Abellas de ouro/Porqué sae agora este libro

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura


ABELLAS DE OURO       Xosé Lesta Meis
Prólogo de A. Villar Ponte       NÓS - VOLUME XXXVI - A CRUÑA - 1930
 




PORQUÉ SAE AGORA ESTE LIBRO




   Este libro non estaba destinado a saír agora. Gustábame ilo tendo entre mans para quita-lo pensamento de onde non o quero ver. Pero xa é sabido: o home propón e o ril dispón. 0 ril —o meu ril dereito, que do esquerdo xa non hai que falar, porque xa non existe— hai unha temporada que se me pon un pouco rellante de máis. Hai días que nin o diaño para con el. Nin na cama, nin erguido, nin paseando nin sentado está agusto. E o malo é que tampouco me deixa estar a min. Se as fixera e as pagara el solo ¡vaia con Dios! Eu non me metería na súa vida. Non vos contaría nada do que fai. Pero non é así. Cando se pon de mal xenio ármame cada unha que non sei onde estou nin como me alcontro. Sudo coma se mallara, inda que faga bo frío. Agora deulle pola coquetería de se pintar de vermello, como as mulleres os labios e non fai máis que botar sangue. Deixémolo co seu capricho.

   Como pode darlle unha arroutada calquera día dispúxenme a rematar este libro o máis axiña. Porque se el se me vai eu voume con el. Non o deixarei ir solo como fun deixando ir ó outro. Dendes que viñemos ó mundo os dous —somos xemeos— andamos decote xuntos; non nos separamos pouco nin moito. E non é o caso que nos separemos agora, despois de tantos anos, que xa debemos ter algunha formalidade. Non imos desfacer dun tronce unha historia de consecuencia tan exemplar. Por algo sómo-los dous unha miaxa románticos. Xa digo, púxenme arregrar estas cuartillas a toda presa, como se elas fosen o pasaporte que precisaramos pró viaxe. Hoxe que as vexo listas xa alento con acougo. E se as chego a ver publicadas, que creo que si, ¡meigas foral, máis aínda.

   Neste libro non falo máis que de mulleres. De mulleres galegas. Todas son da miña aldea. Todas son auténticas. Hainas que levan o mesmo nome que teñen. Astra algunha pertence á miña familia.

   Sempre me conmoveu fondamente a vida das nosas mulleres da aldea: tan traballadas, tan resignadas, tan bondadosas, tan resistentes. Por unha cousa non lles queda a outra. Elas atenden ó da casa e máis ó de fóra. Para elas non cansanzo. Nada as rende; nada as fai ceder. Desde pola maña astra a noite non teñen paraxe. Moitas veces teñen que face-los labores cun fillo no colo e outro a chegar…

   Eu sinto unha entrañabre piedade polas vidas humildes dos nosos aldeáns. Eu non daría acougo ó meu corpo nin ó meu pensamento astra facer que as xentes das vilas se puxeran a carón dos nosos paisanos, co corazón aberto todo el ás necesidades e os remedios que precisan. Dóeme a alma cada vez que os vexo como viven en tanto desamparo e abandono. E logo, ¡mesmo parece imposible!, inda hai quen os toma como obxecto de bulra e non sabe ver neles máis que a parte que reflexa a súa incultura e maila triste vida que levan.

   Este libro foi feito coa ilusión de arrecadar simpatías prós nosos aldeáns. Para as mulleres sobre todo, porque as mulleres son as que máis fan senti-las malas condicións do vivir das nosas aldeas. Pero o que si das mulleres pódese tamén dicir dos homes, inda que os homes non impresionen tan tristemente, en xeral. Por algo son homes.

   Eu son nado e criado na aldea. Pasei as miñas tamén, como fillo de pais pobres que o tiñan que gañar polo día para podelo comer á noite, e que non puideron dar ós seus fillos nin siquera todo o pan necesario a tódalas horas. E xa non di gamos outras cousas.

   Non sei se será porque aínda levo na alma os tristes recordos daqueles inesquencidos días, eu non podo aparta-la vista nin o pensamento dos pobres aldeáns, que viven sin amparo social e xurídico ningún e nunhas condicións de traballo tan duras e tan estreitas e tan lastimosas que ningún corazón xeneroso, de amplo latir, pode ver sin inxuria dos máis nobres sentimentos humanos.






<<<< >>>>