Resposta de Edgar Villanueva a Microsoft

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Resposta de Edgar Villanueva a Microsoft       Edgar Villanueva Conde       8 de abril de 2002
 


Señor
JUAN ALBERTO GONZÁLEZ
Xerente Xeral de Microsoft do Perú

Presente.-

Estimado Señor.

Ante todo, agradezo a súa carta do 25 de marzo do 2002 onde manifesta a posición oficial de Microsoft respecto ao Proxecto de Lei Nº 1609, Software Libre na Administración Pública, que sen dúbida está inspirada no desexo de que o Perú logre situarse axeitadamente no contexto tecnolóxico global. Animado dese mesmo espírito e convencido de que a través do intercambio de ideas claras e abertas habemos atopar as mellores solucións, permítome contestar mediante a presente os comentarios incluídos na súa carta.

Sen deixar de recoñecer que opinións como a súa constitúen unha achega significativa, houbese resultado aínda máis valioso se, ademais de formular obxeccións de índole xeral (que logo analizaremos en detalle) agregase argumentos sólidos sobre as vantaxes que o software privativo pode reportar ao Estado Peruano e aos seus cidadáns en xeral, pois isto permitiría un intercambio a todas luces máis esclarecedor respecto de cada unha das nosas posicións.

Co obxectivo de ordenar o debate, asumiremos que o que vostede chama "software de código aberto" é o que o Proxecto define coma "software libre", posto que existe software cuxo código se distribúe xunto cos programas, pero non encaixa na definición establecida no Proxecto; e o que vostede chama "software comercial" é o que o Proxecto define coma "privativo" ou "non libre", posto que existe software libre que se comercializa no mercado por un prezo coma calquera outro ben ou servizo.

Cómpre asemade aclarar que o propósito do Proxecto ao que nos referimos non está directamente relacionado coa cantidade de aforro directo que poda obterse polo emprego de software libre nas institucións estatais. Este é en todo caso, un valor engadido marxinal, pero de ningún xeito o foco do obxectivo do Proxecto. Os principios elementais que animan ao Proxecto vincúlanse ás garantías básicas dun Estado democrático de dereito, coma:

  • Libre acceso dos cidadáns á información pública.
  • Perennidade dos datos públicos.
  • Seguridade do Estado e dos cidadáns.

Para garantir o libre acceso dos cidadáns á información pública, resulta indispensable que a codificación dos datos non estea ligada a un único provedor. O uso de formatos estándar e abertos permite garantir este libre acceso, logrando se fose necesario a creación de software libre compatible.

Para garantir a perennidade dos datos públicos, é indispensable que a utilización e o mantemento do software non dependan da boa vontade dos provedores, nin das condicións monopolistas impostas por estes. Por iso o Estado necesita sistemas cuxa evolución poda ser garantida grazas á dispoñibilidade do código fonte.

Para garantir a seguridade do Estado ou seguridade nacional, resulta indispensable contar con sistemas sen elementos que permitan o control a distancia ou a transmisión non desexada de información a terceiros. Polo tanto, requírense sistemas cuxo código fonte sexa libremente accesible ao público para permitir o seu exame polo propio Estado, os cidadáns, e un gran número de expertos independentes no mundo. A nosa proposta achega maior seguridade, pois o coñecemento do código fonte eliminará o crecente número de programas con código espía.

Asemade, a nosa proposta reforza a seguridade dos cidadáns, tanto na súa condición de titulares lexítimos da información manexada polo Estado, coma na súa condición de consumidores. Neste último caso, ao permitir a aparición dunha oferta extensa de software libre sen o potencial código espía susceptible de poñer en risco a vida privada e mailas liberdades individuais.

Neste sentido, o Proxecto de Lei limítase a establecer as condicións baixo as cales os organismos estatais adquirirán software no futuro, é dicir, dun modo compatible coa garantía deses principios básicos.

Da lectura do Proxecto quedará claro que unha vez aprobada:

  • a lei non prohibe a produción de software privativo,
  • a lei non prohibe o comercio de software privativo,
  • a lei non dita que software concreto usar,
  • a lei non dita a que provedor se lle merca o software,
  • e a lei non limita os termos en que se pode establecer a licenza dun produto de software.

