Vagalumes/Era unha rosa
Era unha rosa que frolecera
nos días idos da miña infancia,
cuio arrecendo chega ora eiquí
e en min esperta ledas lembranzas,
que, adormecidas dentro do peito,
cal un tesouro, tiña acochadas.
Era un luceiro cal vagalume,
unha luz lene, soave e maina,
que, pouco a pouco, resprandecendo
foi con máis brilo e acesa chama
para algún día ser cal a estrela
que os meus vieiros alumeara.
Aquela rosa hoxe arrecende
de especial xeito nesta xuntanza,
e ten arumes máis escollidos
que neste ambente agora espalla.
Aquel luceiro cal vagalume
ora é facheiro de acesas chamas,
que no máis fondo do meu esprito
pon escentilos de estrela sagra.
Esa rosiña e ese luceiro
son, caro amigo, a amistá santa
que as nosas vidas xuntou embora,
ó atoparnos na nosa infancia,
e a mesma roita marcou destonces
prás nosas vidas e as nosas almas.
Esa rosiña e ese luceiro,
—esa amistade xa consagrada--
foi quen me trouxo a festexarte
co estes amigos nesta xuntanza,
por mor da túa misa primeira,
por mor da túa grande xornada;
e esa rosiña e ese luceiro,
esa amistade, é quen me manda
agora erguerme para adicarche
cativos versos, nos que se garda
toda a fondura do meu cariño,
toda a meiguice da nosa fala
—fala de amores e de agarimos,
fala de rezos e de pregarias—,
o verdor todo das nosas veigas
con o feitizo das nosas praias;
o marmurío dos nosos ríos,
das nosas fontes a doce cántiga,
a maxestade dos nosos tempros,
dos nosos pinos a queixa vaga;
o arrecendo das nosas frores,
das nais doridas tódalas bágoas;
¡toda a Galicia dos meus quereres,
todo o feitizo da terra amada,
coa i-alma toda dun vello amigo
e a noraboa desta xuntanza!...