Wikisource:Texto destacado/Maxina ou a filla espúrea

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Maxina ou a filla espúrea. — Marcial Valladares Núñez. 1870.


   Era unha tarde á mediados d'outono de mil oitocentos cincuenta; tarde apacible, que gusto e melancolía daba á un tempo: gusto, porque sentiño estaba todo, fijéras'a vendima e, anque pouco e d'uvas apestadas, fervía ja o mosto n'as bodegas, maduro millo segaban os labradores n'as suas veigas e, n'os soutos, gardando-l-os rapaces-l-as castañas, apañaban os degaros qu'aquí e acola caian d'os ourizos; melancolía, porque case ningunha gala, ningun encanto restaba ja d'a primavera e vrau; montes e campos sin froliñas; terras ond'o centeo e trigo verdearan, árdigas, ou de color rajado; froiteiras, sin froita n'os eijidos; bosques e carballeiras, inda verdeando, si, pro en silencio e amostrando tal cal rama niños de pajáros viajeiros qu'alí cantaron; viñas co-a folla medio amarela e entr'as vimieiras, ou n'a enramada, anunciando o papo-rubio a vinda d'o triste inverno. Era unha tarde, en fin, e tres señoras, Otilia, sua nai e Adria, donjela d'esta, saindo á cousa d'as duas e media de Santiago, marchaban por Sar abaijo dereito á Angrois, todas en bestas d'arquiler e acompañadas de Leto, arquilador virollo, de poucas falas e que, mangas de camisa, iba braceando diante. Otilia, a mais nova d'as señoras, rompia a marcha dempois de Leto. Nena de dezaseis anos, esbelta como unha abrótia, era de cara longuiña, blanco-sonrosada coma a margarida d'as herbeiras; ollos negros e lucentes com'acibeche; naris delgadiño, cal o pico d'a lavandeira, ou cauda-tremula, e a sua graciosa boca, semellante o gomo d'a viña qu'empeza á abrir e amostra o tenro racimiño, amostraba tamen filas iguales d'esmaltados dentes á través de bermellos beizos. Levaba n'a cabeza un sombreirete de fina palla color de trigo, con pluma verde, abrigando as frebas d'o seu cabelo castaño-oscuro; corpiño de seda negra con escotada manga, e un encarnado faldon d'alpaca con moito voo, tanto que, non podendo arrecada-l-o, caia po-l-as ancas d'a gofosa mula que montaba. Seguia logo n'un cabalo tordo a nai d'Otilia, fanchoeira señora d'uns corenta anos, séria e algo picosa de virigüelas, pró de fisonomía nada vulgar, e con trazas de bonachona. Levaba tamen n'a cabeza un sombreirete de palla color café con plumas azuladas; por traje un vestido de merino color de pasa, e sobr'él unha manteleta de raso negro con fleco de cordoncillo. Por último, n'outra fogosa mula iba a donjela Adria, moza arrogante de trinta abriles e ollos gácios, fresca coma un poejo, alegre cal mañan de vrau. Un paniño de seda, color limon adornaba a sua cabeza, cuberta de pelo negro com'unha amora, posto en rodetes d'anchos cadrelos, e consistia o seu traje n'unha bata de carreiros azules en fondo blanco.