O que o proxecto expresa claramente é que, para que o software sexa aceptable para o Estado, non abonda con que sexa tecnicamente suficiente para levar a cabo unha tarefa, senón que ademais as condicións de contratación deben satisfacer unha serie de requisitos en materia de licenza, sen os cales o Estado non pode garantir ao cidadáns o procesamento axeitado dos seus datos, velando pola súa integridade, confidencialidade e accesibilidade ao longo do tempo, porque son aspectos moi críticos para o seu normal desempeño.

Estamos de acordo Sr. González, no feito de que a tecnoloxía da información e as comunicacións ten un impacto na calidade de vida dos cidadáns significativo (sen que por iso sexa sempre positivo ou de efecto neutro). Tamén coincidiremos seguramente, en que os valores básicos que sinalei arriba son fundamentais nunha nación democrática coma o Perú. Dende logo estamos moi interesados en coñecer calquera forma alternativa de garantir estes principios, que non sexa a de recorrer ao emprego de software libre nos termos definidos no Proxecto de Lei.

No que respecta ás observacións de vostede formula, pasaremos agora a analizalas en detalle:

En primeiro lugar, sinala que: «1. O proxecto establece a obrigatoriedade de que todo organismo público debe empregar exclusivamente software libre, é dicir de código aberto, o cal atenta contra os principios da igualdade ante a lei, o de non discriminación e os dereitos á libre iniciativa privada, liberdade de industria e contratación protexidos na constitución.».

Esta apreciación constitúe un erro. De ningún modo o proxecto afecta aos dereitos que vostede enumera; só se limita a establecer condicións para o emprego de software por parte das institucións estatais, sen facer referencia en modo algún ás transaccións do sector privado. É un principio ben establecido que o Estado non ten o amplo espectro de liberdade contractual do sector privado, pois precisamente está limitado polo deber de transparencia dos actos públicos; e nese sentido, a preservación do mellor interese común debe prevalecer cando se lexisla sobre a materia.

O Proxecto protexe a igualdade ante a Lei, pois ningunha persoa natural ou xurídica está excluída do dereito de ofrecer estes bens ao Estado nas condicións fixadas no Proxecto e sen máis limitacións que as establecidas na Lei de Contratacións e Adquisicións do Estado (T.U.O. por Decreto Supremo No. 012-2001-PCM).

O Proxecto non introduce discriminación algunha, pois só establece como han de proverse estes bens (o cal é unha potestade estatal) e non quen ha de provelos (o que en efecto resultaría discriminatorio se se impuxesen restricións baseadas na nacionalidade, raza, relixión, ideoloxía, preferencia sexual, etc.) Pola contra, o Proxecto vai decididamente en contra da discriminación. É así porque ao determinar sen lugar a dúbidas as condicións de provisión do software, impide aos organismos estatais o uso de programas cuxa licenza inclúa condicións discriminatorias.

Resulta obvio polo exposto nos dous parágrafos previos, que o Proxecto non atenta contra a libre iniciativa privada, pois esta pode elixir sempre baixo que condicións producirá o software; algunhas destas serán aceptables para o Estado, e outras non o serán porque contrarían a garantía dos principios básicos enumerados arriba. Esta libre iniciativa é dende logo, compatible coa liberdade de industria e coa liberdade de contratación (nos termos acoutados en que o Estado pode exercer esta última). Calquera suxeito privado pode producir software nas condicións que o Estado require, ou pode absterse de facelo. Ninguén está forzado a adoptar un modelo de produción, pero se desexa prover software ao Estado, deberá proporcionar os mecanismos que garantan os principios básicos, e que son os manifestados no Proxecto.

A maneira de exemplo: nada no texto do Proxecto impediría á súa empresa ofrecer aos organismos do Estado o seu paquete ofimático, nas condicións definidas no proxecto e fixando o prezo que vostedes consideren conveniente. Se non o fixer, non será debido a restricións impostas pola lei, senón a decisións empresariais respecto ao modo de comercializar os seus produtos, decisións en que o estado non ten participación.

A continuación sinala vostede que: «2. O proxecto, ao facer obrigatorio o uso de software de código aberto, establecería tratamento discriminatorio e non competitivo na contratación e adquisición dos organismos públicos...».

