Saltar ao contido

Cantares gallegos/Meniña, ti á mais hermosa

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




24.


      Meniña, ti á mais hermosa
 Qu' á luz do sol alumbrara,
 Ti á estrela da mañanciña
 Qu' en puras tintas se baña,
 Ti á frol d'as froridas cumbres,
 Ti á ninfa d' as frescas auguas,
 Ti como folla do lirio
 Branca, pura e contristada,
 ¿Quen eres fada sin nome
 De tan dormentes miradas
 De tan dorida sonrisa
 De feituriña tan cándida?
 Quisais de muller naceches
 Sendo tan limpa e tan casta?
 Quisais d' as brisas da tarde
 Quisais d' as bretemas vagas...
 D' as burbulliñas d' un rio,
 Quisais d' un-ha nube branca?
 Ou as espumas do mare
 A un rayo de sol xuntadas
 Pousaronte ô ser d' aurora
 Nun-ha cunchiña de nacra?
 Mais d' onde queira que seas
 Tristisima pasionaria
 Por ti sinto un amor puro
 Que pouco á pouco me mata.
 Por ti de noite e de dia
 Cal vaga sombra encarnada,
 Preto do teu vivir ximo
 Ximo c' os ventos que pasan
 Facendo vibrar sonoras
 Sentidas cordas d' un arpa,
 Que con ecos tembradores
 D' os meus amores che falan.
 Mais dime ¿por qu' estás muda,
 Di por qu' estás solitaria,
 Di por que vives nos montes
 C' os paxariños que cantan,
 Mentras ti choras e choras
 O pe d' un olmo sentada
 Toda de loito cuberta,
 Toda cuberta de lágrimas.

      —Déixame vivir nos montes
 Déixaim' estar solitaria
 Déixame c' os paxariños
 Qu' en derredor de min cantan.
 Déixame vestir de loito
 Cuberta por tristes vagoas,
 Y eco de homes non escoite
 Nin son d' armoniosas arpas,
 Qu' eses sons d' amor e vida
 Rompen as miñas entrañas.
 Si d' eles galan por sorte
 Doce consolo arrancaras
 Para un dor que non ten cura
 Para un mal que non s' acaba.
 Si ô seu vibrar sonoroso
 As tombas se levantaran
 Y o polvo que nelas mora
 Volto a vivir s' axitara!...
 Mais cala, galan... non toques
 As soaves cordas d' un arpa
 Que nin dá vida ôs que morren
 Nin as tristes tombas levanta.
 Cala galan, c' os cantares
 Que con pasion d' amor cantas,
 Qu' os meus amores morreron
 Y aló antre tombas m' agardan.
 Para min morreu á dicha,
 Morreu tamen á esperanza,
 Cubreuse ó seu de tristura
 Y á terra d' ásperas prantas.
 Déixame vivir nos montes
 Déixam' estar solitaria
 Déixame vestir de loito
 Cuberta d' amargas lágrimas.
 Qu' á rula que viudou
 Xurou de non ser casada,
 Nin pousar en ramo verde
 Nin beber augua crara.



<<<< >>>>