Cantares gallegos/Nosa Señora da Barca
5. (6.) [1]
«Nosa señora da Barca
Ten o tellado de pedra;
Ben ó pudera ter d' ouro
Miña Virxe si quixera.»
I.
Canta xente... canta xente
Por campiñas, e por veigas!
Canta pó lo mar abaixo
Ven camiño da ribeira!
Que lanchas tan ben portadas
Con aparellos de festa!
Que botes tan feituquiños,
Con tan feituquiñas velas!
Todos cargadiños veñen
De xentiña forasteira,
E de rapazas bonitas
Cura de tódalas penas.
Cantos dengues encarnados!
Cantas sintas amarelas!
Cantas cofias pranchadiñas
Dende lonxe relumbrean,
Cal si fosen neve pura,
Cal froles da primadera!
Canta maxesa nos homes,
Canta brancura nas nenas!
Y eles semellan gallardos
Pinos qu' os montes ourean,
Y elas cogolliños novos
C' orballo da mañan fresca.
As de Muros, tan finiñas,
Qu' un coidara que se creban,
C' aquelas caras de virxe,
C' aqueles ollos de almendra,
C' aqueles cabelos longos
Xuntados en longas trenzas,
C' aqueles cores rousados,
Cal si á aurora llos puñera
Pois asi son de soaves
Com' aurora que comenza;
Descendentes das airosas
Fillas da pagana Grecia,
Elas de negro se visten,
Delgadiñas e lixeiras,
Refaixo e mantelo negro,
Zapato e media de seda,
Negra chaqueta de raso,
Mantilla da mesma peza,
Con terciopelo adornado
Canto enriva de si levan;
Fillas de reinas parecen,
Griegas estatuas semellan,
Si á un rayo de sol poniente
Repousadas se contempran,
Ricos panos de Manila,
Brancos e cor de sireixa,
Cruzanse sobre ó seu seyo
Con pudorosa modestia;
E por antr' eles relosen,
Como brillantes estrelas,
Aderesos e collares
De diamantes e de pelras,
Pendentes de filigrana
E pechuguiñas de cera.
As de Camariñas, visten
Cál rapaciñas gaiteiras,
Sayas de vivos colores
Pó lo pescozo da perna,
Lucindo ó negro zapato
Enriva de branca media.
Chambras feitas de mil rayas
Azuladas e bermellas,
Con guarniciós que lles caen
Sobr' á rumbosa cadeira.
Para tocar ó pandeiro,
Non hay coma tales nenas,
Que son as Camariñanas,
Feitas de sal e canela.
As de Cé, ¡Virxe do Carme!
¡Que cariñas tan ben feitas!
Cando están coloradiñas
No ruxe ruxe da festa,
Cada mirar dos seus ollos
Fire como cen saetas,
Nin hay mans, tan ben cortadas,
Tan branquiñas e pequenas,
Com' as qu' amostran finxindo
Que non queren que llas vexan.
Son as de Laxe un-has mozas,
Vaya un-has mozas aquelas!
Solo con velas de lonxe,
Quitaselles á monteira;
Porque son vivas de xenio
Aunque son rapazas netas.
Bailadoras... n' hay ningun-has
Que con elas se entrometan,
Pois por bailar, bailarian
No cribo d' un-ha peneira;
Mais en tocando á que recen,
En rezar son as pirmeiras...
Dan ó mund' ó qu' é do mundo,
Dan á ygrexa ó qu' é da ygrexa.
As de Noya, ven s' axuntan
C' as graciosas Rianxeiras,
Pó los redondos peïños,
Pó las cabeleiras crechas,
Pó los morenos lunares,
E pó las agudas lenguas,
Qu' abofé qu' en todo pican
Como si fosen pementa.
Veñen dempois recatadas
Anqu' un pouquiño soberbias
Por aquelo qu' elas saben
D' antigüedad' e nobresa
(Pois por acó todos somos
Tal cóma Dios nos fixera,)
As meniñas ven compostas
D' un-ha vila quisquilleira,
Que por onde van, parece
Que van dicindo: «¡Canela!
