Reflesións
artigo publicado sen título Roberto Blanco Torres 1923
Non é o Día de Galicia, como coidan os vellos cazurros do rexionalismo con grelos e lacón, unha festa máis para adourar un ídolo ou un fetiche, ou, cando menos, para andar de enchente ou ceibar nun brindis, ao redor dunha caterva de parvos, un centón palabreiro de parvadas. O Día de Galicia é a evocación, a vibración das antigas arelas de liberdade —encarnadas nos nosos bardos e nas nosas xestas épicas— renovadas ao longo das centurias nos peitos fidalgos e nos nobres espritos que antes quixeran ver a súa terra trocada en "taboleiro de mercería yanqui ou en pesebre de besta xaponesa" —se a vida non tivera máis que unha representación groseiramente materialista, que humillada y envilecida, cunha resiñación propia de escravos, aos pés dunha nación decadente e baixo a pauta dun estado de salteadores con levita. Prós gallegos conscentes non hai dilema ningún entre escoller o camiño da súa dinidade, na que resoa a voz solene dos petrucios barudos, fortes aínda nas súas tumbas (¡porque os mortos mandan!), ou seguire da man da cuquería ou do cretinismo, arrastrando o autodesprecio, sin persoalidade e castrados na y-alma, afirmando a intanxibilidade dunha patria inexistente, basada nunha unidade ficticia e filla dunha ollada seminal incestuosa duns reises idiotas. Prós gallegos o ser nacionalista é xa unha custión de honore. Polo menos nacionalista, porque eu, meus amigos, non vexo para Galicia, sobre todo prá súa dinidade, máis camiño que o dun radical separatismo.
- Publicouse en: A Nosa Terra nº 189, A Coruña, 25/7/1923, p. 9.
Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos. As traducións poden non estar en dominio público.
|