Constitución española de 1931/Título I
Constitución española: Título I Cortes Españolas
Título I: Organización nacional
[editar]Artigo 8
1. O Estado español, dentro dos límites irreductibles do seu territorio actual, estará integrado por Municipios mancomunados en provincias e polas rexións que se constitúan en réxime de autonomía.
2. Os territorios de soberanía do norte de África se organizarán en réxime autónomo en relación directa co Poder central.
Artigo 9
1. Tódolos Municipios da República serán autónomos nas materias da súa competencia e elixirán os seus Concellos por sufraxio universal, igual, directo e secreto, salvo cando funcionen en réxime de Concello aberto.
2. Os alcaldes serán desiñados sempre por elección directa do pobo ou polo Concello.
Artigo 10
1. As provincias constituiranse polos Municipios mancomunados conforme a unha lei que determinará o seu réxime, as súas funcións e o xeito de elexir o órgano xestor dos seus fins político-administrativos.
2. No seu termo xurisdiccional entraran os propios municipios que actualmente as forman, salvo as modificacións que autorice a lei, cos requisitos correspondentes.
3. Nas illas Canarias, ademáis, cada illa formará unha categoría orgánica provista dun Cabildo insular como Corpo xestor dos seus intereses peculiares, con funcións e facultades administrativas iguais ás que a lei asiñe ó das provincias.
4. As illas Baleares poderán optar por un réxime idéntico.
Artigo 11
1. Se unha ou varias provincias limítrofes, con características históricas, culturais e económicas, comúns, acordaran organizarse en rexión autónoma pra formar un núcleo político administrativo, dentro do Estado español, presentarán o seu Estatuto con arreglo ó establecido no Artigo 12.
2. Nese Estatuto poderán recabar para sí, na súa totalidade ou parcialmente, as atribucións que se determinan nos artigos 15, 16 e 18 desta Constitución, sen perxuízo, no segundo caso, de que poidan recabar todas ou parte das restantes polo mesmo procedimento establecido neste Código fundamental.
3. A condición de limítrofe non é esixible ós territorios insulares entre sí.
4. Unha vez aprobado o Estatuto, será a lei básica da organización político administrativa da rexión autónoma, e o Estado español a recoñecerá e amparará como parte integrante do seu ordeamento xurídico.
Artigo 12
1. Para a aprobación do Estatuto da rexión autónoma se requiren as seguintes condicións:
a) Que o propoña a maioría dos seus Concellos ou, cando menos, aqueles cuxos Municipios comprendan as dúas terceiras partes do Censo electoral da rexión.
b) Que o acepten, polo procedemento que sinale a lei Electoral, polo menos as dúas terceiras partes dos electores inscritos no Censo da rexión. Se o plebiscito fose negativo, non poderá renovarse a proposta de autonomía ata transcurridos cinco anos.
c) Que o aproben as Cortes.
2. Os Estatutos rexionais serán aprobados polo Congreso sempre que se axusten ó presente Título e non contengan, en caso algún, preceptos contrarios á Constitución, e tampouco ás leis orgánicas do Estado nas materias non transmisibles ó poder rexional, sen perxuízo da facultade que ás Cortes recoñecen os artigos 15 e 16.
Artigo 13
1. En ningún caso se admite a Federación de rexións autónomas.
Artigo 14
Son da exclusiva competencia do Estado español a lexislación e a execución directa nas materias seguintes:
1. Adquisición e perda da nacionalidade e regulación dos dereitos e deberes constitucionais.
2. Relación entre as Igrexas e o Estado e réxime de cultos.
3. Representación diplomática e consular e, en xeral, a do Estado no exterior; declaración de guerra; Tratados de paz; réxime de Colonias e Protectorado, e toda clase de relacións internacionais.
4. Defensa da seguridade pública nos conflitos de carácter suprarrexional ou extrarrexional.
5. Pesca marítima.
6. Débeda do Estado.
7. Exército, Mariña de guerra e Defensa nacional.
8. Réxime arancelario, Tratados de Comercio, Aduanas e libre circulación das mercancías.
9. Abanderamento de buques mercantes, os seus dereitos e beneficios e iluminación de costas.
10. Réxime de extradición.
11. Xurisdicción do Tribunal Supremo, salvo as atribucións que se recoñezan ós Poderes rexionais.
12. Sistema monetario, emisión fiduciaria e ordeación xeral bancaria.
13. Réxime xeral de comunicacións, líñas aéreas, correos, telégrafos, cables submarinos e radiocomunicación.
14. Aproveitamentos hidráulicos e instalacións eléctricas, cando as augas discurran fora da rexión autónoma ou o transporte da enerxía salga do seu termo.