Esta afirmación non é máis que unha reiteración da anterior, e por tanto atópase contestada liñas arriba. Pero deteñámonos un intre na súa apreciación sobre o «tratamento [...] non competitivo».

Por certo, ao definir calquera tipo de adquisición, o comprador fixa condicións que se relacionan co uso proposto do ben ou servizo. Dende logo iso exclúe a certos fabricantes da posibilidade de competir, pero non os exclúe a priori, senón en base a unha serie de principios decididos pola vontade autónoma do comprador, en tanto o proceso teña lugar conforme á lei. E no Proxecto establécese que ninguén está excluído de competir en tanto que garanta o cumprimento dos principios básicos.

Ademais o Proxecto estimula a competencia, pois alenta a xerar oferta de software con mellores condicións de usabilidade, e a optimizar traballos xa establecidos, nun modelo de mellora constante.

Da outra banda, o aspecto central da competitividade é a oportunidade de proporcionar ao consumidor mellores opcións. Agora ben, é imposible descoñecer que a publicidade non xoga un papel neutral á hora de presentar a oferta ao mercado (pois asumir o contrario levaría a supoñer que as inversións que as empresas realizan en publicidade carecen de sentido algún), e por tanto un gasto significativo neste campo pode influír nas decisións do comprador. Esta influencia da publicidade queda en boa medida mitigada polo proxecto que propulsamos, pois a elección dentro do marco proposto recae no mérito técnico do produto e non no esforzo de comercialización do produtor. Neste sentido, a competitividade acentúase, pois o máis pequeno produtor de software pode competir en termos de igualdade coa máis poderosa das corporacións.

Cómpre salientar que non hai posicións máis en contra da competición que a dos grandes produtores de software privativo, que con frecuencia abusan da súa posición dominante, porque en innumerables casos propoñen como solucións a problemas manifestados polos usuarios: «actualice o seu software á nova versión» (con cargo para o usuario, por suposto). Ademais son comúns as interrupcións arbitrarias da asistencia técnica para produtos que, só a xuízo do provedor, son "antigos". Logo, para recibir algún grao de asistencia técnica, o usuario vese na obriga de migrar (cun custo non trivial, especialmente porque adoita involucrar cambios da plataforma de hardware) a novas versións. E como toda a infraestrutura está consolidada en formatos de datos privativos, o usuario queda "atrapado" na necesidade de continuar empregando os produtor do mesmo provedor, ou realizar o enorme esforzo de cambiar a outro ambiente (tamén probablemente privativo).

Engade vostede: «3. Así, ao obrigar ao Estado a favorecer un modelo de negocio que apoiaría exclusivamente o software de código aberto, o proxecto só estaría desalentando ás compañías fabricantes locais e internacionais que son as que verdadeiramente realizan importantes inversións, crean un significativo número de postos de traballo directos e indirectos, ademais de contribuír ao Produto Interior Bruto ante un modelo de software de código aberto que tende a ter un impacto económico cada vez menor debido a que crea principalmente empregos en servizo.»

Non estou de acordo co que vostede afirma. En parte polo que vostede mesmo sinala no sexto parágrafo da súa carta, respecto do peso relativo dos servizos no contexto do uso de software. Esta contradición, de por si, invalidaría a súa postura. O modelo de servizos, adoptado por un gran número de corporacións na industria informática, é moito máis significativo, en termos económicos e con tendencia crecente, que as licenzas de programas.

Pola outra banda, o sector privado da economía ten a máis ampla liberdade para elixir o modelo económico que mellor se adecúe aos seus intereses, aínda que esta liberdade de elección quede moitas veces escurecida de xeito subliminar polas desproporcionadas inversións en publicidade dos produtores de software privativo.

Adicionalmente, da lectura da súa opinión desprenderíase que o mercado Estatal é crucial e imprescindible para a industria do software privativo, a tal punto que a opción que o Estado establece neste proxecto eliminaría completamente do mercado a estas empresas. Se é así, deducimos que o Estado tería o dereito de aplicar os subsidios á área que considere de maior valor social. Resultaría innegable, nesta improbable hipótese, que se o Estado decide subsidiar software debería facelo escollendo o libre por riba do privativo, atendendo ao seu efecto social e ao uso racional dos cartos dos contribuíntes.

