Estatuto de autonomía de Cataluña de 2006/Preámbulo
Estatuto de autonomía de Cataluña Estatut d'autonomia de Catalunya
|
|
Preámbulo
[editar]Cataluña foi construíndose ao longo do tempo coas achegas de enerxías de moitas xeracións, de moitas tradicións e culturas, que atoparon nela unha terra de acollida.
O pobo de Cataluña mantivo ao longo dos séculos unha vocación constante de autogoberno, encarnada en institucións propias como a Generalitat -que foi creada en 1359 nas Cortes de Cervera- e nun ordeamento xurídico específico recollido, entre outras recompilacións de normas, nas Constitucións i altres drets de Catalunya. Despois de 1714, foron varios os intentos de recuperación das institucións de autogoberno. Neste itinerario histórico constitúen fitos destacados, entre outros, a mancomunidade de 1914, a recuperación da Generalitat co estatuto de 1932, o seu restablecemento en 1977 e o estatuto de 1979, nacido coa democracia, a Constitución de 1978 e o Estado das autonomías.
A liberdade colectiva de Cataluña atopa nas institucións da Generalitat o nexo cunha historia de afirmación e respecto dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas da persoa e dos pobos, historia que os homes e as mulleres de Catauña queren proseguir, co fin de facer posible a construcción dunha sociedade democrática e avanzada, de benestar e progreso, solidaria co conxunto de España e incardinada en Europa.
O pobo catalán segue proclamando hoxe como valores superiores da súa vida colectiva a liberdade, a xustiza e a igualdade e manifesta a súa vontade de avanzar por unha vía de progreso que asegure unha calidade de vida digna para todos os que viven e traballan en Cataluña.
Os poderes públicos están ao servizo do interese xeral e dos dereitos da cidadanía, con respecto ó principio de subsidiariedade.
É por todo isto que, seguindo o espírito do preámbulo de 1979, este estatuto asume que:
- Cataluña é un país rico en territorios e xentes, unha diversidade que a define e a enriquece dende hai séculos e que a fortalece para os tempos vindeiros.
- Cataluña é unha comunidade de persoas libres para persoas libres, onde cada un pode vivir e expresar identidades diversas, cun decidido compromiso comunitario baseado no respecto á dignidade de todas e cada unha das persoas.
- A achega de todos os cidadáns e cidadás configurou unha sociedade integradora, co esforzo como valor e con capacidade innovadora e emprendedora, valores que seguen impulsando o seu progreso.
- O autogoberno de Cataluña fundaméntase na Constitución, así como nos dereitos históricos do pobo catalán que, no marco daquela, dan orixe neste estatuto ao recoñecemento dunha posición singular da Generalitat. Cataluña quere desenvolver a súa personalidade política no marco dun Estado que recoñece e respecta a diversidade de identidades dos pobos de España.
- A tradición cívica e asociativa de Cataluña subliñou sempre a importancia da lingua e da cultura catalás, dos dereitos e dos deberes, do saber, da formación, da cohesión social, do desenvolvemento sostible e da igualdade de dereitos, hoxe, en especial, da igualdade entre mulleres e homes.
- Cataluña, a través do Estado, participa na construción do proxecto político da Unión Europea, cuxos valores e obxectivos comparte.
- Cataluña, dende a súa tradición humanista, afirma o seu compromiso con todos os pobos para construír unha orde mundial pacífica e xusta.
O Parlamento de Cataluña, recollendo o sentimento e a vontade da cidadanía de Cataluña, definiu de forma amplamente maioritaria Cataluña como nación. A Constitución española, no seu artigo segundo, recoñece a realidade nacional de Cataluña como nacionalidade.
En exercicio do dereito inalienable de Cataluña ao autogoberno, os parlamentarios cataláns propoñen, a Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados acorda, as Cortes Xerais aproban e o pobo de Cataluña ratifica este estatuto.