Revista dunha corrida ¿de touros? en Noia feita por un labrego
Revista de unha corrida ¿de touros? na vila de Noia feita por un labrego Enrique Labarta 1896
Lema:
Coa miña moca ó lombo
capa e cirolas,
n'hai toureiro non raio,
que a min me tosa.
Eu.
1
Serían as tres da tarde,
pouco máis o pouco menos,
do vintecatro de Agosto
dun ano que... non me lembro,
5 día en que a vila de Noia
alegre como un pandeiro,
fai a festa ó seu patrón
o santo Bartolomeo;
e polas calles e prazas,
10 e por tódolos cornechos,
bulía a xente da vila
o mesmo que un formigueiro.
I en medio daquel enxamio
soilo se oucía este berro:
15 - ¡Ós touros! -i en son de trompa
- ¡ós touros! -gritaban nenos,
- ¡ós touros! -gritaban mozos
- ¡ós touros! -gritaban vellos;
i - ¡ós touros! -todos berraban
20 sin tomar siquera alento;
e tanto, -¡ós touros!- se oucía,
que dende aquel día, penso
que aló dentro das orellas
metídolos touros teño.
25 E revolto antre o xentío,
e, como todos, correndo,
máis alegre que unhas páscoas
e máis foncho que un gaiteiro,
coas miñas polainas novas,
30 o meu chaleque ben feito,
coello branco astra as orellas,
capa longa astra os tobelos
i, en fin, pra ser todo longo,
astra a nuca o meu sombreiro,
35 antre todos eu marchaba
¡máis teso que un padre crego...!
I algún chusco dos da vila,
miña capa longa vendo,
anque era no mes de Agosto
40 i o sol queimaba de demo,
dicía: - ¡Que frío fai!
¿Cando nos virá o bo tempo?-
Ou botábame un: - ¡Compadre,
non sabe canto lle aprecio
45 que me garde algunha cría
si esa capa chega a netos!-
Ou: - ¡Si se desfai da prenda,
avise polo correio!
Mais, facendo o mesmo caso
50 que si estivese chovendo,
pola calle adiante eu iba
marchado teso que teso.
2
Por fin, andando i andando,
metímonos nunha praza,
55 que a présa polos costados
uns homes tapeando estaban.
I alá no fondo de todo,
pegado a carón das casas,
erguíase un gran taboado
60 ¡que taboado, Virxen santa!
¡Ai, parescía aquel onde
os axusticiados matan!
I outras táboas inda había
enriba daquelas táboas,
65 formando un arco de ponte,
e tan vellas e pintadas,
que astra o demo, con ser demo,
xuro a que non acertaba,
¡si era aquelo unha grileira
70 ou si aquelo era unha casa!
¿Onde estamos? ¿Onde estamos?
(tembrando como unha cana
polo medo que tomei
ó ver aquel panorama),
75 dixen a berro pelado;
e toda a xente en vos alta:
- ¡Na praza de touros, home!...
contestoume moi finchada.
I ó ver que a praza de touros
80 era unha praza de casas,
lembreime de don Quixote
que o probe tamén tomaba
¡por xigantes, os muíños,
por exércitos, as crabas!
85 - ¿I aquel taboado que fai?-
perguntei (polo de marras),
e respondéronme: - É onde
a múseca está sentada.
EU.- ¿I aquelo que ten enriba?-
90 A XENTE.- ¡Vostede seique está en Babia!
É o palco da persidencia,
onde se senta a xente alta...
EU.-Xa o vexo: ¡Ó menos están
a unha altura de tres varas!
95 A XENTE.- ¡Non lle é alta pola altura!
EU.- ¡Boeno: Será pola baixa!
A XENTE.- ¡Chámase alta a xente gorda!
EU.- ¡Xa entendo ben, camaradas,
xente gorda e de bon ano,
100 chámase a que está cebada!
A XENTE.- ¡Que malas entendedeiras
ten este cara de páscoas!
Pra que entenda: ¡A xente gorda,
élle o alcalde i a compaña!