Respecto dos postos de traballo xerados polo software privativo en países coma o noso, estes tratan maioritariamente tarefas técnicas de pouco valor engadido. A nivel local, os técnicos que prestan soporte a software privativo producido por empresas transnacionais non están en condicións de solucionar un erro informático, non necesariamente pola falta de capacidade técnica ou talento, senón porque non dispoñen do código fonte a reparar. Co software libre créase emprego tecnicamente máis cualificado e xérase un marco de libre competencia onde o éxito está unicamente ligado á capacidade de brindar un bo soporte técnico e calidade de servizo, estimúlase o mercado e increméntase o patrimonio común do coñecemento, abrindo alternativas para xerar servizos de maior valor engadido e mellor perfil de calidade beneficiando a todos os actores: produtores, prestadores de servizos e consumidores.

É un fenómeno común nos países en vías de desenvolvemento que as industrias locais de software obteñen a meirande parte dos seus ingresos na área dos servizos, ou na construción de software especializado. Por tanto, calquera impacto negativo que a aplicación do Proxecto poda ter neste sector verase compensado con creces por un aumento da demanda de servizos (a condición de que estes sexan prestados conforme a altos estándares de calidade). Dende logo, é probable que as empresas transnacionais de software, se deciden non competir conforme a estar regras do xogo, sufran algunha diminución de ingresos en termos de facturación pola venda de licenzas. Pero considerando que estar empresas alegan constantemente que gran parte do software empregado polo Estado foi copiado ilegalmente, verase que o impacto non ha de ser extremadamente serio. Certamente, en todo caso a súa fortuna estará determinada por leis de mercado, cuxos cambios non é posible evitar. moitas empresas tradicionalmente asociadas co software privativo xa emprenderon un camiño firme (apoiado por cuantiosas inversións) para prestar servizos asociados co software libre, o cal demostra que os modelos non son mutuamente excluíntes.

Con este Proxecto o Estado está decidindo que require preservar certos valores fundamentais. E decídeo en base ás súas potestades soberanas, sen afectar con iso a ningunha das garantías constitucionais. Se estes valores poden ser garantidos sen ter que escoller un modelo económico dado, os efectos da lei serían aínda máis beneficiosos. En todo caso debe quedar claro que o Estano non elixe un modelo económico. Se sucedese que existe un só modelo económico capaz de prover software tal que satisfaga as garantías básicas destes principios, trataríase dunha circunstancia histórica e non dunha decisión arbitraria en favor dun modelo dado.

Continúa a súa carta: «4. O proxecto de lei impón o uso de software de código aberto sen considerar os perigos que isto poda implicar dende o punto de vista da seguridade, garantía e posible violación dos dereitos da propiedade intelectual de terceiros.»

Aludir de forma abstracta aos «perigos que isto poda implicar», sen especificar sequera unha soa instancia destes supostos perigos, denota cando menos un descoñecemento do tema. Así pois, permítame ilustralo sobre estes puntos.

Sobre seguridade:

En termos xerais respecto á seguridade nacional, xa se mencionou inicialmente nos principios básicos do Proxecto. En termos máis puntuais respecto da seguridade do software en si, sábese que o software (privativo ou libre) contén erros de programación ou “bugs” (en xerga informática) nas súas liñas de código. Pero tamén é público e notorio que os erros no software libre son menos, e que se reparan moito máis axiña que no software privativo. Non en van numerosos organismos públicos responsables da seguridade informática dos sistemas estatais en países desenvolvidos prescriben o uso de software libre a iguais condicións de seguridade e eficiencia.

O que resulta imposible probar é que o software privativo sexa máis seguro que o libre, salvo mediante o escrutinio público e aberto da comunidade científica e mailos usuarios en xeral. Esta demostración é imposible porque o propio modelo de software privativo impide a análise, co que a garantía de seguridade baséase na palabra de boa fe (pero a todas luces parcial) do propio produtor ou os seus contratistas.

Cómpre lembrar que, en numerosos casos, as condicións legais inclúen cláusulas que impiden aos usuarios revelar abertamente os erros de seguridade atopados no produto privativo baixo ditos termos legais.

