Cantares gallegos/Miña santiña
Cantares gallegos Rosalía de Castro 1872 (2ª edición) [1]
5.
Miña Santiña,
Miña Santasa,
Miña cariña
De calabasa.
Ei d’ emprestarbos
Os meus pendentes,
Ei d’ emprestarbos
Ó meu collar;
Ei d’ emprestarcho,
Cara bonita,
Si me deprendes
A puntear.
—Costureiriña
Comprimenteira
Sacha no campo,
Malla na eira,
Lava no rio,
Vay apañar
Toxiños secos
Antr’ ó pinar.
Asi á meniña
Traballadora
Os punteados
Deprende ora.
—Miña santiña,
Mal me quixere
Quen m’ aconsella
Que tal fixere.
Mans de señora,
Mans fidalgueiras
Teñen todiñas
As costureiras ;
Boca de reina
Corpo de dama,
Comprell’ á seda,
Foxen d’ a lana.
—¡Ay rapaciña!
Ti tél-o teo:
¡Sed’ as que dormen
Antr’ ó centeo!!!
¡Fuxir d’ á lama
Quen naceu nela!
Dios cho perdone,
Probe Manuela.
Lama con honra
Non mancha nada,
Nin seda limpa
Honra emporcada.
—Santa Santasa
Non sós comprida,
Decindo cousas
Que fan ferida.
Falaime solo
D’ as muhiñeiras,
D’ aquelas voltas
Revirandeiras,
D’ aqueles puntos
Que fan agora,
D’ afora adentro,
D’ adentro afora.
—Costureiriña
D’ o carballal,
Colle unha agulla
Colle un dedal,
Cose os buratos
D’ ese teu cós,
Qu’ andar rachada
Non manda Dios.
Cose, meniña,
Tantos furados
Y ora non penses
Nos punteados.
—Miña Santasa,
Miña Santiña,
Nin teño agulla,
Nin teño liña,
Nin dedal teño,
Qu’ á ló na feira
Rouboumo un majo
Da faltriqueira,
Decindo : «As perdas
D’ os descoidados
Fan ó lotiño
D’ os apañados.»
—¡Costureiriña,
Qu’ á majos trata!!
Alma de cobre,
Collar de prata.
Mocidá rindo,
Vellez chorando…
Anda, meniña,
Coida d’ o gando.
Coida d’ as erbas
D’ o teu erbal,
Terás agulla,
Terás dedal.
—Deixad’ as erbas
Qu’ ó qu’ eu queria,
Era ir cal todas
A romería.
Y alí con aire
Dar cada volta!
Os ollos baixos,
A perna solta.
Pés lixeiriños
Corpo direito;
¡Pero, Santiña…
Non lle dou xeito!
Non vos metades
Pedricadora,
Bailadoriña
Faceme agora.
Vos dend’ arriva
Andá correndo;
Faced’ os puntos,
Y en adeprendo
Andá que peno
Po-los penares…
Miray qu’ ó pido
Chorando á mares.
—¡Ay da meniñá!
¡Ay da que chora!
¡Ay porque quere
Ser bailadora!
Que cando durma
No camposanto
Os enemigos
Faranlle espanto
Bailando enrriva
D’ as erbas mudas,
Ô son d’ a negra
Gaita de Xudas.
Y aquel corpiño
Que n’ outros dias
Tanto truara
Nás romerías;
Ô son dos ventos
Mais desatados
Rolará logo
C’ os condenados.
Costureiriña,
N’ ei de ser, n’ ei,
Quen che deprenda
Tan mala ley.
—¡Ay que Santasa!
¡Ay que Santona!
Ollos de meiga,
Cara de mora,
Por n’ ei de porche
Os meus pendentes,
Por n’ ei de porche
O meu collar,
Xa que non queres,
Xa que non sabes
Adeprenderme
A puntear.
- ↑ Este poema non aparece na primeira edición, de 1863.
<<<< | >>>> |