15. Defensa sanitaria en canto afecte a intereses extrarrexionais.
16. Policía de fronteiras, inmigración, emigración e estranxeiría.
17. Facenda xeral do Estado.
18. Fiscalización da producción e o comercio de armas.
Artigo 15
Corresponde ó Estado español a lexislación, e poderá corresponder ás rexións autónomas a execución, na medida da súa capacidade política, a xuízo das Cortes, sobor as seguintes materias:
1. Lexislación penal, social, mercantil e procesal, e en canto á lexislación civil, a forma do matrimonio, a ordenación dos rexistros e hipotecas, as bases das obligacións contractuais e a regulación dos Estatutos, personal, real e formal, para coordinar a aplicación e resolver os conflitos entre as distintas lexislacións civís de España.
A execución das leis sociais será inspeccionada polo Goberno da República, para garantir o seu estrito cumprimento e o dos Tratados internacionais que afecten á materia.
2. Lexislación sobor propiedade intelectual e industrial.
3. Eficacia dos comunicados oficiais e documentos públicos.
4. Pesas e medidas.
5. Réxime mineiro e bases mínimas sobor montes, agricultura e gandería, en canto afecte á defensa da riqueza e á coordinación da economía nacional.
6. Ferrocarrís, estradas, canles, teléfonos e portos de interese xeral, quedando a salvo para o Estado a reversión e policía dos primeiros e a execución directa que poda reservarse.
7. Bases mínimas da lexislación sanitaria interior.
8. Réxime de seguros xerais e sociais.
9. Lexislación de augas, caza e pesca fluvial.
10. Réxime de Prensa, Asociacións, reunións e espectáculos públicos.
11. Dereito de expropiación, salvo sempre a facultade do Estado para executar por sí as súas obras peculiares.
12. Socialización de riquezas naturais e empresas económicas, delimitándose pola lexislación a propiedade e as facultades do Estado e das rexións.
13. Servizos de aviación civil e radiodifusión.
Artigo 16
1. Nas materias non comprendidas nos dous artigos anteriores, poderán corresponder á competencia das rexións autónomas a lexislación exclusiva e a execución directa, conforme ó que dispoñan os respectivos Estatutos aprobados polas Cortes.
Artigo 17
1. Nas rexións autónomas non se poderá regular ningunha materia con diferenza de trato entre os naturais do país e os demáis españois.
Artigo 18
1. Tódalas materias que non estean explícitamente recoñecidas no seu Estatuto á rexión autónoma se reputarán propias da competencia do Estado; pero éste poderá distribuir ou transmitir as facultades por medio dunha lei.
Artigo 19
1. O Estado poderá fixar, por medio dunha lei, aquelas bases as que terán de axustarse as disposicións lexislativas das rexións autónomas, cando así o esixira a armonía entre os intereses locais e o interese xeral da República. Corresponde ó Tribunal de Garantías Constitucionais a apreciación previa desta necesidade.
2. Para a aprobación desta lei se precisará o voto favorable das dúas terceiras partes dos Deputados que integren as Cortes.
3. Nas materias reguladas por unha lei de Bases da República as rexións poderán estatuir o pertinente, por lei ou por ordenanza.
Artigo 20
1. As leis da República serán executadas nas rexións autónomas polas súas autoridades respectivas, excepto aquelas cuxa aplicación esté atribuida a órganos especiais ou en cuxo texto se dispoña o contrario, sempre conforme ó establecido neste título.
2. O Goberno da República poderá ditar Reglamentos para a execución das súas leis, aínda nos casos en que esta execución corresponda ás autoridades rexionais.
Artigo 21
1. O dereito do Estado español prevalece sobre o das rexións autónomas en todo o que non estea atribuido á exclusiva competencia destas nos seus respectivos Estatutos.
Artigo 22
1. Calquera das provincias que forme unha rexión autónoma ou parte dela poderá renunciar ó seu réxime e voltar ó de provincia directamente vinculada ó Poder central. Para tomar este acordo será necesario que o propoña a maioría dos seus Concellos e o acepten, polo menos, dúas terceiras partes dos electores inscritos no censo da provincia.
Anterior: Título preliminar |
Constitución española de 1931 | Seguinte: Título II |