Saltar ao contido

Testamento de Heilingenstadt

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Testamento de Heilingenstadt       Ludwig van Beethoven       Heilingenstadt, 6 de outubro de 1802
 


Fotografía do testamento de Beethoven.

O, homes que me tedes por rancoroso, insociábel e misántropo, como vos enganades. Non coñecedes as secretas razóns que me forzan a parecer deste modo. O meu corazón e o meu ánimo sentíanse desde a infancia inclinados para o tenro sentimento de cariño e sempre estiven disposto a realizar xenerosas accións; porén considerade que, de seis anos a esta parte, vivo suxeito a triste enfermidade, agravada pola ignorancia dos médicos. Enganado constantemente, na esperanza dunha mellora, fun forzado a enfrontar a realidade da rebeldía dese mal, cuxa cura, se non for de todo imposíbel, durará talvez anos! Nacido cun temperamento vivo e ardente, sensíbel mesmo ás diversións da sociedade, vinme obrigado a illarme nunha vida solitaria. Por veces quixen colocarme por riba de todo, mais fun entón duramente repelido, ao renovar a triste experiencia da miña xordeira!

Como confesar ese defecto dun sentido que debía ser, en min, máis perfecto que nos outros, dun sentido que, en tempos atrás, foi tan perfecto como poucos homes dedicados á mesma arte posuían! Non me era con todo posíbel dicirlles aos homes: “Falade máis alto, berrade, pois estou xordo”. Perdoádeme se me vedes afastarme de vós! A miña desgraza é dobremente penosa, pois ademais dela fai que sexa mal xulgado. Para min, xa non hai encanto na reunión dos homes, nin nas palestras elevadas, nin nos desabafos íntimos. Só a máis estrita necesidade me arrastra á soedade. Debo vivir como un exiliado. Se me achego a un grupo, síntome preso dunha punxente angustia, polo receo a que descubran meu triste estado. E así vivín este medio ano en que pasei no campo. Pero que humillación cando ao meu lado alguén apercibía o son ao lonxe dunha frauta e eu nada ouvía! Ou escoitaba o canto dun pastor e eu nada escoitaba!

Eses incidentes leváronme case ao desespero e pouco faltou para que, por miñas propias mans, puxese fin á miña existencia. Só a arte me amparou! Pareceume imposíbel deixar o mundo antes de producir todo o que eu sentía que me fora confiado, e así prolonguei esta vida infeliz. Paciencia é só ao que aspiro ata que as parcas inclementes corten o fío de miña triste vida. Mellorarei, talvez, e talvez non! Mais terei coraxe. Na miña idade, xa obrigado a filosofar, non é fácil, e máis penoso aínda se torna para o artista. Meu Deus, sobre min deita o Teu ollar! O, homes! Se vos caese isto un día debaixo dos ollos, veredes que me xulgastes mal! O infeliz consólase cando atopa unha desgraza igual á súa. Todo fixen para merecer un lugar entre os artistas e entre os homes de ben.

Pídovos, meus irmáns (Karl e Johann) así que eu pechar os ollos, se o profesor Schmidt aínda for vivo, facerlle no meu nome o pedido de describirlle a miña molestia e xuntádea a isto que aquí escribo para que o mundo, despois de miña morte, se reconcilie comigo. Declárovos ambos herdeiros de miña pequena fortuna. Repartídea honestamente e axudádevos un ao outro. O que contra min fixerdes, hai moito, ben sabedes, que xa volo perdoei. A ti, Karl, agradezoche as probas que me deches ultimamente. O meu desexo é que sexa a túa vida menos dura que a miña. Recomendádelle aos vosos fillos a virtude. Só ela poderá darlles a felicidade, non o diñeiro, dígovolo por experiencia propia. Só a virtude me ergueu da miña miseria. Só a ela e á miña arte debo que non rematase en suicidio os meus pobres días. Adeus e conservade a vosa amizade.

A miña gratitude a todos os meus amigos. Sentireime feliz debaixo da terra se aínda vos puider valer. Recibo con felicidade a morte. Se ela viñese antes de que realice todo o que me concede a miña capacidade artística, a pesar do meu destino, virá cedo de máis e eu desexaríaa máis tarde. Aínda así, sentireime contento pois ela liberarame dun tormento sen fin. Veña cando quixer, e eu con coraxe enfrontareina.

Adeus e non vos esquezades enteiramente de min na eternidade. Ben o merezo de vós, pois moitas veces, en vida, preocupeime de vós, procurando darvos a felicidade.

Sede felices!

Helligenstadt, 6 de outubro de 1802. Ludwig van Beethoven.