¿Prantamos ou non prantamos
A cantas hay n' esta terra?»
Mais si prantan ou non prantan,
Non son eu quen ó dixera,
Que fora pouca cordura,
Que fora farta llanesa.
Baste desir que xuntiñas
Todas na porta da ygrexa
Mais bonitas parecian
Qu' un ramiño de asucenas,
Mais frescas qu' un-ha Ieituga
Mais sabrosiñas que fresas.
Xa que fosen de Rianxo,
Que fosen de Redondela,
De Camariñas ou Laxe,
De Laxe ou de Pontareas,
Todas eran tan bonitas,
Todas tan bonitas eran,
Qu' o de mais duras entrañas
Der' as entrañas por elas...
Por eso se derretian,
Cal si foran de manteiga,
Diante delas os rapaces,
Os rapaciños da festa,
Os mariñeiros do mare,
Que dond' á Virxen viñeran,
Por qu' á Virxen os salvara
De naufragar na tormenta.
Mais si salvaron no mare,
Non se salvarán na terra;
Mariñeiros, mariñeiros,
Qu' aqui tamen hay tormentas
Qu' afogan corasonciños
Sin que lle vallan ofertas,
Qu' oye á Virxe os que s' afogan
Do mar antr' as ondas feras,
Mas non oye os namorados,
Que d' afogarse s' alegran.
II.
Ramo de froles parece,
Muxía á das altas penas
Con tanta rosa espallada
N' aquella branca ribeira,
Con tanto carabeliño
Que relose antr' as areas,
Con tanta xente que corre
Que corr' e se sarandea
O son das gaitas que tocan
E das bombas que reventan,
Uns que venden limoada
Outros augua que refresca,
Aqueles dulce resolio
Con rosquilliñas d' almendra,
Os de mais alá sandías
Con sabrosas sirigüelas,
Mentras tanto qu' algun cego
O son d' alegre pandeira,
Toc' un carto de guitarra
Para que bailen as nenas.
Bendita á Virxe da Barca,
Bendita por sempre sea!
Miña Virxe milagrosa,
En quen tantos se recrean!
Todos van por visitala,
Todos ali van por vela
Na sua barca dourada,
Na sua barca pequena,
Dond' estan dous anxeliños,
Dous anxeliños que reman.
Ali chegou milagrosa
Nun-ha embarcaçon de pedra,
Ali por que Dios ó quixo
Sempre adoradores teña.
A pedra vala que vala,
Sirvelle de centinela,
E mentras dormen os homes,
El' adoraçon lle presta
Con aquel son campanudo
Qu' escoitar lonxe se deixa,
E á quen ó mar con bramidos
Umildosos lIé contesta.
Cando as campanas repican
E a musica retumbea,
Cal nun céo, pó las naves
Da recollidiña ygrexa,
Cand' os foguetes estalan
Nos aires, e voces frescas
Pó lo espaço, c' as gaitiñas
E c' os tambores se mescran,
Estonces á pedra vala
Tan alegr' e tan contenta
Qu' an qu' un cento de presoas
Brinca e salta enrriva dela,
Coma si fose mociña,
Mais que un-ha pruma lixeira,
Alegre com' un-has pascuas
Salta e rebrinca con elas.
Choven estonces ofertas,
Que lle traen os romeiros
En feitiñas carabelas,
Diante da Virxe bendita,
Os pés da sagrada Reina,
E por eso alí lle cantan
Cando se despiden d' ela:
«Nosa señora da Barca
Ten ó tellado de pedra;
Ben ó pudera ter d' ouro
Miña Virxe si quixera."
- ↑ Levou o número "5." na primeira edición (1863) e o "6." na segunda edición (1872), corrixida e aumentada.
<<<< | >>>> |