Saltar ao contido

Liridade inconcreta

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Liridade inconcreta(Con anacos do meu interior)       Manuel Antonio       1920
 


    Heiche de pór de par
dun morto reloxe que teño
    Non sei qué hora ficou a marcar
dendes non sei canto fai que pendura
    Eisí te quero Eu
    Inconsciente de Ti
    máis que canto me diga isa pura
momentaneidade
    O por qué non o sei
    Meu amor inconsciente
    E que tampouco conezo de Ti
    meu inconsciente amor
    máis que isto que che repetirei:
    Heiche de pór de par
dun reloxe detido que teño
sin sabé-la hora
que ficou a marcar.


<<<< >>>>