Saltar ao contido

O home que plantaba árbores

En Galifontes, o Wikisource en galego.


O HOME QUE PLANTABA ÁRBORES       JEAN GIONO       1953
 



Para que o carácter dun ser humano deixe ver unha calidade realmente excepcional, é necesario ter a boa sorte de poder observar a súa acción durante longos anos. Se a súa acción está desposuída de todo egoísmo, se a idea que a dirixe é a dunha xenerosidade sen comparación, se é completamente certo que non buscou recompensa en ningunha parte e que ademais deixou sobre o mundo marcas visibles, entón estamos, sen risco de erros, diante dun carácter inesquecible.

Fai uns corenta anos, facía unha longa travesía a pé sobre uns outeiros totalmente descoñecidos para os turistas, na vella rexión dos Alpes que penetra na Provenza. Esta rexión está delimitada ó suroeste e ó sur polo curso medio do Durance, entre Sisteron e Mirabeau; ó norte polo curso superior do Drome, dende a súa fonte ate Die; ó oeste polas chairas do Condado Venaissin e os contrafortes do Monte Ventoux. Comprende toda a parte norte do departamento dos Baixos-Alpes, o sur do Drome e un pequeno enclave do Vaucluse. Era, no momento no que emprendín a miña longa camiñata nesas terras desertas, landas núas e monótonas, a unha altura entre 1.200 e 1.300 metros. Alí non crecía nada máis que lavandas salvaxes.

Atravesaba este país pola súa zona máis ancha, e, despois de tres días de marcha, atopábame nunha desolación inigualable. Acampaba á beira dun esqueleto de aldea abandonada. Xa non tiña auga dende a véspera e facíame falla atopala. As casas amontoadas, aínda que en ruínas, como un vello niño de abellas, fixéronme pensar que noutro tempo debeu haber alí unha fonte ou un pozo. E había unha fonte, pero seca. As cinco ou seis casas, sen teito, castigadas polo vento e a choiva, a pequena capela co campanario afundido, estaban ordenadas como o están as casas e as capelas nas aldeas vivas, pero toda vida desaparecera.

Era un bo día de xuño cun sol luminoso, pero, sobre estas terras altas e sen abrigo, o vento sopraba cunha brutalidade insoportable. Os seus asubíos a través da estrutura das casas eran semellantes ós sons que fai unha fera cando devora.

Vinme obrigado a levantar o campamento. A cinco horas de marcha de alí non atopara aínda auga, e nada me daba a esperanza de atopala. Por tódolos arredores facíase presente a mesma seca, as mesmas herbas pallizas. Pareceume percibir ó lonxe unha pequena silueta negra, no fondo. Tomeina por unha árbore solitaria. Ó chou, dirixíame cara a ela. Era un pastor. Uns trinta años deitados sobre a terra recocida descansaban achegados a el.

Fíxome beber da súa cabaza e, un pouco máis tarde, levoume á súa vivenda, nunha ondulación do terreo. Sacaba a súa auga, excelente, dun furado natural, moi fondo, sobre o que instalara un rudimentario torno.

O home falaba pouco. É o común nos solitarios, pero tíñao asimilado e confiaba na súa seguridade. Era insólito neste país desposuído de todo. Non vivía nunha cabana, senón nunha auténtica casa de pedra onde se vía moi ben como o seu traballo persoal aproveitou a ruína que atopou alí á súa chegada. O seu teito era sólido e estanco. O vento que o golpeaba facía sobre as tellas o ruído do mar sobre as praias.

Os seus aparellos de cociña estaban en orde, a súa vaixela lavada, o seu chan varrido, o seu fusil, engraxado; a súa sopa fervía sobre o lume. Fixeime entón en que estaba tamén acabado de afeitar, que tódolos seus botóns estaban cosidos fortemente, que a súa roupa estaba repasada co coidado minucioso que volve invisibles as puntadas.

Fíxome compartir a súa sopa e, como despois lle ofrecín a miña petaca de tabaco, díxome que non fumaba. O seu can, silencioso coma el mesmo, recibiume ben pero sen garatuxas.