Respecto á garantía:

Como vostede sabe perfectamente, ou poderá determinar lendo o “Acordo de licenza para o usuario final” dos produtos que vostede licencia, na meirande parte dos casos, as garantías están limitadas á reposición do medio de almacenamento se este fose defectuoso, pero non se prevén en caso algún compensacións por danos directos ou indirectos, lucro cesante, etc. Se como consecuencia dun erro de seguridade algúns dos seus produtos, non oportunamente reparados por vostede, un atacante comprometese sistemas cruciais para o Estado: que garantías, reparacións e compensacións proporcionaría a súa empresa de acordo coas súas condicións legais? As garantías do software privativo, en tanto os programas se entregan no estado en que se atopan, sen ningunha responsabilidade adicional para o provedor respecto da súa funcionalidade, non difiren en modo algún das habituais no software libre.

Sobre a propiedade intelectual:

As cuestións de propiedade intelectual están fóra do ámbito deste proxecto, pois están amparadas por outras leis específicas. O modelo de software libre non implica en modo algún descoñecer estas leis e, de feito, a ampla maioría do software libre está amparado polos dereitos de autos. En realidade, a soa inclusión desta cuestión nas súas observacións demostra a confusión respecto do marco legal en que se desenvolve o software libre. A incorporación de propiedade intelectual allea en obras que logo se distribúen coma propias non é unha práctica da que se teña rexistro na comunidade do software libre; si que o é, lamentablemente, no terreo do software privativo. Valga coma exemplo a condena da Corte Comercial de Nanterre, Francia, do pasado 27 de setembro do 2001 a Microsoft Corp., por 3 millóns de francos en concepto de danos e intereses, por violación da propiedade intelectual (“piratería”, segundo o desafortunado termo que a súa empresa adoita utilizar na súa publicidade).

Prosegue dicindo que: «5. O proxecto manexa de xeito erróneo os conceptos de software de código aberto, que non necesariamente implica que o software sexa libre ou de custo cero, chegando a realizar conclusións equívocas sobre aforros para o Estado, sen ningún sustento custo beneficio que valide a posición».

Esta observación non é tal, en principio a gratuidade e maila liberdade son conceptos ortogonais: hai software privativo oneroso (por exemplo, MS Office), software privativo e de balde (MS Internet Explorer), software libre oneroso (distribucións Red Hat, SuSE, etc. do sistema GNU/Linux), software libre e de balde (Apache, OpenOffice, Mozilla), e mesmo software que se licencia baixo distintas modalidades (MySQL).

Certamente o software libre non é necesariamente gratuíto. E tampouco se desprende do texto do Proxecto que deba selo como ben notaría despois de ler a norma proposta. As definicións incluídas no Proxecto determina claramente que debe considerare o software libre, en ningún momento se refire á gratuidade. Se ben se mencionan as posibilidades de aforro en termos do pagado por licenzas de software privativo, os fundamentos do proxecto fan clara mención das garantías fundamentais que se pretende preservar e ao estimulo do desenvolvemento tecnolóxico local. Posto que un Estado democrático debe soster estes principios, non lle queda outra solución que empregar software cuxo código fonte está dispoñible publicamente e intercambiar información só en formatos estándar.

Se o Estado non empregase software con estas características, estaría vulnerando principios republicanos básicos. Por sorte, ademais, o software libre tamén implica menores custos totais; pero aínda na hipótese (facilmente negada) de que custara máis que o privativo, a soa existencia dunha ferramenta de software libre eficaz para unha determinada función informática obrigaría ao Estado a utilizala; non por imperio deste proxecto de lei, senón polos principios elementais que enumeramos ao comezo e que xorden da esencia mesma do Estado democrático de dereito.

Segue vostede: «6. É equivocado pensar que o software de código aberto é gratuíto. Investigacións realizadas por Gartner Group (importante investigadora do mercado tecnolóxico recoñecida a nivel mundial) sinalaron que o custo de adquisición do software (sistema operativo e aplicacións) redúcese só un 8% do total de custos que as empresas e institucións deben asumir como consecuencia do uso racional e realmente proveitoso da tecnoloxía. O outro 92% constitúeno: custos de implantación, capacitación, soporte, mantemento, administración e inoperatividade».

