Xavier
Xavier Alfredo Fernández 1899
Era Mariquiñas unha rapaza de dazaoito anos, bonita coma a Virxen do Carmo, cuns ollos máis negros que a concencia dalgún curial, a súa boca parescía o capulliño dunha rosa, de dentes pequeniños e máis brancos que os chopos da neve, dunhas meixelas coloradiñas coma as guindas e duns cabelos largos e roxiños que máis parescían fíos de purísimo ouro.
Como o seu pai era un dos patrós máis ricos de Vigo, (pois era dono de seis lanchós de pesca e dun vaporciño, ademais dalgunhas barquiñas pequenas é con casa propia e tarreos), Mariquiñas era a envexa de tódalas mozas da ribeira, e máis de catro mozos rechinaban os dentes e púñanselle os ollos de carneiro abafado ó vela pasar xunta eles, sempre endeferente, e desdeñosa, sin facer caso ós moitos que a solicitaban e lle dirixían piropos, ós que ela por toda rimposta contestaba cunha rorrisa... e nada máis.
¿E por que había de contestalos? Ela xa tiña todo o que unha rapaza ós seus anos pode ambicioar; un mozo garrido e compreto coma en verdade o era Xavier. Queríanse moito os dous facía xa bastante tempo; pro como el era probe (pois solo tiña unha barca médeo podre polo vella) non se astrevía a falarlle de voda ó pai de Mariquiñas por medo a que o rechazase, así que os dous calaban e sufrían... contentándose con ter seus anacos de parrafeo cando ó fin das faenas do día se xuntaban ó anoitecer á porta da casa dela.
Pro aquelo non iba a seguir sempre o mesmo, era necesario tomar unha determinaceón; os dous queríanse i o casamento era priciso, e como as cousas non milloraban, un día por fin, alentado por ela, Xavier dispúxose a falarlle ó pai en canto tivese ocasión propicia.
Así foi. Un día en que saían de pescar no vaporciño de Domingues –pai de Mariquiñas– Xavier acercóuselle e díxolle:
—Siñor Domingues, eu quixera falar con vosté dun asunto séreo, pro a solas.
—Ben, home –si non é máis que eso, ven pra acó –dixo Domingues levándoo a un camarote pequeno do vaporciño.
Unha ves que estiveron dentro e se sentaron, Xavier moi temeroso escomenzou deste xeito:
—Pois é o caso, Sr. Domingues... que eu e Mariquiñas querémonos, e polo tanto si vosté nos dá seu consentimento... quixéramos casar... pro...
—Mira –interrumpeu Domingues poñéndolle a mau nas costas– todo eso xa o sabía eu de moito atrás, así que este paso esperábao fai tempo. Tu es un bon rapaz, reconoszo, pro non me negarás que con eso non hai bastante pra vivir, tu non tes bens ningúns de fertuna, solo eres dono dunha mala barquiña coa cal non fas nada, pois astra pra saír a gana-la vida coa pesca tes que vir nas miñas barcas, mentres que a miña filla será a herdeira de canto teño. O Francisco Coutelo tamén ma pidiu, i eso que el é rico, pro eu non quero quebranta-la voluntá da rapaza en tocante ó seu querer, senón que a voda sexa máis parella. Tu es un home honrado e traballador, pro eiquí xa ve-las cousas como andan, non podes ter ningunhas espranzas de facerte cun bo vivir, así que... si ela te quere, aconséllote que déixe-la terra, vaite a Améreca, e si Dios che dá boa sorte podes facer en pouco tempo o necesáreo pra ó menos igualarte a ela, e despoixas... falaremos. Dígoche esto porque te quero, así que, pénsao ben... e agora a traballar.
Aquel anoitecer, en canto volveron á terra, Xavier contou a Mariquiñas todo o pasado.
—Teu pai ten razón, non hai outro remédeo.
—Si, pro... sopararnos tanto tempo –decía Mariquiñas moi triste.
—¡Que diaño! –dixo Xavier– tres ou catro anos non fan a ninguén vello, así que, si tu me queres, xúrame que me esperarás e no primeiro barco que saía pra Améreca, voume.
—Pois ben, xúrocho.
—¿Serás fiel á túa pormesa?
—Astra a morte.
Inconscentemente as súas caras xuntáronse. Sonou un beixo...
Reposta Mariquiñas súbitamente daquel momento de abandono, sobresaltada quíxose apartar de Xavier, pro este apertándolle as maus díxolle:
—Astra mañán, miña vidiña.
Era o primeiro beixo que se deran, pero de verdadeiro amor.
Era o beixo de despedida.
Cinco anos máis tarde, xa Xavier nunha das repúbricas americanas, a forza de traballar sin descanso e de aforrar todo canto podía, lograra xuntar unha boa porretada de pesos, e polo tanto tiña disposto o seu ritorno á terra onde nacera pra consegui-lo seu sono de sempre, casarse con Mariquiñas, á cal escribiu o seguente:
«Mándoche a presente pra che decir que un día destes saio pra Vigo, e antes dun mes veremos cumprído-los nosos máis ardentes desexos recibindo a bendición do siñor abade. Non che digo en cal vapor vou, pra que non me esperes e poida sorprenderte coa miña chegada na... nosa casiña...»
Xa o barco estaba a unhas sete horas de Vigo.
A Xavier, coa febre de chegar canto antes para abraza-la súa Mariquiñas, as horas figurábanselle sigros.
O día tamén amanecera moi enfurruñado, tanto que o capitán do buque por medo de que a treboada o collese mar afóra, mandou dar máis forza as máquenas, pra poder entrar pronto a porto e conxura-lo peligro.
