Saltar ao contido

Vagalumes/Bágoas

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 





In memoriam


Cal a ponla que o vento abanea,
azouta o curisco e do inverno se ri;
así ti, sulagada en espranzas,
e de vida e de fe toda chea,
avantabas decote surrindo
de cara ó porvir.


Cal coluna que o teito sostiña
sin que o peso a fixera torcer;
así ti, toda esforzos e azo,
capaz eras a nosa casiña
sempre ergueita e inzando a cotío
tamén a soster.


Foi a ponla enxertada, e un gromiño
ós biquiños do sol oferceu;
pro, en chegando do inverno as xiadas
e os curiscos, coitada, a modiño
foi sin forzas quedando, e ó fallo
na terra caeu.


¡Día bento en que viche teu soño
realizarse ó sentíreste nai!
Cobizado naceu de ti o froito
de amor casto; pro, nado o retoño,
sucumbiches ó sopro do vento
que as vidas esfai.


¿Que facer xa sin ti no vindeiro,
irmán santa, naiciña pra min?
Mergullada miña alma está en loito,
e encravada unha espiña de aceiro
nela teño ende a hora cativa
en que ¡ai! te perdín.


Soio vivo, vivindo antre a xente,
cunha mágoa no peito a roer.
As noitebras encóbrenme o esprito,
e, ó coidarme de ti tan ausente,
eu quixera no Alén afundirme, 103
quixera morrer.


¡Malfadado meu sino!... Un regueiro
os meus ollos deberan verter.
¡Non poder, irmanciña querida,
recibir teu adiós derradeiro
nin tampouco teu último abrazo
poder recoller!...


Teu recordo me acora a cotío,
e en ningures atopo solaz.
Xa meu corpo unha frebe estarrece,
xa debezo e tirito de frío,
ou dormento me quedo en algures
contigo a soñar.


¡Cariñenta unha ollada che prego
para tódolos teus e pra min!
Xa n'atopo, irmanciña, consolos
acó embaixo, que ti meu achego
eras soia, e achego non teño
desque ¡ai! te perdín...


Vigo, 18 Nadal do ano 1925