Deuse por feito que pasaría a noite alí; a vila máis próxima estaba aínda a máis dun día e medio de marcha. E, ademais, coñecía perfectamente o carácter das raras poboacións desta rexión. Hai alí dispersas catro ou cinco, lonxe unhas das outras, ós flancos destas lombas, acompañando a carballos brancos, ó final dos camiños polos que se pode circular. Viven nelas leñadores que fan carbón de madeira. Son sitios onde se malvive. As familias, apertadas unhas contra as outras neste clima que é dunha dureza excesiva, tanto no verán como no inverno, exasperan co seu egoísmo interno. A ambición irracional é desmesurada no desexo continuo de escaparse deste lugar.

Os homes van levar o seu carbón á cidade cos seus camións e logo volven. As calidades máis sólidas quebran baixo esta perpetua tortura. As mulleres desmigan os seus rancores. Hai unha concorrencia en todo, tanto para a venta do carbón como para o banco na igrexa, para as virtudes que se comparan entre elas, para os vicios que se combaten entre eles e pola mestura xeral de vicios e virtudes, sen repouso. Ademais, o vento irrita os nervios tamén sen repouso. Hai epidemias de suicidios e numerosos casos de tolos, case sempre homicidas.

O pastor que non fumaba foi buscar un pequeno saco e botou sobre a mesa un montón de landras. Púxose a examinalas unha tras outra con moita atención, separando as boas das malas. Eu fumaba a miña pipa. Propúxenme a axudalo. Díxome que era o seu traballo. En efecto: vendo o coidado que poñía neste traballo, non insistín. Esta foi toda a nosa conversa. Cando tivo á beira das boas un montón abondo grande, contounas por paquetes de dez. Facendo isto, eliminou aínda os froitos pequenos ou os que tiñan unha lixeira fendedura, pois examinábaas de moi de preto. Cando tivo diante de si cen landras perfectasperfetas, parou e fomos deitarnos.

A convivencia con este home daba paz. Ó día seguinte pedinlle permiso para descansar toda a xornada na súa casa. Atopouno natural, ou, máis aínda, deume a impresión de que nada podía molestalo. Este repouso non me era necesario, pero estaba intrigado e quería saber máis. Fixo saír o seu rabaño e levouno ó pastopastizal. Antes de marchar, puxo nun cubo de auga o pequeno saco onde metera as landras coidadosamente elixidas e contadas.

Decateime de que, a modo de bastón, levaba unha barra de ferro gorda como o polgar e de arredor dun metro cincuenta de longo. Fixen como quen se pasea tranquilo e seguín unha ruta paralela á súa. O pasteiro dos seus animais estaba ó fondo dunha bagoada. Deixou o pequeno rabaño gardado polo can e subiu ó sitio onde estaba eu. Tiven medo de que viñera reprocharme a miña indiscreción, pero nada diso; estaba sobre a súa ruta e convidoume a acompañalo se non tiña nada mellor que facer. Ía a douscentos metros de alí, no alto. Chegado ó sitio onde quería ir, púxose a chantar a súa barra de ferro na terra. Facía así un furado no que metía unha landra, e logo volvía a encher o furado. Plantaba carballos. Pregunteille se a terra era súa. Respondeume que non. ¿Sabía de quen era? Non o sabía. ¿Supoñía que era unha terra comunal, ou pode que propiedade de xente que non se preocupaba? Quen non se preocupaba era el de coñecer os propietarios. Plantou así cen landras cun coidado extremo.

Despois da comida do mediodía, comezou de novo a tratar a semente. Puxen, creo, insistencia abonda nas miñas preguntas, pois el respondeume. Dende había tres anos plantaba árbores nesta soidade. Plantara xa cen mil. Dos cen mil, vinte mil prenderan. Deses vinte mil, contaba perder a metade, por enfermidade ou por calquera outra cousa imposible de prever nos designios da providencia. Quedaban dez mil carballos que ían medrar neste lugar onde non había nada antes.

Nese momento apercibinme da idade deste home. Era claro que máis de cincuenta anos. Cincuenta e cinco, díxome. Chamábase Elzeard Bouffier. Tivera tempo atrás unha granxa na chaira. Fixera alí a súa vida. Perdera o seu único fillo, e despois a súa muller. Retirouse na soidade na que tiña o pracer de vivir lentamente, cos seus animais e o seu can. Xulgou que este país morría por falta de árbores. Explicou que, non tendo ocupacións moi importantes, resolveu remediar este estado de cousas.

