Saltar ao contido

Cantares gallegos/San Antonio bendito

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




              11.


      San Antonio bendito,
 Dádeme un home,
 Anque me mate,
 Anque m' esfole.


      Meu santo San Antonio
 Dáime un homiño
 Anqu' ó tamaño teña
 D' un gran de millo.

 Dáimo, meu santo,
 Anqu' os pés teña coxos,
 Mancos os brazos.

      Un-ha muller sin home...
 Santo bendito!
 E corpiño sin alma,
 Festa sin trigo.

 Pau viradoiro,
 Qu' onda queira que vaya
 Troncho que troncho.

      Mais en tend' un homiño
 ¡Virxe do Carme!
 Non hay mundo que chegue
 Para un folgarse.

 Que zamb' ou trenco,
 Sempr' é vó ter un home
 Para un remedio.

      Eu sey d' un que cobiça
 Causa miralo,
 Lanzaliño de corpo,
 Roxo e encarnado.

 Carniñas de manteiga,
 E palabras tan doces
 Cal mentireiras.

      Por él peno de dia,
 De noite peno,
 Pensando nós seus ollos
 Color de céo.

 Mais el xá doito,
 D' amoriños entende,
 De casar pouco.

      Facé, meu San Antonio,
 Qu' onda min veña,
 Para casar conmigo,
 Nena solteira.

 Que levo en dote
 Un-ha cullér de ferro,
 Cátro de boxe.

      Un hirmanciño novo
 Que xá ten dentes,
 Un-ha vaquiña vella
 Que non dá leite...

 Ay! meu santiño,
 Facé que tal suceda,
 Cal vó lo pido.

      San Antonio bendito,
 Dádeme un home,
 Anque me mate,
 Anque m' esfole.

 Que zamb' ou trenco,
 Sempr' é bó ter un home
 Para un remedio.



<<<< >>>>