Vagalumes/Nai dolorosa

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 





Tamén Nosa Señora chorou prefundas dores,
como espiñas punzantes e acedas como fel.
Tamén Ela acorou e sofreu desabores
e abriron as suas bágoas un frolido ronsel.


Almas prá Dor nacidas, pola Dor esmagadas
que arrastrades sofridas voso lento vivir,
os peíños poñede sobre as suas pisadas,
que aberto xa o vieiro vos deixou a seguir.


Agarimosa Nai, toda chea de gracia,
consolo de aflixidos, amparo na desgracia,
vos chama e vos alenta... ¡Seu exempro imitai!


Ó pé da Cruz miraia. Vendo a Xesús sen vida,
aguda e lacerante, sua dor non ten medida,
¡e esgazan sete espadas seu corazón de Nai!...