Saltar ao contido

Vagalumes/¡Irmanciña!

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 





Foi na aurora dun día de festa
pra os que cren:
De España
a Santa Patrona.


Foi a Inmaculada
que quixo levarte no seu día.
Foras
xa nel bautizada.


¡Triste aniversario
foi pra min este ano, miña irmán da i-alma!
¡Deixáchesme soio, e voache ó Ceo!


¡Ai! xa non me falas
con aquel cariño e aquela dozura
con que me falabas,
en véndome triste, queixoso e sin azos
pra vivir.
¡Faltara
antes eu que ti!
Mais a morte ingrata
nin siquera quixo que adiós me dixeses.


A noticia amarga
chegou polo aramio, cruel, inesperada.
¡Fuxira do mundo
miña irmán da i-alma!
Cadavre o teu corpo
cando eu cheguei era antre catro táboas.
Meus beizos quixeron
o calor volverche que de ti marchara.


Chameite, Emiliña,
e non me escoitabas.


Destonces creíno, soupen que era certo,
¡ai! e acedas bágoas
caíron a rego das miñas meixelas
nas túas, xa pálidas.


Dende aquela noite
cal non outra amarga,
sinto que un curruncho no fondo da i-alma
non quere alegrías, non quere consolos,
nin siquera espranzas.


Deixáchesme soio, e no mundo vivo
igoal que un pantasma.


¿Soio?
Un anxeliño
hai que alegra a casa
rindo e rebuldando, sin notar, coitado,
de sua nai a falta.


Todos o queremos, todos o adouramos
¡Mesmo é unha monada!


Mais cando eu te collo, meu afilladiño,
dos ollos as bágoas sin sentir me esvaran.
¡Ai, que ti non sabes que era tua naiciña
miña irmán da i-alma!...


En Órdenes, ós seis meses da morte de miña irmanciña