Saltar ao contido

Unha boda en Einibó

En Galifontes, o Wikisource en galego.

                       I

   —Cómo te chamas, rapaza?
—Chámome Ádega Silvan.
—Ay , Adega!... Entr' esas silvas
Quixéram' eu enredar...

   Tal dixo á certa miniña
Certo diaño de rapaz
E dend' estonces antrambos
Querens' á non poder máis.
Todal-as noites d' inverno
N'as fiadas d'o lugar
Estan de groma e palique
Dend' enton Ádega e Bras;
E non hay festa n'aldea
Nin precision n'a cibdá,

Onde xuntos non s' atopen
Un galan y-outro galan.

   Cand' hay danza n'o turreiro,
E Bras ó turreíro say,
É sempre Ádeg' a primeira
Que co' él se pon á bailar.
S' éla vay á romaría,
Él á romaría vay;
S' éla dá un ichav' ón cego,
Él outr'ichavo ha de dar;
Y-espello de namorados,
D'o seu cariño en sinal,
S' éla un caravel n'a boca.
Leva por cuaselidá,
Él outro caraveliño
Ha de—por forza—levar.

   Envexa de tod' as mozas,
Cando xuntos vén ou ván,
Moitas ó son d'o pandeiro
Cantábanll' este cantar:

   «Non te chegues moit' ó lume,
Volvoretiña real,
Non te chegues moit' ó lume,
Mira que te vas queimar.»

   Mais fan tanto caso d' ésto,
Tanto d' esto se lles dá;
Como si rousara un carro,
Como si ladrara un can.

   Un ano pasóu y-outr' ano
Pr'os namorados en paz;
Si dinantes se querian,
Quérens' oxe moito máis.
A ley q' os dous se tiveron,
Temend' ó cabo faltar,
Por que toda corda creba...
Por onde esprica o refran,
Unha miaxa d' estado
Tratand' ó fin de tomar,
Adega e Bras d' esponsallas
Fixeron xuro formal,
E pra casarse pediron
Lisencia e vénia á seus páis.


                    II

   Y-alí van de car' a igrexa
Alí van ambos á dous,
Pol-os dous sogros gardados,
Seguidos de seus abós,
Ela de alegria foncha,
Él morréndose d' amor,
Parecian dous paxáros,
Conform' un d' outr' á caron
Mirábans' ás furtadelas
Cal si tiveran rebor.

   Ádega estaba tan cuca
Que daba adimiracion:
D' aqueles seus ollos negros
Aumentábanll' o negror
A cófia y-a palramenta

Y-a saya, que negras son.
As mapolas d'os seus beizos
Collian roxo inda mór
D'o colar de coraliños
Qu' o nóivo Ile regalóu.
—¡Qué hermosa vas! marmuraban
Detrás d'ela algús chismós:
¡Dio-lo queira que che dure
Moito tempo esa color!...—

   Pero s' éla en compoñerse
Puxo tod' o seu teson,
Bras non vay menos composto,
Qu' atrás non se Ile quedóu;
Pois anqu' era por Agosto
E queima que pasma o sol,
Lev' unha capa tan longa
Que non hay outra millor.
Qué calados n'a camisa!
Qué zapatos de mallós!
Qué cutin o d'a chaqueta!
Qué rizo o do pantalon!
Qué ben lle dí a escarapela
Que cusida cu'n liñol
Lev' á un lado d 'o chapeyo
Desque d' as quintas libróu!
¡Traballos que pr' esculirse
Pasara n' aquel enton!...
¡Meciñeiros qu' o roubaron!
¡Diñeiro que Ile custóu!

   Mais aquelas agonías
Pasadas, gracias á Dios,

Todo pra Bras oxe é groria,
Felicidade y-amor.

   A par d'Ádega, moy teso.
N'a igrexa o rapaz entróu;
Déull' á noiva auga bendita,
Ouíunos o confesor,
E logo, o señor Abade
Botóulles as bendiciós.

   Dend' á víspor' avisado,
Por ser d'uso en Einibó.
Está esperand' ós cortexos
O gueiteiro que chegóu.
E cando, por fin, d'o tempro
Saíron ambos á dous,
D' a gaita ó tirililiro,
D'a caixa ó tromporrontron,
Caíndo as doce d'o dia
D' a espadaina n'o relós,
Descontr' a casa d'o noivo
A patuleya marchóu.


