Wikisource:Texto destacado/A lama dos preitos
“O laverco da Toxeira, fillo do pai de Xuana” –polo seu nome Enrique– facía na escola as pranas máis somellantes ás mostras de Iturzaeta; e pró demais tamén era moi espelido.
O mestre chamábase D. Silvestre Caugalleira, de mote “Escuadrón”, porque había sido sarxento de caballería, e sempre estaba falando do seu escuadrón. Non sabía moito de letras, pero tiña a gramáteca do mundo que correra, e as leuciós que recolleu ós vellos.
Cando veu que Enrique sabía tanto como el, –de letras se entende– chamouno ó pé da súa cadeira, e díxolle en gallego: –unhas veces falaba en gallego, e outras no linguaxe de Castela.
—“Dille a teus pais que ti xa estás perdendo o tempo na escola, –bastante perdiamos todos– pois eu non che podo enseñar máis do que sabes”.
Este feito do mestre, fala máis que moitos libros, pois ben se vía nel a sinxela palabra dos homes que din o que sinten.
“O laverco” quedou espantado, saleu dando brincos como un tolo, e os demais quedamos mortos de envidia.
Desde aquel día a nai de Enrique, chea de orgullo, decía que o seu fillo xa podía ser mestre; e fixo de modo que entrase na curia “do pai da Pombiña”.
Presentareilles a estes novos perxonaxes, pra que vostedes sepan con quen van prá feira.
Pero antes teño que compretar o retrato do mestre.
Como xa lles dixen, era un home de moito mundo, xa velliño; que tiña máis de guerreiro que de mestre.
Cando estaba de xéneo, pasaba o tempo contándonos as súas batallas, e non lle quedaba vagar pra tomar as leuciós. Pero cando falaba das guerras, falaba en castellano, e, pouco máis ou menos, decía así: