Ensaios e poesías/Diálogo trascendental
—MAIS ¿qué queredes vos?
—Queremos convertir a Galicia d'un arrabal nun centro; facer que teña vida propia, grande, inmensa; que chegue a ser unha lumarada espiritual acesa alumeando o mundo enteiro.
—¡Obra grande! Mais ¿cómo?
—Para as grandes almas son as obras. ¿Cómo facel-o? Co noso esforzo, que non debe conocer límites; coa nosa vontade, para quen deben ser as tarefas infinitas: co traballo e a disciplina de todo o noso ser: ¡O porvir é para os que saben conqueril-o!
—¡Vaguedás! Falade en concreto ¿Cómo servir â vosa causa?
—Sirve a Galicia o que aproveita un salto de auga, o que fai froitificar dobremente un campo; o que crea unha compañía de navegación; o que escribe un poema, pinta un cuadro, abre unha escola, fai cencia....
O home mais simple, o mais pequeño de espirito, cando na sua acción pensa n' aquel pobo que un día rexurdirá na beira do Atlántico como un novo lumiar, será grande e sentiráse grande. E todo esto, tendo sempre presente o fin d'unha Galicia nova, porque ¡ai do que queira vivir egoístamente por sí e para sí! Morrerá e está de feito ja medio morto. ¡O egoísmo é o pai da morte!
—De maneira que o noso ideal...?
—¿O noso ideal? Un pobo culto, nobre, traballador, creador do mais alto que exista, n'unha terra fecunda; unha inmensa perspeitiva de searas e bosques, de talleres, de portos, de poesía, de cencia, de ideal...
Esa é a nosa Galicia do futuro.
Publicado en "A Nosa Terra" o 31 de Maio de 1922.