Saltar ao contido

Vivir para ver

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Marcháchete un día

Ti, aquel que eu quería;

Fuxiste da terra

Que tanta alegría

I encantos encerra.

Dixeches: - "María,

Máis dóce que as meles,

Máis linda que as frores,

Paloma sin feles,

Non chores, non chores,

Que ausencia envivece,

Non mata, n'esquece

Os dóces amores

Que a dicha axuntou.

¡Eu voume...!, mais se ora

Delor nos ofrece

Fertuna treidora,

Xamás te olvidara

Quen tanto te adora

Quen tanto te amara.

¡Adiós miña vida!

No peito escondida

Te levo, antre tanto

Non torno a te ver,

¡Ti espera!, pois xuro

Por Dios sacrosanto,

Que si non morrer,

Aquí hei de volver".

Morrer, non morreche...,

I anque eu esperara...,

¡Que ben que compriche,

Palabra que diche,

Amor que tiveche!

Que os anos pasaron,

As froresmucharon,

Os negros cabelos

En brancos tornaron;

E nunca máis, nunca,

¡Poder dun querer!,

Quixeches volver...

"Vivir para ver".