Este argumento repite o xa sinalado no parágrafo 5 e contradíse en parte co dito no parágrafo 3. Polo tanto remitirémonos ao alí dito en homenaxe á brevidade. Non obstante, permítame sinalarlle que incorre nunha conclusión falsa no plano lóxico: que o custo de software segundo Gartner Group sexa só o 8% en termo medio do custo total de utilización, non invalida de xeito algún a existencia de software de balde, isto é, aquel cuxo custo en licenzas é nulo.

Ademais neste parágrafo sinala vostede que os compoñentes de servizo e as perdas por indispoñibilidade conforman a parte substancial do custo total de utilización de software; o que, advertirá, entra en contradición coa súa afirmación do valor mínimo dos servizos suxerido no parágrafo 3. Agora ben, o emprego de software libre contribúe significativamente a diminuír os restantes custos do ciclo de vida. Esta redución do impacto económico de despregamento, soporte, etc. rexístrase en varios campos; por unha banda, o modelo competitivo de servizos do software libre, cuxo soporte e mantemento é posible contratar libremente entre unha oferta variada que compite en función da calidade e o menor custo. Isto é válido para a implantación, a capacitación e mailo soporte e en boa medida para o mantemento. Pola outra banda, pola características reprodutiva do modelo, fai que o mantemento que se realizou nunha aplicación sexa replicable facilmente, sen incorrer en maiores custos (é dicir, sen pagar máis dunha vez polo mesmo) pois as modificacións, se así se desexa, quedan incorporados ao patrimonio común do coñecemento. En terceiro lugar, porque o enorme custo causado pola inoperatividade (“pantallas azuis da morte”, código malicioso coma virus, vermes e troianos, excepcións, fallos xerais de protección e outros males coñecidos) redúcese significativamente ao empregar software máis estable; é é ben sabido que unha das virtudes máis salientables do software libre é a súa estabilidade.

Logo afirma que: «7. Un dos argumentos que sustentan o proxecto de lei é a suposta gratuidade do software de código aberto, comparado cos custos do software comercial, sen ter en conta que existen modalidades de licenciamento por volume que poden resultar sumamente vantaxosas para o Estado, tal como se conseguiu noutros países».

Xa puntualicei que o que está en cuestión non é o custo do software, senón os principios de liberdade de información, accesibilidade e seguridade. Estes argumentos tratáronse de xeito extenso en parágrafos anteriores, polo que estimarei remitirse a eles.

Por outra banda, certamente existen modalidades de licenciamento por volume (aínda que infortunadamente, o software privativo non satisfai os principios básicos). Pero, como vostede acaba de sinalar acertadamente no parágrafo inmediatamente anterior da súa carta, só apuntan a reducir o impacto dun compoñente que importa non máis que o 8% do custo total.

Prosegue: «8. Adicionalmente, a alternativa adoptada polo proxecto (i) é claramente máis custosa polos altos custos que supón a migración e (ii) pon en risco a compatibilidade e posibilidade de interoperabilidade das plataformas informáticas dentro do Estado, e entre o Estado e o sector privado, dada a centena de versións que existen de software de código aberto no mercado».

Analicemos a súa información en dúas partes. O seu primeiro argumento, o de que a migración supón altos custos é en realidade un argumento en favor do Proxecto. Porque canto máis tempo transcorra a migración a outra tecnoloxía esta volverase máis custosa; e ao mesmo tempo irán incrementándose os riscos de seguridade asociados ao software privativo. Deste xeito, o uso de sistemas e formatos privativos vai facendo que o estado se volva cada vez máis dependente de provedores determinados. Pola contra, unha vez implantada a política de uso de software libre (implantación que, é certo, implica un custo), a migración dun sistema a outro faise moi sinxela, xa que todos os datos están almacenados en formatos abertos. Por outra parte, a migración a un ambiente de software aberto non implica máis custos que a mesma en ambientes distintos de software privativo, co que o seu argumento queda totalmente invalidado.

O segundo argumento refírese a «dificultades de interoperabilidade das plataformas informáticas dentro do Estado, e entre o Estado e o sector privado». Esta afirmación implica un certo descoñecemento dos mecanismos de construción de software libre, no que non se maximiza a dependencia do usuario respecto dunha plataforma determinada, como adoita suceder no campo do software privativo. Aínda cando existen múltiples distribucións de software libre, e numerosos programas susceptibles de ser empregados para a mesma función, a interoperabilidade queda garantida tanto polo emprego de formatos estándar, esixido no proxecto, como pola posibilidade de construír software interoperable a partir da dispoñibilidade do código fonte.