Leveime eu mesmo a ese momento. A pesar da miña mocidade, unha vida solitaria facíame saber tocar con delicadeza as almas dos solitarios. Porén, cometín un erro. A miña xuventude, precisamente, forzábame a imaxinar o futuro en función de min mesmo e dunha certa procura da felicidade. Díxenlle que, en trinta anos, estes dez mil carballos serían magníficos. Respondeume só que, se Deus lle prestaba vida, en trinta anos, xa tería plantado moitos outros de tal xeito que estes dez mil serían como unha gota de auga no mar.

Estudaba xa, por aquel entón, a reprodución das faias, e tiña preto da súa casa un viveiro onde xermolaban retoños de faia. Os suxeitos, que protexera dos seus años por unha barreira de arame, estaban en eclosión. De igual xeito pensaba nas abidueiras para os fondos onde, segundo me dixo, unha certa humidade durmía a algúns metros do chan.

Separámonos ó día seguinte.

Ó ano seguinte foi a guerra do 14, na que me vin envolto durante cinco anos. Un soldado de infantería a penas podía reflexionar sobre as árbores. A dicir verdade, o ocorrido non deixara marca en min; considerárao como unha manía, unha colección de selos, e esquecérao.

Saído da guerra, atopábame beneficiario dun bono de desmobilización ridículo, pero con ganas de respirar un pouco de aire puro. Así, sen outra idea preconcibida, retomei o camiño destes lugares desertos.

O país non cambiara. Pero, mais aló da aldea morta, percibín na distancia unha especie de néboa gris que recubría os outeiros como un tapiz. Dende o día anterior, puxérame a pensar no pastor que plantaba árbores. "Dez mil carballos, dicíame, ocupan realmente moito sitio".

Vira morrer demasiada xente durante cinco anos para non poder imaxinar de xeito doado a morte de Elzear Bouffier, máis aínda cando tendo vinte, se consideran os homes de cincuenta como vellos ós que non resta máis que morrer. Non estaba morto. Cambiara de oficio. Mesmo estaba en plena forma. Non tiña máis que catro animais, pero, pola contra, unha centena de colmeas. Desfixérase dos años que poñían en perigo as súas plantacións de árbores. Pois, díxome (e eu constateino), non se viu afectado pola guerra. Continuara a plantar de xeito imperturbable.

Os carballos de 1910 tiñan entón dez anos e eran máis altos ca el e ca min. O espectáculo era impresionante. Eu quedei mudo e, como el non falaba, pasamos todo o día en silencio a pasearnos polo seu bosque. Tiña, en tres cachos, once quilómetros na súa maior extensión. Cando se lembraba que todo aquilo saíra das mans e do corazón daquel home, sen medios técnicos, comprendíase que os homes podían ser tan eficaces como Deus mesmo en dominios diferentes á destrución.

Seguira a súa idea, e as faias que me chegaban ós ombros, estendidas ata que se perdían de vista, testemuñábano. Os carballos estaban tupidos e pasaran a idade na que estaban á mercé dos ruminantes; en relación ós designios da Providencia para destruír a obra creada, faríalle falta xa recorrer os ciclóns. Ensinoume admirables bosquiños de abidueiras que tiñan cinco anos, é dicir, eran de 1915, da época na que combatía en Verdún. Fixéraos ocupar tódalas bagoadas que, supoñía con acerto, tiñan humidade case a flor de terra. Eran tenros como nenos e estaban ben arraigados.

A creación parecía, porén, operar en cadea. Non se satisfacía co feito; seguía de xeito obstinado a súa obra, moi sinxela. Volvendo de novo á aldea, vin correr a auga polos regatos que estiveran secos o que abarca a memoria do home. Era a máis formidable reacción en cadea que me foi permitido ver. Os regatos secos levaran auga, pero en tempos moi distantes. Algunhas destas aldeas tristes das que xa falei ó comezo da miña historia foran construídas en lugares de antigas vilas galo-romanas das que quedaban aínda sinais, nas que os arqueólogos remexeron e atoparon anzós en lugares nos que, no século XX, era necesario recorrer a cisternas para ter un pouco de auga.

O vento tamén dispersaba algúns grans. Ó tempo que a auga reaparecía, facíano os salgueiros, os xuncos, os prados, os xardíns, as flores e unha certa razón de vivir.

