Saltar ao contido

Abellas de ouro/Ánxela

En Galifontes, o Wikisource en galego.


ABELLAS DE OURO       Xosé Lesta Meis
Prólogo de A. Villar Ponte       NÓS - VOLUME XXXVI - A CRUÑA - 1930
 




ABELLAS   DE   OURO


ÁNXELA


I


   Parece unha rapaza solteira. Non tén moitos anos, pero algús máis dos que aparenta sí. Ninguén diría que xa foi nai catro veces nin que anda atafegada de labor. É algo cativa. Moi chusca. Moi arrichada. A roupa no seu corpo luce como no dunha señora. ¡Hai que vela que mañosa é e como anda fresca, lixeira, espilida!

   Ela soa fai todo o da casa e máis o de fóra. O home anda ô xornal na Cruña. Non para na casa. Non é que non queira; non pode. Non ten tempo. Soamente no vran, que son os días grandes, chega algúns días cunha miaxa de sol. Daquela, axuda algo por alí no que sea máis preciso. Pero pouco. Non quer Ánxela que abuse da súa saúde. Ánxela di que o que traballa para outro ten dabondo con contentalo sin que descanse cando veña de gaña-lo día, que boa falla lle fai. Ela facerá os labores todos. Que total non son nada... Iso de que non son nada dío Ánxela. Pero non é así


II


   Teñen unha vaca e levan un leirón en arrendo e mais un anaco de mato para louza. Pola mañá cedo érguese con ansia para munxi-la vaca. Se é luns inda vai primeiro río. Para o río vai decote cando aínda non se ve ben ó dereito e procura vir a tempo para lle ter preparado ó seu home o desaúno. Despois monxe a vaca e sae a vende-lo leite e algo máis que teña que por alí.

   Cando vén xa son as dez da mañá. Ten que aparella-lo xantar e levarllo ó home. O home sempre lle di que escusa molestarse en llo levar; pódeo traer el pola mañá xa, como fan outros. Pero Ánxela non quer así. "Non me custa caro ningún –contéstalle ó home–. E mentres poida heicho levar sempre. Non me digas, non me digas que, por iso, a comida feita da hora é outra cousa. Ten mellor gusto. Alimenta máis. E o tempo dáo Deus de balde. ¡Éche o que teño que facer! ¡Boh, non fagas caso; tamén se espabila o corpo! O caso é que haxa saúde".

   Antes de ir a levarlle o xantar ó home bota a roupa a enxugar. Pon o pote ó lume; ten que face-lo caldo. Entramentres ferve coa auga e máis coas fabas vai pelando as patacas. Hai que aproveitar ben o tempo para que todo estea listo á súa hora. Hai que non perder xeira. Xa ferve o pote con todo. Remexe o caldo. Fai as camas correndo.


III


   Están a da-las doce. Ánxela ferve. "¡Ai que xa van da-las doce e eu inda así! Non sei por onde se me foi o tempo. ¡Vai xantar de boa hora! ¡Ai pobre de min! Vou ver se achego axiña. Si; andando ben, podo chegar a boa hora. Xa teño ido outras veces así tarde e máis cheguei a tempo. Pero teño que andar ben... ¡E seique xa están tocando os pitos das fábricas!"

   Sae correndo. Vai rifando consigo mesmo por ir daquela hora. Pero non lle foi posible saír antes. Leva a súa cesta na cabeza. A cesta é cativa, feituca coma un carto. Cóbrea un pano branco coma unha prata. Por onde vai deixa olor a caldo fresco feito con bo unto e por boas mans. Lévaa sin agarrar. Vai a paso lixeiro, cos brazos dálle dálle aire ó corpo que non hai camiño para ela.

   Alí pola unha ou así vén de leva-lo xantar. Xanta ela. Xa está a comida fría. Pero cómea así. Se se pon a quentala váiselle a tarde e ten moitos labores que facer. Os nenos xa os deixou fartos antes de lle ir leva-lo xantar ó home. En acabando de comer frega as cuncas e varre a casa. Coa mesma recolle a roupa que xa esta enxugada.


IV


   Arredor das catro vaise para a leira. Leva os nenos. Tamén leva a vaca para que apaste por alí entramentres ela vai facendo algo. Coa vaca anda o neno máis grande. Ós outros séntaos no arredor e dálles lilachos para que se entreteñan e a deixen traballar.

   Ponse a sachar nas patacas. Mira pró sol. "¡Qué tarde debe ser xa! Casemente se está pondo o sol e eu sin facer nada. Xa está chegando ós curutos do Castro. ¡O que é hoxe non gaño nin o pan que como!"

   Inda non leva unha hora traballando e xa os cativos se cansan de estar sós. Tenos ó abrigo dunha silveira. Ela segue traballa que traballa. Os nenos empezan a facer das súas. O máis cativo chora; os outros arrabúñanse e péganse. Ánxela arrecádaos sin ergue-la vista do que está facendo. A un rífalle; a outro promételle: ó que chora dille que estea caladiño que lle ha querer moito e que ten unha cousa gardada para lle dar.

