Saltar ao contido

Cantares gallegos/Vint'un-ha crara noite

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




                    10.

                     I.

      Vint' un-ha crara noite,
 Noitiña de S. Xoán,
 Poñend' as frescas herbas
 Na font' á serenar.
 E tan bonit' estabas,
 Cál rosa nó rosal,
 Que d' orballiño fresco
 Toda cubert' está.
 Por eso, namorado,
 Con manso suspirar
 Os meus amantes brazos
 Voteiche pó lo bán.
 E ti con dulces ollos
 E mais dulce falar,
 Meiguiña m' envoucastes
 En pracido solás.
 As estrelliñas todas
 Qu' aló no espaço están,
 Sorrindo nos miraban
 Con soave craridá.
 E foron, ay! testigos
 D' aquel teu suspirar
 Qu' ó meu correspondia
 Con amoriño igual.
 Pero dempois con outros
 Mais majos e galans
 (Mais nón, que mais te queiran
 Qu' haber, nón haberá),
 Tamén, tamén meniña
 Soupeches praticar
 A sombra dos salgueiros
 Cabo do romeiral.
 Por eso eu che cantaba
 En triste soledá,
 Cando, ay de min! te via
 Con eles parolar:
 Cóida, miña meniña,
 Dás praticas que das,
 Que donde moitos cospen,
           Lama fan.


                     II.

      Que triste hóra te vexo!...
 Que triste, nena, estás!...
 Os teus frescos colores,
 Donde, meniña, van?
 O teu mirar sereno,
 O teu doce cantar,
 Donde, meniña, donde
 Coitada toparás?
 Xá non te vin, meniña,
 Na noite de S. Xoán,
 Poñend' as frescas herbas
 Na font' á serenar.
 Xá non te vin fresquiña
 Cál rosa nó rosal,
 Que muchadiña estabas
 De tanto saloucar.
 Hóra de dór ferida
 Buscando á honriña vas,
 A honriña que perdeches,
 Mais ¿quen ch' á volverá?
 Eu ben, miña meniña,
 Ben ch' á quixera dar,
 Qu' á quel que ben te quixo
 Dóise de verte mal.
 Mais ánque dir, eu diga,
 Que limpa, nena, estás,
 Respondenme sorrindo
 Por se de min bulrár.
 «Ben sabes, Farruquiño,
 Farruco dó Pombal,
 Que donde moitos cospen,
           Lama fan.»



<<<< >>>>