Tanto e tanto nos odiamos

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura


IV. D'a terra (Follas novas)       Rosalía de Castro      
 



"Tanto e tanto nos odiamos,

tanto e tan mal nos quixemos,

que por non verme morriche,

e desque morriche alento.

Mais ora tócame a min

tamén marchar, e di o crego

que che perdone, pois logo

a xuntarnos volveremos.

¡O crego volvéuse tolo!

¡Xuntarnos...! Nunca máis, penso;

que si ti estás onda Dios,

eu penso de ir xunto ó demo."

Esto unha vella viuda,

e terca como un carneiro,

falaba do seu difunto,

xa dos bichocos comesto.

I en tanto que así falaba,

tamén ela iba morrendo.

Mais din que o difunto i ela

se atoparon nos infernos

man a man e codo a codo

como dous bos compañeiros.

-¿Conque estás aquí? -lle dixo

estonces a vella ó vello-;

pois voume adonde está Dios,

xa que ti estás onde o demo-.

E sin saberse por ónde

colléu direitiña ó ceo;

mais topóu fechada a porta,

que lla fechara San Pedro.

-¡Prum!, ¡prum!; ¡abrí, que son eu!-

falóu a vella moi recio.

-¡Non hai! - respondéu o Apóstol,

apertando o tarabelo.

-Coidá que xuréi n'estar

onde el esté, meu San Pedro...

-¡Non hai!- repitéulle o Santo,

índose inda máis adentro.

-¡Por vida das vosas chaves,

que facés un bon porteiro,

e que roncás...! Xa se ve...

¡Como estades satisfeito...!

Mais eu xuréi, e Dios manda

que un cumpra seus xuramentos.

¡A terceira vez...! ¿Abrides?

-Nin ás tres ni ós trescentos;

a muller vaia onde o home:

¡Al infierno, anda al infierno

con el, por sempre en jamás!

-¡Poche, meu santo San Pedro,

que ben deixás conocer

que andiveches sempre ceibo,

que nunca foches casado

nin na terra nin no ceo!

Todiña-las comenencias

para vós quixeches, ¡deño!

¿I a min non me dás ningunha?

Pois ve que eu tamén as quero.

Si aló con cadea andiven,

en tela agora non penso,

que todo ca morte acaba

según predican os cregos.

Unha ves nos separamos

eu i o meu home, e por certo

que foi pra sempre..., e está dito,

pois son terca, si sos terco.

¿Que non me querés na groria?

Pois xuréi non ir ó inferno,

done el está; i acabóuse,

e n'hai que falar máis desto.

¿Qué habés de facer de min?

¿Iréi ó limbo dos nenos?

¡Me vallas!, que xa estóu deles

hasta a punta dos cabelos.

-¡Caramba coa muller esta!

-dixo enfadado San Pedro-.

que si non fora por Dios...

-Bah, señor, deixávos deso

e permitime que pase...

-Non, non e non. ¡Caramelos!

Fora daquí... -E ¡pum!, botóuna

direitiño cara ó inferno.

-¡Qué o xuréi! Xa o teño dito...

-berraba a vella-. Non entro.

Señor, señor... Sursum corda;

aquí estóu, i aquí me quedo-.

E quedóuse, si, quedóuse.

¿Ónde? Non se sabe certo,

nin si foi porque a oíse Dios

ou porque n'a quixo o deño.

Só se sabe, ben sabido,

que anda nas alas do vento

metendo medo ós rapaces

nas negras noites de inverno;

encelando namorados,

desfacendo casamentos,

malquistando matrimonios...

¿Por qué n'a levóu San Pedro?

Que ora anda ceiba e ben ceiba

para meternos no inferno.

Poñélle a figa, mociñas,

si querés ter casamento;

que onde ela esté, nin un home

toparés para un remedio.