   Segue traballando. Seguen os nenos dando guerra, sin facer caso ó que a nai lles di. O cativo cada vez chora máis. Os outros, en vez de lle facer contos entretéÑense en se tirar poutadas de terra. Xa están cubertos dela pola cabeza, polas costas, pola cara, polo corpo todo… A un foille unha area para un ollo. Chora que arrabea. A nai tira co sacho, chea de carraxe.

   —¡Xesús, Xesús, que fillos máis malos! ¡Tanto como un ten que facer!

   Colle no colo o máis pequecho. Ós outros arrímaos ben a ela. Límpalle-la cara e maila cabeza coa punta do mandil. Sacódelle-la roupa. Chámalles porcos, malas castas. Xúralles que lles vai facer esto e máis estoutro. Non lles fai nada. Digo, si; bícaos moito, agarímaos, promételles unha chea de cousas se están calados.

   —Agardade un pouquiño que xa nos imos ir. Xa estou arrematando. Estade caladiños que vos hei dar unha cousa moi bonita en chegando á casa. Xogade con eses lilachos. ¡Mirade que bonitos son! Bon; estade caladiños, si, que xa imos botar a andar.

   Vaise traballar. Mira ó sol outra vez. "Xa casemente non queda día ningún. Non sei como se me foi o tempo hoxe. ¡E tanta falla como teño de rematar! Éche ben certo: o tempo non agarda por ninguén. ¡E dó demo se arremato aínda mañiá! Vaia que, ¡pódoche ter fachenda! ¡Ai iso podo!"

   Ponse a traballar con moita ansia. Quer desconta-lo tempo que perdeu cos nenos. "Siquera a ver se boto este eito fora, que sempre me queda de menos para mañá."

   Volve a chora-lo máis cativo. Seus irmáns non procuran que cale. Nin caso lle fan. Nin siquera ven á nai. Andan de gatiñas polo arredor, dándose turradas. !Pecha, pecha; pecha Perico!"

   "¡Que condanados de fillos, que malos eles son; dándose turradas coma os carneiros! Non pode un facer bo deles. ¡Xesús, Xesús!"

   Agora dan pinchacarneiros. O máis grande pon a cabeza no chan, ergue de pernas e déixallas caer enriba da cabeza ó outro con todo o peso do seu corpo. Queda o do golpe tumbado. Berra coma se o esfolaran. O que lle deu, de velo chorar, tamén chora. Choran os tres coma de primeiro.

   Outra vez vén a nai a eles laiándose de que non pode facer nada con aqueles fillos tan malos. "¡Xesús, Xesús, vállame Dios; canta paciencia un ten que ter na vida! ¡Nin podo bota-lo eito fóra hoxe! ¡Que hei poder, que hei poder con estes malas castas de fillos!... Boeno, tamén, toda a tarde de Dios sós non é miragre ningún que estean unha miaxa rellantes. Inda non sei como tanto aguantaron".

   Colle no colo o máis pequerrecho. Cantarúxalle. Vaino adormexando pouco a pouco astra facelo durmir. Ós outros déitaos ben arrimados a ela. Segue cantaruxándolles ós tres. Pásalle-la man agarimosamente pola cara, pola cabeza, poñéndolles ben o cabelo. Límpaos da terra. Dálle bicos. Quédanse durmidos coma pedras.

   Un a un vainos poñendo ó abrigo da silveira. Con moito coidado, con moita aquela para que non esperten. Cóchaos cunha chaqueta vella do pai que trouxo para os sentar nela. Como é pouco e pódeos colle-lo frío saca ela o seu pano do pescozo e bótallelo por riba.

   Vaise caladiñamente para o traballo. Vai nas puntas dos pés para que non a sintan. Ponse a traballar. Ponse de ganas. "A ver se aproveito este anaco de tempo que me queda. Estase indo o día e non teño nada feito. Agora os días xa van ben a menos. Cando un se descoida xa é noite. Non hai coma o vran. No vran teñen os días para todo."

   Traballa con moita ansia. Dálle canto máis pode. Quer desconta-lo tempo perdido. ¡Se puidera bota-lo eito fóra!...


V


   Estase pondo o sol. Xa a súa luz na terra non é máis có feble resprandor dunha lumareda. A xente vai e vén a toda présa para que non a colla a noite cos labores por facer. Ánxela pon a aixada ó lombo. Sae fóra da leira. Sae pouco a pouco mirando pró que aínda lle queda para mañá. Os nenos seguen durmindo, cansos de tanto enredar. Bota man ó fouciño e máis á corda e vaise pillar unha pouca herba. Colle nela lixeiro, como se andara no alleo. Chega o home de traballar. En vez de ir para a casa vén xa ó dereito para a leira. Sabe que está alí a súa dona cos fillos. Cóllelle a vaca ó neno que xa se queixaba de estar tanto tempo de pé suxeto. Pregúntalle á dona se lle falta moito; a dona dille que xa está rematando. Pon a herba no feixe e vaise pillar unha presa de grelos para levar a vender pola mañá, de camiño que vai co leite.

