Saltar ao contido

Vagalumes/O merlo

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



O merlo



No eixido da casa vinculeira
vive un merlo, xa vello cantador,
que desfía decote unha muiñeira
nos abrentes xentís da primaveira,
cando esbrochan os albres a dar flor.


Este merlo, tan ledo e satisfeito,
ó eixido da casa colleu lei;
ten seu niño nuns ramos moi refeito,
come zreixas, mazáns, figos a eito,
de cotío contento coma un rei.


Que o herdeiro lle quere e aloumiña
ben o sabe o merlo cantandor;
as costumes coñece da casiña,
ten amigos xa vellos na cuciña
que n'esquecen tratalo do millor.


Noutro tempo, cal hospe prisioneiro,
en dourada gaiola xa se veu;
foi destonces o dono vinculeiro
o seu mestre na música primeiro,
e a subia-la muiñeira deprendeu.


Por eso ora se escoita satisfeito
a muiñeira decote desfiar,
anunciando o abrente; deste xeito
deixa o dono seu mol e quente leito
e home e merlo confunden seu cantar.


No eixido da casa vinculeira
vive un merlo, xa vello cantador,
que desfía decote unha muiñeira
nos abrentes xentís da primaveira,
cando esbrochan os albres a dar flor.