Saltar ao contido

Danza da lúa en Santiago

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Danza da lúa en Santiago (Seis poemas galegos)       Federico García Lorca       1935
 


Autógrafo orixinal (fragmento).

¡Fita aquel branco galán,
olla seu transido corpo!

É a lúa que baila
na Quintana dos mortos.

Fita seu corpo transido,
negro de somas e lobos.

Nai: A lúa está bailando
na Quintana dos mortos.

¿Quén fire potro de pedra
na mesma porta do sono?

¡É a lúa! ¡É a lúa
na Quintana dos mortos!

¿Quén fita meus grises vidros
cheos de nubens seus ollos?

É a lúa, é a lúa
na Quintana dos mortos.

Déixame morrer no leito
soñando con froles d'ouro.

Nai: A lúa está bailando
na Quintana dos mortos.

¡Ai filla, co ár do céo
vólvome branca de pronto!

Non é o ar, é a triste lúa
na Quintana dos mortos.

¿Quén brúa co-este xemido
d'imenso boi melancónico?

Nai: É a lúa, é a lúa
na Quintana dos mortos.

¡Si, a lúa, a lúa
coronada de toxos,
que baila, e baila, e baila
na Quintana dos mortos!


<<<< >>>>


Seis poemas galegos de Federico García Lorca
Madrigal á cibdá de Santiago - Romaxe de Nosa Señora da Barca - Cantiga do neno da tenda
Noiturnio do adoescente morto - Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta - Danza da lúa en Santiago