Saltar ao contido

Vagalumes/Ofrenda d' amor

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



Ofrenda d' amor


A Doriña, nun ramiño de froles
ateigadas de arume e de cariño.


Quixera que estas froles sinxelas e arumantes,
que hoxe ofrendarche veño,
o engado non trubaran do sono en que repousas
ó run-run doce e quedo
destes outos ciprestes, ¡ermidáns esvaídos
en mistereoso rezo!


Son tal unha ourazón roubada á Natureza
nun instante supremo,
en que o Ceo e a Terra nun éxtasis xuntaban,
con santo abraiamento
seus beizos... Son ¡ai! froito dun amor, dun cariño
que alenta no meu peito.


Con elas unha espiña che ofrendo que arrinquei
daquel xardín que eu quero...
¡Beizón cubra estas froles! Beizón tamén a espiña
que aló no máis adentro
deixoume dun cariño, dun fraternal amore...
moi fonda unha ferida, que aberta sempre ¡ai! teño.






No cimiterio de Pontevedra, namentras esmorece a tarde e, cabo a unha cruz de pau, encravada na removida terra, unha nai enloitada reza unha ourazón de bágoas, que ó caír no chan trócanse en pétalos de rosas...


1925