                    III

   Máis xa de Bras n'a cociña
Roxe o rixon n'a sarten,
Ferben á cachon os potes
E cheir' aurego e prixel.
Perparada n'o sobrado
Unha mesa d'oito pés,
Con catro mantés cuberta,
Por que non chega un manté,

Fumegan enriba d' ela
Tres barcales, todos tres
De chourizos cugulados
Lacon e vaca, á escoller.
Panochas por onde queira
De pan albeiro se ven,
Bicas de centeo e millo
Pra gusto de quen quixer;
E n'un curruncho, con netos
Alá por corent' e seís,
Toupa de chea unha cántara
De purrela com' a mel.

   Chegados á casa os noivos
Y-os cunvidados tamen,
Fixeron á crus n'os pratos
E puxerons' á comer.
   ¡O q' aquelas probes vellas
N'os seus fillos se revén!
¡Cás' envidian ós casados
Os qu' estan pra merecer!
¡Qué olIadas lIe botan éla,
Qué olIadas lle botan él,
Solteiriñas e solteiros
Cando non-os ve ninguén!

   Mentras ús falaban y-autros
Non paraban de comer,
Os páis d'os noivos decian
Quediño, con certo aquél:
—O meu... leva unha xugada
Y-on carro... ¿y-a de vosté?
—¡Unha uchiña chea... d' honra!

—Pois mire, abóndalle ben;
Por qu' ond' hay honra e saúde
Estánll'os millores bés.

   Perdidos un pol-o outro,
Tras d'unha vez outra vez,
Os noivos chúscans' o olIo,
Com' o qu' a cousa non quer.
Alá, debaixo d'a mesa
Rebulia non se qué
Qu' Adega púxose roxa,
Roxa com' on caravel...

   —Marcha can, deci' onha vella,
¡Hora o demo onde te vés!
Vaite roer pr' outro lado,
¿Ou seique tes gana de...?

   N'esto, ó viño comenzaba
N'as cholas á remexer,
E bébedos éles y-élas
Todos puxérons' en pé;
Y-as xerras levand' á boca.
Y-escurrichand' o pichel,
Ó son pecador d'a gaita
Que toca tocatas cen,
Os convidados brindaron
D'esta maneira cortés:

   «¡Viv' a noiva! ¡Viv' o noivo!
¡Vivan homiñ' e muller!
¡Por moitos anos se gocen,
Por moitos anos, amen!»


                    IV

   A francachela acabóuse,
Qu' afé que non foy ruín:
Xa é de noite: a branca lua
Alá d'o ceo nos confís,
Entr' un enxame d' estrelas
Com' almendras d' Allariz,
Inda loce que parece
Un pandeiro de marfin.

   De frescos cheiros cargada
Pasaba soprand' á brís
Y-os paxariños n'as poIas
E n'as chousas a perdiz,
Nos seus buracos os grilos
Y-as ovellas n'o cubil.
Ús c'os seus roucos cantares
Y-autros con trinos xentís,
Compuñan unha armunía
Qu' era o qu' había qu' ouir!
   Parece qu' a Natureza,
Nay querendósa e felís
Daba o paraben ós noivos,
Qu' eran esposos por fin.

¡Miraynos! Ó són d'a gaita,
D'o bombo e d'o tamburil,
Estan bailand' a muñeira
El y-éla ó pe d'o patin.
¡Com' el torce aquelas pernas!
¡Com' éla estroza o mandil!
¡Como recoll' él a faixa!
Com'éla move os cadrís!

   Arredor d' éles, en roda,
Mozos é mozas alí
Bailan tamen, entramentres
Que pegando atruxos mil,
Esmoen o pan da boda
Un fato de pelingrís.

   Tant' alegria mirando
Os vellos sin dentes rin,
E senten non tel-as pernas
Pra choutar e rebulir,

   Érguen cen nubes de polvo
Co' as chancas os bailarís,
E tanto castañetexan,
Que naide s' entende alí.

   Gueiteiro que máis ben toque
Nunca en Einibó se víu,
Qu' anque toc' á secas, toca
Que non hay máis que pedir.

   Vendo como repinica
N'aquel punteiro sutil,
Todos quedans' asombrados
Un istante sin sentir;

   E cand' ó cabo repostos
D'o asombro, volven en sí,
Perguntan todos:—¿Y-os noivos?
..................................................
¡Vai boa! Nin c' un candil!