Vagalumes/¿Non te lembras?

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 




(Mirando ó chan nativo)


Aqués tempos xa fuxiron,
miña prenda.
Agora estes son xa outros.
¡Que distintos!
¿Non te lembras?


¿Non te lembras das parolas
que tiñamos cabo a igrexa,
mentras teus pais enganados
te coidaban coa xuvenca
no herbal de Fontefría?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras das fiadas
nas que ti éra-la reina,
e dos mozos que adoecían
por verse na túa beira?
¡Canto nós entón gozamos!...
¿Non te lembras?


¿Non te lembras da romaxe
da santa Virxe da Grela,
na que ti tódolos anos
estrenabas "en oferta"
un traxe e mais uns zapatos?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras do día sete
no que os santos, en ringleira,
rubían nas súas andas
a costa que á Ermida leva
só por mor de ve-la Virxe?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras cal do monte
ó outo salíalles Ela
e agardábaos cabo a Cruz
onde eles a reverencian,
por diante dela pasando?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras canto a xente
gozaba mirando as "ruedas
de fuego" e o "monicreque"
a pelexar coa "culebra"
hastra que os dous estoupaban?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras dos xantares
que comíanse na festa,
e dos cegos que chegaban
pidichando unha codela
ou un cachiño de zanco?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras das cantigas
—coplas feitas alí a présa--
que, empezadas polo cego,
rematábaas a parenta,
chiscando o ollo ós namorados?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras como as mozas,
de noite ó baixar da festa,
cantabades o alaláa,
poñendo unha man na orella
e deténdovos ós poucos?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras que túa avoa
me alcumaba "boa peza",
e que, ó chegar polas noites
onda ti, trataba ela
de rezar sempre o rosario?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras do domingo
en que o abade leu na igrexa
as nosas monestacións?
¡Se me acordo! Ti daquela
tan vermella te viraches...
¿Non te lembras?


¿Non te lembras daquel bico
que me deche, ás furtadelas,
brincando un día contigo,
e tamén dos que che eu dera
aquela noite onda a porta?...
¿Non te lembras? 49


¿Non te lembras que ó casarnos
fomos xa dendes da igrexa
"de ganchete" para a casa,
e a xente detrás de leria?
¡Canta vergonza pasamos!
¿Non te lembras?


.............................
.............................


¿Non te lembras daquel día
triste e negro como as tebras,
en que a notiza me deron
de ter que marcharme á guerra?
¡Cantos choros houbo estonces!...
¿Non te lembras?


¿Non te lembras daquel martes
en que eu díxenche: ña prenda,
preciso é que canto antes
nos embarquemos pra América,
e ti enxugache unha bágoa?
¿Non te lembras?


¿Non te lembras da estampiña
da nosa Virxe da Grela
que ti trouxeche connosco
para que nos protexera,
e que conservamos inda?
¿Non te lembras?


........................
........................


¡Canta sorte aquén o mar!
¡N'hai Virxe como a da Grela!
Foi Ela quen nola dou,
Ela, namiga de guerra,
que aló, dende a súa ermida,
nos ve sempre pracenteira.


Mais ¿que fas?... ¿Que é o que miras?
- Miro aló cara á Nai Terra...
- Chégate a min; dáme un bico,
¡que hoxe n'é como daquela!...


..........................
..........................


¿Esas bágoas?
- Non son bágoas;
é o amor que se me ceiba...
- ¿Quéresme moito, vidiña?
- ¡Como estonces!...
¿Non te lembras?