105 EU.- ¡Acabaran de parir!
¡Pois as cousas dinse craras!
Nestas e noutras conversas
con toda a xente eu estaba,
cando, sin máis e sin máis,
110 como si non fora nada,
dixeron: - ¡Aí vén o touro!
E dixen eu: - ¡Santa Bárbora!
3
I acó teñen xa vostedes
na praza o touro pirmeiro,
115 (que tiña de touro bravo
o que ten de manso o demo);
i ó mirar que todo o mundo
quería alí ser toureiro,
i astra se botaba a touro
120 (por darse tono) un becerro,
i ó ver, en fin, que no sitio
todos estaban con medo
(empezando polo touro
i acabando por min mesmo)
125 dixen: - ¡Eiquí soilo falta
que eu me meta a revisteiro!
E saltando un valadiño
de táboas, metinme drento
dun portal; pidín un tallo,
130 unha pruma e máis un prego
de papel longo de barba;
saquei do bolso dereito,
o meu tinteiro de corno
i os meus anteollos vellos;
135 un bo polvo de tabaco
tomei do meu tabaqueiro,
e dicindo escontra min:
- ¡Eiquí meu dito meu feito;
que por moito que me digan,
140 non deixa de ter seu méreto
unha corrida en Galicia
discrita por un gallego!
Con perdón da Tauromaquia,
escomencei nestes termos:
145 Noia. -Agosto vintecatro.
¡¡Gran corrida ESTRORDINARIA!!
E por si algún de vostedes
non entende esta palabra,
quer dicir: ¡Fóra do orde!
150 (I está moi ben apricada).
Mallábanse, tres becerros
das montañas de Barbanza;
persidían a función
o alcalde... i a compaña;
155 compoñíase a cuadrilla
de toda a xente da praza;
os que pinchaban pirmeiro,
eran pirmeiros espadas;
picadores... ¡Todo o mundo
160 os probes bichos picaba!
banderilleiros... ¡Os coxos!
capeador... ¡Quen tiña capa!
os touros... ¡Mártires dinos
quizais dunha millor causa!
165 E con esto por sabido
escomenza... a foliada:
TOURO PIRMEIRO
Levantouse o persidente,
fixo cun pano a sinal,
e... saliu caladamente
170 o touro por un portal.
I ó velo asín como entraba
na praza polo postigo,
parescía que baixaba
de visitar un amigo.
175 Por sinal... levaba atado
o pescozo cun cordel.
¡Máis lle valera, coitado,
que se aforcase con el!
Somentes pelexo i oso,
180 naquel corpo un home vía.
¡Chamábase "O milagroso..."
e de milagre vivía!
Tiña o probe pouca talla
e tiña ademais tamén...
185 ¡Máis gana de comer palla
que de trucar a ninguén!
Xente e touro, con recelo,
miránronse frente a frente...
¡I a xente fuxiu ó velo!
190 ¡I el... fuxiu ó ver a xente!
De pronto... ¡Xesús!... ergueron
cen mocas, duascentas maus,
e sobre as costas choveron
do touro... máis de mil paus.
195 Dempois... todos lle mallaban.
¡Santo Cristo, que mallar!
¡E do rabo lle turraban
astra quererllo arrincar!
Outros con puntas de ferro
200 picábanlle dos balcóns...
- ¡Asesinos!- o becerro
dicía prós seus botóns.
E trato tan malo ó ver,
con ganas de protestar,
205 botaba un pouco a correr,
pero... ¡Volvía a parar!
I así no probe ferido
sigueu cebándose a xente,
astra que, compadecido
210 do becerro o persidente,
levantouse con cachaza,
deu co seu pano a sinal,
i o touro saliu da praza
outra ves polo portal.
TOURO SEGUNDO
215 Tocaron os músecos
a marcha dos grelos...
e mozos e mozas,
e vellas e vellos:
- ¡Que veña outro touro!-
220 berraron a un tempo.
I entón o alcalde
levantou o dedo,
i entrou coma un raio
na praza correndo,
225 o touro segundo,
levado do demo.
