Saltar ao contido

Estatuto de autonomía de Cataluña de 2006/Título preliminar

En Galifontes, o Wikisource en galego.



  Estatuto de autonomía de Cataluña  

Estatut d'autonomia de Catalunya


Aprobado polo Parlamento español o 30 de marzo de 2006
e polo pobo catalán en referéndum o 18 de xuño de 2006
 


Índice

 

Título preliminar

[editar]

Artigo 1

[editar]

Cataluña

Cataluña, como nacionalidade, exerce o seu autogoberno constituída en comunidade autónoma, de acordo coa Constitución e con este estatuto, que é a súa norma institucional básica.

Artigo 2

[editar]

A Generalitat

  1. A Generalitat é o sistema institucional no que se organiza políticamente o autogoberno de Cataluña.
  2. A Generalitat está integrada polo Parlamento, a Presidencia da Generalitat, o Goberno e as demais institucións que establece o capítulo V, do título II.
  3. Os municipios, as veguerías, as comarcas e os demais entes locais que as leis determinen tamén integran o sistema institucional da Generalitat, como entes nos que esta se organiza territorialment, sen prexeuízo da súa autonomía.
  4. Os poderes da Generalitat emanan do pobo de Cataluña e exércense de acordo co establecido neste estatuto e na Constitución.

Artigo 3

[editar]

Marco político

  1. As relacións da Generalitat co Estado fundaméntanse no principio da lealdade institucional mutua e réxense polo principio seral, segundo o cal a Generalitat é Estado, polo principio de autonomía, polo de bilateralidade e tamén polo de mutualidade.
  2. Cataluña ten no Estado español e na Unión Europea o seu espazo político e xeográfico de referencia e incorpora os valores, os rpincipios e as obrigas que derivan do feito de formar parte deles.

Artigo 4

[editar]

Dereitos e principios reitores

  1. Os poderes públicos de Cataluña deben promover o pleno exercicio das liberdades e dos dereitos que recoñecen este estatuto, a Constitución, a Unión Europea, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e os demais tratados e convenios subscritos por España que recoñecen e garanten os dereitos e as liberdades fundamentais.
  2. Os poderes públicos de Cataluña deben promover as condicións para que a liberdade e a igualdade dos individuos e dos grupos sexan reais e efectivas; deben facilitar a participación de todas as persoas na vida política, económica, cultural e social e deben recoñecer o dereito dos pobos a conservar e desenvolver a súa identidade.
  3. Os poderes públicos de Cataluña deben promover os valores da liberdade, a democracia, a igualdade, o pluralismo, a paz, a xustiza, a soliedariedade, a cohesión social, a equidade de xénero e o desenvolvemento sostible.

Artigo 5

[editar]

Os dereitos históricos

O autogoberno de Cataluña fundaméntase tamén nos dereitos históricos do pobo catalán, nas súas institucións seculares e na tradición xurídica catalá que este estatuto incorpora e actualiza, ao abeiro do artigo 2, a disposición transitoria segunda e outros preceptos da Constitución, dos que deriva o recoñecemento dunha posición singular da Generalitat en relación co dereito civil, a lingua, a cultura, a proxección oficial destas no ámbito educativo e o sistema institucional no que se organiza a Generalitat.

Artigo 6

[editar]

A lingua propia e as linguas oficiais

  1. A lingua propia de Cataluña é a catalá. Como tal, o catalán é a lingua de uso normal e preferente das administracións públicas e dos medios de comunicación públicos de Cataluña e tamén é a lingua normalmente utilizada como vehicular e de aprendizaxe no ensino.
  2. O catalán é a lingua oficial de Cataluña. Tamen o é o castelán, que é a lingua oficial do Estado español. Todas as persoas teñen dereito a utilizar as dous linguas oficiais e os cidadáns de Cataluña o dereito e o deber de coñecelas. Os poderes públicos de Cataluña deben establecer as medidas necesarias para facilitar o exercicio destes dereitos e o cumprimento deste deber. De acordo co disposto no artigo 32, non pode haber discriminación polo uso dunha ou doutra lingua.
  3. A Generalitat e o Estado deben emprender as accións necesarias para o recoñecemento da oficialidade do catalán na Unión Europea e a presenza e a utilización do catalán nos organismos internacionais e nos tratados internacionais de contido cultural ou lingüístico.
  4. A lingua occitana, denominada aranés en Arán, é a lingua propia deste territorio e é oficial en Cataluña, de acordo co establecido neste estatuto e nas leis de normalización lingüística.