Di logo que: «9. O software de código aberto na súa maioría non ofrece os niveis de servizo axeitado nin a garantía de fabricantes recoñecidos para lograr maior produtividade por parte dos usuarios, o cal motivou que diferentes entidades públicas retrocedesen na súa decisión de ir por unha solución de código aberto e estean empregando software comercial no seu lugar».

Esta observación é infundada. Respecto da garantía o seu argumento rebateuse respondendo o parágrafo 4. Respecto dos servizos de soporte, pódese utilizar software libre sen eles (así como sucede tamén co software privativo) pero quen o requiran poden adquirir soporte por separado, tanto de empresas locais coma de corporacións internacionais, tamén coma no caso do software privativo.

Por outra parte, contribuiría en moito á nosa análise que nos informase acerca de proxectos de software libre implantados en entidades públicas, que a data de hoxe se abandonases en favor do software privativo. Coñecemos un bo número de casos en sentido inverso, pero carecemos de información respecto dos casos no sentido que vostede expón.

Continua observando que: «10. O proxecto non incentiva a creatividade da industria peruana de software, que factura 40 millóns de dólares estadounidenses ao ano, exporta 4 millóns (décimo dos produtos de exportación non tradicionais, máis que artesanías) e é unha fonte de emprego altamente calificado. Cunha lei que incentive o uso de software de código aberto, os programadores de software perden os seus dereitos de propiedade intelectual e a súa principal fonte de retribución».

Está claro por demais que ninguén está obrigado a comercializar o seu código coma software libre. Unicamente deberá ter en conta que, se non o fai, non poderá venderlle ao sector público. Este, por outra parte, non constitúe o principal mercado para a industria nacional de software. Liñas arriba abordamos algunhas cuestións referidas á influencia do Proxecto na xeración de emprego técnico altamente cualificado e en mellores condicións de competitividade, polo que parece innecesario insistir aquí nese aspecto.

O que segue na súa afirmación é erróneo. Por unha banda, ningún autor de software libre perde os seus dereitos de propiedade intelectual, a menos que pola súa expresa vontade desexe colocar a súa obra no dominio público. O movemento do software libre sempre foi extremadamente respectuoso coa propiedade intelectual, e xerou recoñecemento público extenso aos autores. Nomes coma os de Richard Stallman, Linus Torvalds, Guido van Rossum, Larry Wall, Miguel de Icaza, Andrew Tridgell, Theo de Raadt, Andrea Arcangeli, Bruce Perens, Darren Reed, Alan Cox, Eric Raymond, e moitos outros, son mundialmente recoñecidos polas súas contribucións no desenvolvemento de software que hoxe utilizan millóns de persoas en todo o mundo, en tanto os nomes dos autores materiais de excelentes pezas de software privativo, permanecen no anonimato. Por outra banda, afirmar que as regalías por dereitos de autor constitúen a principal fonte de retribución dos programadores peruanos é en todo caso aventurado, en particular porque non se aportou ningunha proba ao efecto nin ningunha demostración de como o emprego de software libre por parte do Estado influiría nestas retribucións.

Prosigue vostede dicindo que: «11. O software de código aberto, ao poder distribuírse gratuitamente, tampouco permite xerar ingresos para os seus desenvolvedores por medio da exportación. Deste xeito, debilítase o efecto multiplicador da venta de software a outros países e polo tanto o crecemento desta industria, cando contrariamente as normas dun Goberno deben estimular a industria local».

Esta afirmación demostra novamente un descoñecemento total dos mecanismos e o mercado do software libre. Intenta aseverar que o mercado de cesión de dereitos non exclusivos de uso a título oneroso (venta de licenzas) é o único posible para a industria informática cando, como vostede mesmo sinalou parágrafos arriba, nin sequera é o máis importante. O incentivo que presenta o proxecto á aparición dunha oferta de profesionais máis cualificados, en conxunto co incremento da experiencia que resultará para os técnicos nacionais o traballar a gran escala co software libre no Estado, colócanos nunha posición altamente competitiva para brindar os seus servizos ao estranxeiro.

