Xigantescos olmos, mirtos

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar á navegación Saltar á procura
             *** 
         Xigantescos olmos, mirtos
         Que brancas frores ostentan,
         Unhas con cogollos inda,
         Outras que o vento esfollea.
         Buxos que xa contan sigros
         E que xuntos verdeguean
         Formando de rama e troncos
         Valos que naide atravesa,
         E nos que moi descansadas
         Fan o seu niño as culebras.
         Loureiros, irmáns dos buxos
         Pola altura i a nacenza,
         Pois arraigaron a un tempo
         No mais profundo da terra.
         Limoeiros e laranxos
         Que o verde musgo sombrean
         I olido esparcen de azare
         Con que a xente se recrea.
         Eternos bosques en donde.
         Sombrío misterio reina,
         Onde só os paxaros cruzan
         Polas tristes alamedas
         Onde ó marmular as fontes
         Un coidara que se queixan,
         I o mesmo sol do estío
         Meláncólico penetra.
         I en medio desta espesura
         E desta hermosa tristeza,
         Nunha casa inda mais triste,
         Si de fachada soberba,
         Alí din que tén o niño
         A nai de tódalas meigas:
         Casa con portas de cedro,
         En cada ventana reixa,
         Cociña coma de monxes,
         Silencio coma de igrexa,
         Criados que non dan fala,
         Cans que morden coma feras.
         Alí a viron negra e fraca
         Coma unha gata famenta,
         No máis san e mais frorido
         Da hermosa terra gallega.
         I estes mals que nos afrinxen
         Din que todos veñen dela...
         ¡Mais socede nesta vida
          Que os que tén* culpa na levan!


  • Teñen