Artigo 7

[editar]

A condición política de cataláns

  1. Gozan da condición de cataláns ou cidadáns de Cataluña os cidadáns españois que teñen veciñanza administrativa en Cataluña. Os seus dereitos políticos exércense de acordo con este estatuto e coas leis.
  2. Gozan, como cataláns, dos dereitos políticos definidos por este estatuto os españois residentes no estranxeiro que tiveron en Cataluña a última veciñanza administrativa, así como os seus descendentes que manteñen esa cidadanía, se así o solicitan na forma que determine a lei.

Artigo 8

[editar]

Símbolos de Cataluña

  1. Cataluña, definida como nacionalidade no artigo primeiro, ten como símbolos nacionais a bandeira, a festa e o himno.
  2. A bandeira de Cataluña é a tradicional de catro barras vermellas en fondo amarelo e debe estar presente nos edificios públicos e nos actos oficiais que teñan lugan en Cataluña.
  3. A festa de Cataluña é o día once de setembro.
  4. O himno de Cataluña é Els segadors.
  5. O Parlamento debe regular as distintas expresións do marco simbólico de Cataluña e debe fixar a súa orde protocolaria.
  6. A protección xurídica dos símbolos de Cataluña é a que corresponde aos demais símbolos do Estado.

Artigo 9

[editar]

O territorio

O territorio de Cataluña é o que corresponde aos límites xeográficos e administrativos da Generalitat, no momento da entrada en vigor deste estatuto.

Artigo 10

[editar]

A capital

A capital de Cataluña é a cidade de Barcelona, que é a sede permanente do Parlamento, da Presidencia da Generalitat e do Goberno, sen prexuízo de que o Parlamento e o Goberno poidan reunirse noutros lugares de Cataluña, de acordo co que establecen, respectivamente, o Regulamento do Parlamento e a lei.

Artigo 11

[editar]

Arán

  1. O pobo aranés exerce o autogoberno mediante este estatuto, o Conselh Generau de Arán e as demais institucións propias.
  2. Os cidadáns de Cataluña e as súas institucións políticas recoñecen Arán como unha realidade occitana, dotada de identidade cultural, histórica, xeográfica e lingüística, defendida polos aranesas ao longo dos séculos. Este estatuto recoñece, ampara e respecta esta singularidade e recoñece Arán como entidade territorial singular dentro de Cataluña, a cal é obxecto dunha particular protección por medio dun réxime xurídico especial.

Artigo 12

[editar]

Os territorios con vínculos históricos, lingüísticos e culturais con Cataluña

A Generalitat debe promover a comunicación, o intercambio cultural e a cooperación coas comunidades e os territorios, pertencentes ou non ao Estado Español, que teñan vínculos históricos, lingüísticos e culturais con Cataluña. Para tales efectos, a Generalitat e o Estado, segundo proceda, poden subscribir convenios, tratados e outros instrumentos de colaboración en todos os ámbitos, que poden incluír a creación de organismos comúns.

Artigo 13

[editar]

As comunidades catalás no exterior

A Generalitat, nos termos establecidos pola lei, debe fomentar os vínculos sociais, económicos e culturais coas comunidades catalás no exterior e debe prestarlles a asistencia necesaria. Para tal fin, a Generalitat, segundo proceda, pode formalizar acordos de cooperación coas institucións públicas e privadas dos territorios e dos países onde se atopan as comunidades catalás no exterior e pode solicitarlle ao Estado a subscrición de tratados internacionais sobre esta materia.

Artigo 14

[editar]

Eficacia territorial das normas

  1. As normas e disposicións da Generalitat e o dereito civil de Cataluña teñen eficacia territorial, sen prexuízo das excepcións que poidan establecerse en cada materia e das situacións que deban rexerse polo estatuto persoal ou de outras normas de extraterritorialidade.
  2. Os estranxeiros que adquiren a nacionalidade española quedan sometidos ao dereito civil catalán mentres manteñan a veciñanza administrativa en Cataluña, agás que manifesten a súa vontade en contra.