Saltar ao contido

Sós

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Sós (De catro a catro)       Manuel Antonio       1928
 


  Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós

  Roubaron-nos os Sol
  O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

  Roubaron-nos o vento
  Aquel veleiro que se evadeu
pol-a corda floxa d'o horizonte

  Este oucéano desatracou d'as costas
  e os ventos d'a Roseta
ourentaron-se ao esquenzo
  As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas d'o reloxe
  Pero tamén sabemos a maniobra
d'os navíos que fondean
a sotavento d'unha singladura

  N-o cuadrante estantío d'as estrelas
ficou parada esta hora:
  O cadavre d'o Mar
fixo d'o barco un cadaleito

  Fume de pipa Saudade
  Noite Silenzo Frío
  E ficamos nós sós
  sin o Mar e sin o barco
  nós.