Saltar ao contido

Vagalumes/¡Moitas gracias!

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 




Pra responder ós vosos agasallos
eu non atopo falas,
e ándanme alá dentro da cabeza
en revolta xuntanza
ideas e conceptos, que n'acerto
a pólos por seu orde. E na i-alma
sinto tal que unha morna vaguedade,
unha dozura soave e degarada,
que o meu ser todo envolve
e o corazón sulaga
de ledicias nun mar que non ten fondo.
Pra min será esta data,
ó longo do camiño dos meus días,
como a pedra miliaria,
na que con letras de ouro
gravarei vosos nomes. E a xornada
de hoxe hei gardar no meu libro de notas
como ilustrada páxina,
como estampiña sagra de recordos,
como ardente pregaria,
que o voso agasallado
terá de erguer da Grela á Virxe amada
por vós, e polos meus, e por Galicia:
pola irmanciña santa,
que, ó frolecer cal frol, polo curisco
con bico ¡ai! de morte foi bicada;
por Doriña e sua nai; de meus avós
polas fuxidas almas;
polos vellos amigos que souperon
enxoitar algún día as miñas bágoas,
e por cantos agora aquí me escoitan
e coa súa presenza me honran e agasallan;
pola Galicia ceibe
con libertade sagra,
por tódolos valentes loitadores
que forman nestos tempos a cruzada
dos escollidos bos e xenerosos
que loitan pola Terra e pola Fala;
pola Fe que nos trouxo o Santo Apóstol
que en Santiago descansa;
polo sustento e o ben dos nosos corpos,
¡polo sustento e o ben das nosas almas!...


Polo vindeiro adiante
camiñarei decote coa lembranza
desta xornada ardendo no meu peito
con roxas labaradas.
Mais para agradecer tanto agasallo
n'atopo agora falas,
e érgome, confuso e avergonzado,
como antre xente extrana,
sin achar outra cousa que decirvos,
máis que estas dúas verbas: ¡¡Moitas gracias!!