa de gracia.

Artigo 88

[editar]

Os proxectos de lei serán aprobados en Consello de Ministros, que os someterá ó Congreso, acompañados dunha exposición de motivos e dos antecedentes necesarios para se pronunciar sobre eles.

Artigo 89

[editar]
  1. A tramitación das proposicións de lei regularase polos regulamentos das cámaras, sen que a prioridade debida ós proxectos de lei impida o exercicio da iniciativa lexislativa nos termos regulados polo artigo 87.
  2. As proposicións de lei que, de acordo co artigo 87, tome en consideración o Senado remitiránselle ó Congreso para o seu trámite neste como tal proposición.

Artigo 90

[editar]
  1. Aprobado un proxecto de lei ordinaria ou orgánica polo Congreso dos Deputados, o seu presidente daralle inmediata conta del ó presidente do Senado, que o someterá á deliberación deste.
  2. O Senado no prazo de dous meses, a partir do día da recepción do texto, pode, mediante mensaxe motivada, vetalo ou introducir emendas nel. O veto deberá ser aprobado por maioría absoluta. O proxecto non poderá ser sometido ó rei para sanción sen que o Congreso ratifique por maioría absoluta, en caso de veto, o texto inicial, ou por maioría simple, unha vez transcorridos dous meses dende a interposición daquel, ou se pronuncie sobre as emendas, aceptándoas ou non por maioría simple.
  3. O prazo de dous meses de que o Senado dispón para vetar ou emenda-lo proxecto reducirase ó de vinte días naturais nos proxectos declarados urxentes polo Goberno ou polo Congreso dos Deputados.

Artigo 91

[editar]

O rei sancionará no prazo de quince días as leis aprobadas polas Cortes Xerais, e promulgaraas e ordenará a súa inmediata publicación.

Artigo 92

[editar]
  1. As decisións políticas de especial transcendencia poderán ser sometidas a referendo consultivo de tódolos cidadáns.
  2. O referendo será convocado polo rei, mediante proposta do presidente do Goberno previamente autorizada polo Congreso dos Deputados.
  3. Unha lei orgánica regulará as condicións e mailo procedemento das distintas modalidades de referendo previstas nesta Constitución.

Capítulo Terceiro: Dos tratados internacionais

[editar]

Artigo 93

[editar]

Mediante lei orgánica poderá autorizarse o asinamento de tratados polos que se lle atribúa a unha organización ou institución internacional o exercicio de competencias derivadas da Constitución. Correspóndelles ás Cortes Xerais e mais ó Goberno, segundo os casos, a garantía do cumprimento destes tratados e das resolucións emanadas dos organismos internacionais ou supranacionais titulares da cesión.

Artigo 94

[editar]
  1. A prestación do consentimento do Estado para se obrigar por medio de tratados ou convenios requirirá a previa autorización das Cortes Xerais, nos seguintes casos:
a) Tratados de carácter político.
b) Tratados ou convenios de carácter militar.
c) Tratados ou convenios que afecten a integridade territorial do Estado ou os dereitos e deberes fundamentais establecidos no título I.
d) Tratados ou convenios que impliquen obrigas financeiras para a Facenda pública.
e) Tratados ou convenios que supoñan modificación ou derrogación dalgunha lei ou esixan medidas lexislativas para a súa execución.
2. O Congreso e mailo Senado serán inmediatamente informados da conclusión dos restantes tratados ou convenios.

Artigo 95

[editar]
  1. O asinamento dun tratado internacional que conteña estipulacións contrarias á Constitución esixirá a previa revisión constitucional.
  2. O Goberno ou calquera das cámaras pode requiri-lo Tribunal Constitucional para que declare se existe ou non esa contradicción.

Artigo 96

[editar]
  1. Os tratados internacionais validamente asinados, unha vez publicados oficialmente en España, formarán parte do ordenamento interno. As súas disposicións só poderán ser derrogadas, modificadas ou suspendidas na forma prevista nos propios tratados ou de acordo coas normas xerais do dereito internacional.
  2. Para a denuncia dos tratados e convenios internacionais utilizarase o mesmo procedemento previsto para a súa aprobación no artigo 94.