Sinala logo que: «12. No Foro discutiuse sobre a importancia do uso de software de código aberto na educación, sen comentar o rotundo fracaso desta iniciativa nun país coma México, onde precisamente os funcionarios do Estado que fundamentaron o proxecto, hoxe expresan que o software de código aberto non permitiu brindar unha experiencia de aprendizaxe a alumnos na escola, non se contou cos niveis de capacitación a nivel nacional para dar soporte axeitado á plataforma, e o software non contou e non conta cos niveis de integración para a plataforma que existen nas escolas».

Efectivamente, en México deuse marcha atrás co proxecto Rede Escolar. Isto debeuse, precisamente a que os impulsores do proxecto mexicano tiveron o custo das licenzas como principal argumento, en vez de outras razóns estipuladas no noso proxecto e que son moito máis esenciais. Debido a este erro conceptual, e como consecuencia da falta de apoio efectivo por parte da Secretaría de Educación Pública asumiuse que para poñer software libre nas escolas, abondaba con quitarlle a estas o presuposto para software e en cambio enviarlles un CD-ROM con GNU/Linux. Por certo, isto fallou e non podía ser doutro xeito, tal como fallan os laboratorios escolares nos que se usa software privativo se non hai presuposto para implantación e mantemento. É precisamente por iso que o noso proxecto de lei non se limita a indicar a obrigatoriedade do uso de software libre, senón que recoñece a necesidade e ordena a creación dun plan de migración viable, no que o Estado encamiñe ordenadamente a transición técnica para lograr gozar das vantaxes do software libre.

Remata vostede cunha pregunta retórica: «13 Se o software de código aberto satisfai todos os requisitos das entidades do Estado, por que require dunha lei para adoptalo? Non debería ser o mercado o que decida libremente cales son os produtos que lle dan máis beneficios ou valor?».

Estamos de acordo en que no sector privado da economía, é o mercado quen debe decidir que produtor utilizar e alí non sería admisible ningunha intromisión estatal. Pero no caso do sector público, o razoamento non é o mesmo: como xa establecemos o Estado almacena, manipula e transforma información que non lle pertence, senón que foi confiada polos cidadáns que, por imperio da lei, non ten máis alternativa que facelo. Como contrapartida a esta imposición legal, o Estado debe extremar as medidas para salvagardar a integridade, confidencialidade e accesibilidade desa información. O emprego de software privativo arroxa serias dúbidas sobre o cumprimento destes atributos, a falta de evidencia concluínte ao respecto e polo tanto non é apto para usarse no sector público.

A necesidade dunha lei estriba, por unha banda, na materialización dos principios fundamentais antes enunciados no campo específico do software. Por outra banda, no feito de que o Estano non é unha entidade ideal homoxénea, senón que está composto de múltiples organismos con diversos graos de autonomía de decisións. Dado que o software privativo é inapropiado para ser empregado, o feito de establecer estas regras na lei impediría que a decisión discrecional de calquera funcionario poña en risco a información pertencente aos cidadáns. E, sobre todo, porque constitúe unha reafirmación actualizada en relación cos medios de tratamento e comunicación de información empregados hoxe en día, sobre o principio republicano de publicidade.

Conforme a este principio universalmente aceptado, o cidadán ten dereito a coñecer toda a información en poder do Estado que non estea amparada nunha declaración fundada de secreto conforme á lei. Agora ben, o software trata información e é en si mesmo información. Información en formato especial, susceptible de ser interpretada por unha máquina para executar accións, pero sen dúbida información crucial porque o cidadán ten dereito lexítimo a saber, por exemplo, como se computa o seu voto ou se calculan os seus impostos. E para iso, debe poder acceder libremente ao código fonte e probar á súa satisfaccións os programas que se utilizan para o cómputo electoral ou para o cálculo dos seus impostos.

Saúdoo a vostede coas expresións da miña maior consideración, reiterando que o meu despacho estará sempre aberto a que expoñan os seus puntos de vista ao detalle que vostede considere conveniente.

Atentamente,

DR. EDGAR DAVID VILLANUEVA NUÑEZ
Congresista da República do Perú.

Véxase tamén[editar]

Ligazóns externas[editar]