Saltar ao contido

Vagalumes/Nosa Señora da Grela

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 


Ergueuse o sol moi cediño
e, por ser día de festa,
destrenzou unha muiñeira
na serra de Cabanelas.


Vírono os bos mariñeiros
mailas xentes de Tras-Deza,
e puñéronse en camiño
de cara á Virxe da Grela.


Van de romaxe: e as mozas
desfollan cántigas ledas,
todas cheas de degaros
e ateigadas de ternezas.


Irtos, bariles, outivos,
fillos herdeiros dos celtas,
abrouxadores atruxos
os mozos no ar peneiran.


O gaiteiro repenica
os dedos con xentileza,
bordando armonías doces
que os pesares escorrentan.


Nas mans dunha nena en flor,
vermelliña cal cereixa,
toleirona e donairosa
rebuldea a pandereta.


Reloucando de alegría,
camiñan de cara á Grela
para cumprir santos votos
e sagras promesas feitas
á doce Nosa Señora,
de Dios Nai; á Virxe meiga,
avogada dos homildes,
aliviadora de penas,
sosego nos desacougos
dos corpos e das concencias;
dozura, nos amargores,
nas acedumes, terneza,
nas horas de dor, meiciña,
ledicia, nas de tristeza;
rosa antre espiñas nacida,
miúda e branca azucena,
casta antre tódalas virxes,
reina antre tódalas reinas,
refuxio dos pecadores,
¡hucha de gracias rechea!...


Á Santa da Grela van
para caír diante dela
de xionllos, agradecidos,
e rezarlle coas mans dreitas
á que sosegou os mares,
calmou os ventos, e á terra
guiou os barcos que a roita
na noite escura perderan,
e arredou á praia as dornas,
as probes dornas peixeiras,
trocando bágoas e choros,
mágoas, dores e tristezas
en sorrisos e alegrías,
bicos, caricias e apertas,
levando a paz e o amor
ós fogares e ás concencias...


¡Coitadiños mariñeiros!,
¡cantas dores, cantas penas,
trai sóbor deles á feixes
o mar cando se enrabecha,
e se arremoíñan os ventos
e as loucas olas se encrespan!...
Mais saben que dende a ermida
nosa Señora da Grela
seu ollar protector tende,
e olas e ventos se aquedan,
sempre que a invocan e a chaman,
sempre que acoden a Ela.
¡Por algo é porto seguro!,
¡por algo é do mar estrela!...


Nosa Virxe dos homildes,
nosa Santa mariñeira,
que, cal lumioso faro,
na túa ermida da Grela
te ergues cara ó mar de Arousa,
garimosa e satisfeita,
coa sorrisa a fror de beizos
e a miradiña serena
deses teus olliños meigos,
ollos de nai cariñenta
que nos quer e aloumiña,
que nos bica e arreconchega
escontra do morno peito,
nos arrola e adormenta...
¡Somos probes mariñeiros,
nosa Santa, nosa Reina,
que no escuro mar da vida
á deriva imos, sin velas;
azoutados polos ventos
das tentaciós que nos cercan,
polas olas enritadas,
polo mar que se enrabecha:
olas de falsas doctrinas
que de Cristo nos arredan;
mar, onde ferven as lavas
infernales da indecencia,
enritadas polas modas,
polas lascivas novelas,
polos teatros e cines
e pola prensa blasfema;
mar, onde se arremoíñan
con furias de loba fera
tódalas pasiós humanas
e as desatadas tormentas
dos infernales abismos
e das infernales sectas;
mar enlodado, onde o monstro
dos sete pecados ceiba
pesticenciales bafíos
e arrotos con que envenena
fogares, escolas, vilas,
almas, vidas e concencias!...


Doce e adourada Naiciña,
nosa Señora da Grela,
guíanos a porto salvo,
lévanos á praia, leva;
sexa teu manto real
das nosas dornas a vela,
teus ollos e teu sorrir,
faro que a roita alumea
ás probes almas que dudan
envolveitas pola néboa;
móstranos, doce refuxio,
nos teus braciños de Reina
ó fillo das tuas entranas,
ó Neno Dios; fai que vexan
seu sorriso loumiñante
nosas almas mariñeiras;
roga por nós, nosa Santa,
ora e na hora derradeira.
¡Por algo es porto seguro!,
¡por algo es do mar estrela!.