Pero a transformación operábase tan lentamente que entraba no común de xeito que non provocaba estrañeza. Os cazadores que subían ás paraxes solitarias perseguindo lebres ou coellos constataron a eclosión das pequenas árbores, pero supuxeron que era maleza natural da terra. Era polo que ninguén tocaba a obra deste home. Se pensara que era así, estaría contrariado. Era insupoñible. ¿Quen podía imaxinar, nas vilas e nas administracións, unha obstinación tal na xenerosidade máis magnífica?

A partir de 1920, non quedei nunca máis dun ano sen visitar a Elzeard Bouffier. Non o vin nin fraquear nin dubidar. E, porén, ¡só Deus sabe se el mesmo o empuxaba! Non fixen conta dos seus deberes. Imaxínase ben que, para un éxito semellante, foi necesario vencer a adversidade; que, para asegura-la vitoria dunha paixón así, foi necesario loitar coa desesperación. Plantara, durante un ano, máis de dez mil pradairos. Morreron todos. Ó ano seguinte, abandonou os pradairos para volver ás faias, que agarraron mellor aínda que os carballos.

Para ter unha idea un pouco máis exacta deste carácter excepcional, non se pode esquecer que se exercía nunha soidade total; tanto que, cara ó final da súa vida, perdera o hábito de falar. ¿Ou ocorría quizais que non vía a necesidade?

En 1933, recibiu a visita dun garda forestal que estaba atónito. O funcionario deulle a orde de non facer lume, polo medo de poñer en perigo o crecemento deste bosque "natural".

Era a primeira vez, díxolle ese home de poucas miras, que se vía un bosque xurdir de xeito autónomo. Nesta época, ía plantar faias a doce quilómetros da súa casa. Para evitar o traxecto de ida e volta, pois tiña entón setenta e cinco anos, pensaba construír unha cabana de pedra sobre os mesmos lugares de plantación. Fíxoo ó ano seguinte.

En 1935, unha verdadeira delegación administrativa veu examinar o "bosque natural". Contaba cun gran personaxe de Augas e Bosques, un deputado, técnicos ... Pronunciáronse moitas palabras inútiles. Decidiuse facer algo e, felizmente, non se fixo nada, senón a única cousa útil: poñer o bosque baixo a salvagarda do estado e prohibir que se fora facer carbón vexetal. Era imposible non ser enfeitizado pola beleza destas xoves árbores en plena saúde. Esta exerceu o seu poder de sedución sobre o mesmo deputado.

Tiña un amigo entre os xefes forestais que estaba na delegación. Expliqueille o misterio. Un día da semana seguinte, fomos xuntos en busca de Elzeard Bouffier. Atopámolo en pleno traballo, a vinte quilómetros do lugar onde fora a inspección.

Non tiña este xefe forestal como amigo sen razón. Coñecía o valor das cousas. Soubo gardar silencio. Como agasallo, ofrecín os poucos ovos que levaba. Compartimos a nosa comida os tres, e pasamos varias horas nunha contemplación muda da paisaxe.

O lado do que víñamos estaba cuberto de árbores de seis a sete metros de alto. Lembrábame do aspecto do país en 1913, o deserto... O traballo apacible e regular, o aire vivo dos outeiros, a frugalidade e en particular a serenidade da alma deran a este vello unha saúde case solemne. Era un atleta de Deus. Preguntábame, cantas hectáreas ía aínda cubrir de árbores?

Antes de partir, o meu amigo fixo sinxelamente unha breve suxestión a propósito dalgúns tipos de árbores ós que conviría o terreo. Non insistiu -pola boa razón- , díxome despois -de que este bo home sabe máis ca min-. Ó cabo dunha hora de marcha, e tras repensar a idea, especificou: -Sabe moito máis que calquera. ¡Atopou un xeito de ser feliz!"

Foi gracias este xefe polo que, non só o bosque, senón tamén a felicidade do noso home foron protexidos. Fixo nomear tres gardas forestais para a protección e advertiunos de tal xeito que quedaron insensibles a todos os convites de viños que os carboeiros podían propoñer.