Pro, sin embargo, as nubes púñanse cada ves máis negras, o vento zoaba con máis forza i as olas cada vez máis grandes crispábanse batendo con forza contra o barco.
O peligro acercábase por momentos, tanto que ó divisa-las Islas Cíes, xa o mar estaba que era un espanto.
Os tronos enxordecían o espacio, os relámpagos brilaban por todas partes, i a chuvia caía a chaparrós mentras o barco era xuguete do enfurecido mar que o envolvía antre as olas ó seu capricho.
Tódolos pasaxeiros estaban cuasi mortos de medo, as mulleres rezaban e choraban en médeo dos berros dos rapaciños, en tanto que o capitán trataba de calmalos a todos sin que o lograse.
Un oficial de abordo acercóuselle facéndolle nota-lo resgo que corrían pra entrar ó porto, e que o millor sería pó-la proa mar afóra, a todo o cal o capitán respondeu:
—Xa é imposibre, estamos na barra e virar agora sería maor o resgo. O máis acertado, é ter moito tino en pasa-las Islas e toma-la ría, de ese modo estamos a salvo.
Pra pór en práctica este propóseto, ordenou as maniobras necesáreas, e de alí a pouco enfiaban a boca da bahía con gran velocidá, pro con tan mala sorte que un fortísimo golpe de mar fixo i-lo barco contra os penedos das Islas, pasando tan rente a eles que chocou ó pasar cun escollo, abríndose un gran rumbo no costado de estribor e empezando a facer auga en abundancia.
Un berro de terror saíu do peito de tódolos pasaxeiros.
O capitán mandou de présa achica-la auga coas bombas, é forza-las máquenas todo o posibre pra poder chegar pronto ó porto e salva-lo barco i a xente, e así adiantou astra estar a unhas seis millas de Vigo, pero ó ver que era imposibre seguir, pois o barco fundíase rapidamente, fixo levantar bandeira de ausilio e virar cara á costa pra encallar e así salvarse, pro, ó querelo intentar, as caldeiras estalaron coa forte presión, quedando o barco sin goberno e anegándose cada vez máis.
As esceas que alí pasaron estonces foron terribles. O cuadro era horroroso.
O probe de Xavier, ó verse tan preto daquel porto tan desexado, á vista da ciudade, e sin salvación posibre, sin ter no pensamento máis que a súa adorada Mariquiñas, pola que tanto sofrira i a quen tanto amaba, levándose a mau a un ancho cinto de coiro que traía cheo de moedas da cinco pesos, excramou:
—¡Por ti, miña Mariquiñas, fun ás Amérecas a gañar este ouro e agora Dios non quer que o disfrutemos xuntos. ¡Probe Mariquiñas!
Mentras tanto, alá en Vigo, que viron o que pasaba i o auxilio que o buque pedía, tódolos barqueiros se dispuñan con gran présa a saír en busca do buque náufrago, enchéndose nun instante de xente, as praias i as ribeiras, xente que acodía despavorida ó ve-lo naufraxio.
Alí tamén foi Mariquiñas, que desde a beira non deixaba de lle berrar a seu pai (que iba co vaporciño) pra que acudise pronto ó lugar do sinistro.
—¡Virxen do Carmo, si virá nel o meu Xavier! –decía toda contristada, e máis e máis lle berraba a seu pai:
—¡Adiante! ¡Coraxe! ¡Adiante!
Pro... todo inútil. Por pronto que quixeron acudir, a grande oleaxe non os deixaba seguir, i o buque quedou en poucos minutos sumerxido por compreto, chegando os ausiliadores a tempo nada máis que pra salvar algúns pasaxeiros que viñan nos catro botes que colleran da bordo.
Os demais trepulantes e pasaxeiros xa se perderan antre as enfurecidas olas.
Á tardeciña, cando xa a treboada calmara i o mar iba baixando, moitos cadavres dos afogados iban saíndo a fóra i a xente recollíaos con coidado.
De pronto, un dos que axudaban naquela faena viu que un dos mortos traía atado o corpo unha botella.
Rompeuna contra unha pedra, sacando dela un papel escrito con lápis que decía: «Por si morro, suprico a quen me alcontre lle entregue este cinto con todo o que ten dentro a Mariquiñas Domingues de Vigo. Morro pensando nela. Xavier».
Á beira deste xa se formara un corro de xente que ó sabe-lo que pasaba dirixiron tódalas súas miradas a Mariquiñas que estaba alí preto, e á coal estranándolle aquelas miradas e dándolle un brinco ó corazón, acercouse alí presto, berrando ó ver aquel corpo:
—¡Virxen Santa, é o meu Xavier!
O cadravre de Xavier fora levado á casa de Mariquiñas en donde estivo de corpo presente.
Á hora de o ir a enterrar, o siñor Domingues acercouse a Mariquiñas e diante do cadavre, entregoulle o cinto que lle quitaran a Xavier cheo de ouro, dicíndolle:
—Toma, filla, eso éche teu; fai del o que queiras.
—Veña –dixo ela cos ollos cheos de amargas bágoas –gastareino en lle decir misas polo descanso da súa ialma, e agora, paiciño quirido, déixamelle darlle un beixo. Dinlle un de despedida pra Améreca, agora dareille o de despedida pro outro mundo.
—Ben podes darllo –dixo o Domingues soltándoselle unha bágoa –era un bon rapaz. Xurouche ser fiel, e cumpriucho.
—¡E eu tamén llo serei, pai, astra a morte!
Alfredo Fernández |
- Buenos Aires.
- Publicado en
- El Eco de Galicia (Buenos Aires) n.º 276, 20/06/1899 [1]
Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos. As traducións poden non estar en dominio público.
|