   Espertan os nenos. Espertan os tres á unha e chorando os tres. Ánxela fálalles con solermia. "Xa imos, xa, para a casiña, meus neniños. Agardade que agora. Xa vou, xa, xa vou; calade. Estade caladiños".

   Empeza a preparar todo. ¿Como vai facer? ¿Poderán levar todo dunha vez? Hai que leva-los nenos; hai que leva-la herba; hai que leva-la vaca; hai que leva-los grelos; hai que levar unhas pezas de roupa...

   O home de Ánxela empeza a queixarse de tanto ter que bourar na vida para nada; para non ter moitas veces nin pan dabondo. Ánxela asoségao. "O caso é que Dios nos dea saúde. Isto non é nada. Eu xa debía estar na casa vai boa, pero non puiden. Descoideime. Fóiseme o tempo non sei como. E agora xa se sabe que na volta da man vénse a noite. Pero xa nos imos".

   Ánxela dille ó home estas palabras con falar ledo, entre sorrisas e mirares xalgareteiros. O mesmo que se estivera bromeándose. O home cala. Sabe que Ánxela di unha cousa e sente outra.

   Xa ten todo preparado para se vir. Puxo os grelos enriba da herba; cubriunos coa chaqueta vella do home que trouxo para cocha-los nenos. Pon ó pescozo o pano que quitara para os abrigar. O home colle o feixe á cabeza e leva, ademais, un neno no colo. O neno chora; quer que o leve súa nai. Pero súa nai ten que leva-lo cativo e algunha outra cousa. O neno non se conforma, segue chorando. Está de mal xenio; dese mal xenio que se levantan os nenos de durmir.

   Veñen vindo para a casa pouco a pouco pola corredoira adiante. Xa non se ve por alí ninguén. Xa é máis noite que día. Óese algún que outro falar na aldea e o ¡rrurrr!, longo sin fin, dos avechuchos que cantan á noite.


VI


   Ó chegar á casa atopan as galiñas xunto a porta acurrucadas unhas contra as outras agardando que lles abran para ir para o poleiro. Polo burato non puideron entrar porque Ánxela tapouno cunha pedra, co fin de que non lle fora revolver nas cousas un gato larpeiro como el só, que lle acababa con todo o que lle esquencía sin gardar.

   Acende o candil. Pon os nenos enriba da artesa. Os nenos non paran de chorar. Agora aínda choran máis ca denantes. O pai enfádase e rífalles para que estean calados. Ánxela pídelle que os deixe; que non lles faga caso; teñen moita razón a chorar. Consólaos. Vaille preguntando a cada un o que quer de cear para que entramentres falan non choren. Colle un toxo, párteo enriba da lareira cun fouciño vello e acende o lume.

   Xa a casa semella outra cousa. Foise a escuridade medoñenta. Os nenos seguen emperrenchados, pero xa non choran tan arreo. O maior, sentado nun banco cativo e a cabeza descansando noutro grande quédase durmido. Quenceu o caldo. Ánxela dálles de cear ós nenos. Con tanto sono que teñen non queren comer e berran para que os deite. Ela vainos contentando e fai que vaian comendo, inda que sexa pouco a pouco. Despois de ben fartucos déitaos. Cóchaos ben cochadiños. Torna o gato de alí para que non vaia para xunto deles. Entramentres Anxela fai todo isto, o home cea. En arrematando, Ánxela dille que se deite, que estará canso. Ela pouco tardará tamén.


VII


   Déitase o home. Ánxela cea. Escolma os grelos que ha levar ó outro día a vender. Ponos moi ben postos na cesta, e déixaos ó rocío para que se conserven vizosos e crechos, que sempre dan algo máis. Bótalle a colada á roupa. Vailla botando a tanques. Segundo vai caendo a auga na roupa, sobe un vapor oloroso que enche toda a casa. Dá gusto respirar. Mesmo dá xenio este ulido. Ánxela, de camiño que vai poñendo as pezas no paxe míraas á luz do candil. Están ben lavadas; moi limpas. Ánxela está satisfeita. "¡Cómo vai branquear mañá no clareo! Ha dar gusto vela. Cando agora está xa así... Hei ver se collo bo sitio no campo do siño Antón. Alí naquel curruncho costaneiro que mesmo é ó xeito. O caso é que non o precise a siña Elisa. Se o precisa, primeiro é ela. Lástima fora; tamén é a dona. Pero mañá paréceme que inda non clarea a roupa. É das derradeiras".

   Ánxela xa ve clarea-la súa roupa mañá no campo do siño Antón. Vea relucir ó so1. E está ouvindo dicir á xente que pasar por alí: "¡Ai que roupa máis branquiña! ¡Que ben lavada está! Hache ser da Ánxela que sempre a ten así. Para iso ten unhas mans que non as hai coma elas".

   Ánxela ve e oe todo isto. E sáltalle nos beizos un cantar que ela non quer deixar saír, porque non son horas de cantar ás tantas da noite.

   Recolle as cuncas. Pon cada cousa no seu sitio. Vaise deitar, contenta e satisfeita de ver que todo lle queda como ela quer. Inda dura a olor gustosa da colada. Ánxela quédase durmida pensando espertar ó primeiro canto do galo.





<<<< >>>>