Saltar ao contido

Wikisource:Texto destacado/Ana María

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Ana María. — Xoán Xesús González. 1925.


         —...Tiña verdadeiros desexos de coñocelo xa.
         Ouvín falar moito de vostede, en difrentes ocasiós, e intresábame tratalo —iame dicindo con voz doce e morna, Ana María de Castro, aquela mañán fresca e branca, do mes de Maio, nos claustros da Escola Normal de Compostela, denantes d' entrar na crase de Historia Natural.
         —Pois xa me conece. Aquí me ten para servila, para ademirala e para ser un dos seus mais ferventes devotos —houben de contestarlle, sin estar moi seguro de saber o que decía.
         —É vostede moi amabre.
         —Non o crea. Eu coido que soilo son respetuoso como é deber de toda persoa ben criada.
         —¡Raro! Hoxe poucos homes hai que seipan respetar as mulleres. Tan poucos que cicais non haxa un...
         —¿Coida vostede?...
         —¿Compretamente segura?
         —Quizais teña que facer unha escolma para aseguralo d' unha maneira categórica, pero tería que ser despois de ouservalo moito, moito.
         —Paréceme que é vostede un pouco dura pensando d' iste xeito.
         —Os homes todo o merecen...
         —Non sei se me permita creer que vostede ten sofrido moitos desenganos amorosos.
         —Non pense...
         —¿Non tivo vostede nunca noivo?
         —Si... Un que morreu pol-a gripe. Era moi bô o probiño...
         —Sentiría destonces moito a sua morte...
         —Un pouco... O día que o enterraban examinábame eu na Normal de Pontevedra..
         —¡Qué triste estaría aquel día vostede! Ter que presentarse diante d' un tribunal no que están de cote as persoas serias e ter o noivo morto. Choraría abondo.
         —Eso de cote o fago. Todas cantas veces me examino, choro como unha desleigada. Comprendo que fago unha verdadeira parvada pero non o podo remediar. Xa teño chegado a pensar si eu serei un caso de anormalidá.
         —É vostede moi impresionabre. A todal-as persoas bondadosas ll' acontece o mesmo. Son moi sensibres.
         —Non sei. Son moi nervosa. Todo me impresiona. Póñome á pensar e choro sin mais nada. Non son capaz de estar soila sen que non me corran as bágoas pol-as meixelas. Estoulle temendo á os exámenes dend' o primeiro día en que dá comezo o curso.