Saltar ao contido

Vagalumes/¡Salve, irmán piñeiro!

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



¡Salve, irmán piñeiro!


¡Ouh vello piñeiro, lanzal e barudo,
que te ergues altivo cabo a miña eira!
Noutro millor sitio pórte Dios non pudo,
porque dende aí ti atendes, mudo,
ó que pasa ó lonxe e ó que pasa á beira.


Nesta noite calma, de craro luar,
mentres dorme a xente cansa do trafego,
soio e de fuxida, que non de vagar,
somentes co gallo de te visitar
e escoitarte un pouco, tamén canso, chego.


¿Non me reconoces? Son o que ó teu lado
pillar grilos príncepes noutro tempo viña.
¡Ti tan vello e forte! Eu xa tan trocado,
pois, anque son mozo, verasme virado,
do fado coa venia, nun velliño axiña.


Veño a que me contes, ouh meu vello amigo,
das moitas que sabes, unha historia ou lenda.
Chego de fuxida. Terasme contigo,
entrambos soliños, sin ningún testigo,
deica a noite fuxa, deica o día acenda.


De hai tempo que arelo chegue a hora ista,
mais sempre un mal fado íñame alonxando.
Díganme que é soño de tolo, utopista,
aqués que non saben de soños de artista,
e os que soio buscan o metal nefando.


¿Cantos anos tes? Cóntame. Encomeza.
¿Quen te puxo aí? Dime. ¿Onde naciche?
¿Descendes quizaves dalgunha realeza?
Baixo a soma augusta da túa redondeza,
¿cantas cativeces —di— facer non viche?


¡Canto n'adoeceches ó ver certos feitos!...
Poida que pensases con carraxe e frebe,
polo chan as leises, polo chan os dreitos
vendo, e á costa duns os outros ergueitos:
se che isto é xusticia, que xuncras me leve.


¿Cavilas? ¿Seica isto faiche entristecere
inda hoxe? Ben; pois disto non falar.
Xa que os dous estamos algo de lecere,
refíreme cousas que arelo sabere,
que a ningúen, che xuro, heinas de contar.


¿Por que o vento, ás veces, maino e modosiño,
quéixase, e outras freme antre a túa faísca?
¿Por que en ti a bubela e a pega fan niño,
e en ti pousa o moucho, fatal adeviño,
cando a vella Atropos non moi lonxe ulisca?


Cóntame ti a historia daqués dous galáns,
que, nas noites brancas, craras de luar,
baixo a tua redouza, sin tencións malsáns,
os beizos xuntiños, collidas as mans,
iñan a cotío amor se xurar.


Relátame a lenda do que de pequeno
subeu á tua copa roubar unha estrela,
e como unha fada, con un soio aceno,
fixo con que a estrela baixase hastra o neno,
quen destonces foise a xogar con ela.


E o miragro santo do pecoreiriño,
que veu tiritando por louza hastra ti;
cóntame, si, cóntame, meu vello amiguiño,
que a lúa xa vaise, vaise de enxordiño,
e cantan os galos pra me eu ir de aquí.


Vaise a lúa meiga, vaise a santa lúa;
vaise e xa se esconde detrás dos penedos.
Vaise a lúa santa, compañeira túa
lá nas feras noites en que o vento brúa,
nas noites tranquías, nas noites dos medos.


¡Ouh lúa, luíña, detén tua carreira,
fainos carantoñas, un ollo nos chisca!
Noiva do poeta, linda compañeira,
¿móstraste anoxada? ¿Seica tes celeira?
Vaite de enxordiño. Isca, estonces, isca.


Vai das estreliñas o brilo amainando;
xa o día está preto, meu lanzal piñeiro,
quédaste soíño, soio, contemprando
como o tempo fuxe, como vai chegando
o día tamén pra min derradeiro.


Os galos xa cantan e o día reloce;
teño de deixarte ¡con canta tristeza!
¡Ouh, que pracer puro, que devino goce
síntese, escoitando ise falar doce,
no que á i-alma fala toda a Natureza!


¡Salve, irmán piñeiro, outo pino forte!
Gardo teu recordo na hucha do peito.
Soio che hoxe prego que, ó collerme a morte,
—¡Salve, irmán piñeiro! ¡Salve, pino forte!--
¡unha ponla dones pra meu cadaleito!...