Era unha formiga
de cor moi vermello,
e por ir as xentes
230 astra ó rivés neso,
por nome "O cornudo"
quizais lle puxeron;
pois si tiña cornos,
tíñaos tan pequenos...
235 ¡Que máis ben que cornos
eran un proieuto!
Ó verse na praza
fóra do cortello,
de gozo saltaba
240 o infelís becerro;
i a xente que o vía,
fuxía de medo
e polos portales
íbase escondendo...
245 - ¡Que unha pitacega
parescía aquelo!
E todos dicían:
- ¡Que touro tan fero!...
Sin bota-la conta
250 de que inda era un neno,
e ledo brincaba,
según o que entendo,
por esparexerse,
non con mal intento.
255 Mais logo que a xente
pensou esto mesmo,
saltou sobre o touro,
cal cans de palleiro
saltan sobre un oso,
260 pra dempois roelo.
I el, aquel encontro
recibeu sereno
cal un probe mártir
recibe o tormento:
265 ¡Sin incomodarse
nin botar un berro!
¡Cantas xudiadas
alí lle fixeron!
Astra un, por botarse
270 de banderilleiro,
prantoulle con forza
no carto traseiro,
-con perdón da cara
dos homes máis vellos,-
275 dous bos subelazos...
¡Ben postos por certo!
Outro máis valente,
montou no becerro;
e touro e xinete,
280 tembrando de medo,
no medio da praza
rolando caeron.
Nesto, o persidente
levantou o dedo,
285 i o touro mallado,
marchou pró cortello.
E dis que ó ir andando,
moi maino e moi quedo
pra que non lle oucisen
290 dicía o becerro:
-Nós os de Barbanza,
pasamos por feros,
e somos máis mansos
que os homi os estos:
295 ¡Uns levan a fama
i outros o porveito!
TOURO TERCEIRO
Da múseca a sonar volveu con forza,
o prapachín ferós e destemprado...
Erguéndose outra vez o persidente,
300 a sinal a facer volveu, co pano;
i o becerro terceiro entrou na praza
con choroso carís: Aire romántico.
- Ese touro que aí vén, (todos dicían)
é aquel mesmo que vén tódolos anos-
305 ¡I entón eu comprendín polo que viña
tan triste, malencólico e pausado!
Sabía o probe xa, por esperenza,
o que lle iba a pasar. ¡Ai meu coitado!
Chamábase <> quizais porque era
310 dos touros todos o infelís decano:
I era tan vello, que iba pola praza,
maino, sin folgos e cos pés arrastro.
Ó velo entrar, a xente en remuíño
arremeteulle alí con furor tanto,
315 que cada ves que a xente arremetía,
caía o touro pai no chan deitado.
¿Que delito fixeche, meu neniño,
pra que che den os homes tan mal pago?
¡Ti, que nunca lles deche unha cornada,
320 nin pra fuxir, siquera, tiñas ánemo!
¡Ti, tan manso, tan vello e tan cumprido,
que eras un touro xa civilizado!
¡Ti, que xa un bo retiro merecías!
¡Que homes conezo eu, que o están crobando,
325 con moitos menos anos de servizos,
e sin tanta cabeza nin traballo!
En fin: O persidente enternecido
pensou o mesmo que eu estou pensando;
erguéuse do sillón médeo dormido,
330 i a postreira sinal fixo co pano;
o touro, a repuxós foise prá corte,
a xente despideuse astra outro ano,
deixouse o revisteiro de revistas...
¡I a corrida acabou, dos touros bravos!
4
RESUME
335 Total da corrida esta:
Cabalos mortos, ningún;
sin contar, pra fin de festa,
que un home rompeuse a testa;
pois entón diremos: ¡Un!
340 ¡A corrida foi batida!
¡Nunca millor o fixeron!
Digan, pola miña vida;
¿n'había de ser corrida
si todos alí correron?
345 Fin: Os toureiros... ¡Mallando
sin perdón, en xeneral!.
Os touros... ¡Mil paus levando!
O persidente... ¡Roncando!
O revisteiro... ¡Moi mal!