A obra non correu grave risco máis que durante a guerra de 1939. Os automóbiles consumían entón gasóxeno, e non había nunca madeira abondo. Comezouse a facer cortas nos carballos de 1910, pero estes barrios están tan afastados de calquera rede de estradas que a empresa revelouse pésima dende o punto de vista financeiro. Abandonouse. O pastor non vira nada. Estaba a trinta quilómetros de alí, continuando de xeito apacible a súa tarefa, ignorando a guerra do 39 como o fixera coa do 14.

Vin a Elzeard Bouffier a última vez en xuño de 1945. Tiña entón oitenta e sete anos. Collera de novo a ruta do deserto, pero agora, a pesar do descalabro no que a guerra deixara o país, había un autobús que facía o servicio entre o val do Durance e a montaña. Atribuín a este medio de transporte relativamente rápido o que non recoñecera xa os sitios dos meus últimos paseos. Parecíame así que o percorrido me facía pasar por sitios novos. Tiven necesidade dun nome de poboación para concluír que estaba nesta rexión noutro tempo en ruína e desolada. O autobús deixoume en Vergons.

En 1913, esta aldea de dez ou doce casas tiña tres habitantes. Eran salvaxes, odiábanse, vivían da caza con trampas, case no estado físico e moral dos homes da prehistoria. As ortigas devoraban arredor deles as casas abandonadas. A súa condición non tiña esperanza. Para eles, a vida non era máis que unha espera da morte, situación que non predispón ás virtudes.

Todo cambiara. O mesmo aire. En lugar das borrascas secas e brutais que me acolleron entón, sopraba unha brisa lixeira cargada de olores. Un ruído parello ó da auga viña do alto: era o vento no bosque. Ademais, cousa sorprendente, escoitei o verdadeiro ruído da auga caendo nun estanque. Vin que se fixo unha fonte, que era abundante, e, o que me sorprendeu máis, plantárase preto dela un tileiro que podía ter xa catro anos, xa verde, símbolo incontestable dunha resurrección.

Ademais, Vergons tiña a traza dun traballo dos que, para emprendelos, é necesaria a esperanza. Entón, a esperanza volvera. Desescombráranse as ruínas, tiráranse os muros en mal estado e reconstruíranse cinco casas. A aldea contaba entón con vinte e oito habitantes, entre eles catro parellas acabadas de casar. As casas novas, enfoscadas había pouco, estaban rodeadas de xardíns con horta, nos que crecían, mesturados pero aliñados, os legumes e as flores, as coles e as roseiras, os allos porros e bocas de dragón, apios e anémonas. Era xa un lugar onde daban ganas de vivir.

A partir de alí, fixen o meu camiño a pé. A guerra da que saiamos a penas permitira a expansión completa da vida, pero Lázaro estaba entón fora da tumba. Sobre os flancos baixos do monte, vía pequenos campos de cebada e de centeo; ó fondo dos estreitos vales, algúns prados verdeaban.

Non foron necesarios máis que os oito anos que nos separan desta época para que todo o país resplandecera de saúde e de vida agradable. No emprazamento das ruínas que vira en 1913, levántanse agora granxas limpas, ben caleadas, que denotan unha vida feliz e confortable. As vellas fontes, alimentadas polas chuvias e as neves que reteñen os bosques, puxéronse de novo a manar. Canalizouse a auga. Á beira de cada granxa, en pequenos bosques de pradairos, os estanques das fontes desbordan sobre o tapiz de mentas frescas. As aldeas reconstruíronse pouco a pouco. Unha poboación vida das chairas, onde a terra se vende cara, afincouse no país, aportando xuventude, movemento, espírito de aventura. Atópanse polos camiños homes ben alimentados, rapaces e rapazas que saben rir e que retomaron o gusto polas festas de campo. Se se conta a antiga poboación, descoñecida des que vive coa dozura e os recentemente chegados, máis de dez mil persoas deben a súa prosperidade a Elzeard Bouffier.

Cando reflexiono sobre que un home solo, reducido ós seus sinxelos recursos físicos e morais, bastou para facer xurdir dun deserto esta terra de Canaán, atopo que, a pesar de todo, a condición humana é admirable. Pero, cando fago contas de toda a constancia que foi necesaria, a grandeza de espírito e a coraxe xenerosa para obter este resultado, embárgame un inmenso respecto por este vello paisano sen cultura que soubo levar a bo termo esta obra digna de Deus.

Elzeard Bouffier morreu de xeito sosegado en 1947 no hospicio de Banon.