Real Decreto 1332/1994, do 20 de xuño
Real Decreto 1332/1994, do 20 de xuño, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de Regulación do Tratamento Automatizado dos datos de carácter persoal. [1] [2]
A Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal, habilita ó Goberno, na súa disposición derradeira primeira, para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento da referida Lei, á par que contén en diferentes preceptos uns concretos mandatos ó Goberno para que por vía regulamentaria regule determinados aspectos, na súa maioría de orde procedimental, referentes ó exercicio dos dereitos de acceso, rectificación e cancelación, á forma de reclamar ante a Axencia de Protección de Datos por actuacións contrarias á Lei, á notificación e inscripción dos ficheiros automatizados de datos e ó procedemento para a determinación das infraccións e a imposición das sancións.
En uso de dita habilitación, e cumprimentando o mandato conferido nos artigos 15.1, 16.1, 17.1, 24.2, 38.3 e 47.1 da citada Lei Orgánica 5/1992, [3] díctase a presente disposición.
Na súa virtude, a proposta do Ministro de Xustiza e Interior, coa aprobación do Ministro para as Administracións Públicas, previo informe da Axencia de Protección de Datos, de acordo co Consello de Estado e previa deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 17 de xuño de 1994,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I: Disposicións xerais
[editar]- Artigo 1 Definicións
A efetos do disposto no presente Real Decreto entenderase por:
1. Bloqueo de datos: a identificación e reserva de datos ca fin de impedi-lo seu tratamento.
2. Cesión de datos: toda obtención de datos resultante da consulta dun ficheiro, a publicación dos datos contidos no ficheiro, a súa interconexión con outros ficheiros e a comunicación de datos realizada por unha persona distinta da afectada.
3. Datos accesibles ó público: os datos que se atopan a disposición do público en xeral, non impedida por calquera norma limitativa, e están recollidos en medios tales como censos, anuarios, bases de datos públicas, repertorios de xurisprudencia, arquivos de prensa, repertorios telefónicos ou análogos, así como os datos publicados en forma de listas de persoas pertencentes a grupos profesionais que conteñan únicamente os nomes, títulos, profesión, actividade, graos académicos, dirección e indicación da súa pertenza ó grupo.
4. Datos de carácter persoal: toda información numérica, alfabética, gráfica, fotográfica, acústica ou de calquera outro tipo, susceptible de recollida, rexistro, tratamento ou transmisión concernente a unha persoa física identificada ou identificable.
5. Identificación do afectado: calquera elemento que permita determinar directa ou indirectamente a identidade física, fisiolóxica, psíquica, económica, cultural ou social da persoa física afectada.
6. Transferencia de datos: o transporte de datos entre sistemas informáticos por calquera medio de transmisión, así como o transporte de soportes de datos por correo ou por calquera outro medio convencional.
- Artigo 2 Rexímenes especiais
1. De conformidade co disposto no artigo 2.3 da Lei Orgánica 5/1992 [4] regiranse polas disposiciones que, en materia de protección de datos, conteñen as Leis e Regulamentos respectivos, os ficheiros siguientes:
a) O censo electoral, o ficheiro de electores e ficheiros complementarios, regulados pola lexislación de réxime electoral.
b) Os ficheiros automatizados creados con fins exclusivamente estatísticos e amparados en canto a protección de datos pola normativa reguladora da Función Estatística Pública, sen prexuízo do previsto no artigo 36.m), da Lei Orgánica 5/1992. [5]
c) Os ficheiros automatizados de Estado civil, amparados pola Lei do Rexistro Civil e o seu Regulamento.
d) Os ficheiros automatizados de antecedentes penais.
e) Os ficheiros automatizados creados ou xestionados ó amparo da normativa sobre protección de materias clasificadas.
f) Os ficheiros automatizados o obxeto dos cales sexa o almacenamento dos datos contidos nos informes personais regulados no artigo 68 da Lei 17/1989, do 19 de xullo, reguladora do Réxime do persoal militar profesional.
2. A remisión ó Dereito nacional, contida nos Títulos IV e VI do Convenio do 19 de xuño de 1990, de aplicación do Acordo de Schengen do 14 de xuño de 1985, así como calquera outra remisión feita a disposicións nacionais de protección de datos persoais contida en Convenios internacionais, entenderase referida á Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal, e ás disposicións regulamentarias de desenvolvemento.
CAPÍTULO II: Transferencia internacional de datos
[editar]- Artigo 3 Réxime das transferencias
1. Se a transferencia dos datos de carácter persoal tivese como destinatario un país que non proporciona un nivel de protección equiparable ó que presta a Lei Orgánica 5/1992, o Director da Axencia de Protección de Datos autorizará a transferencia dos mesmos, sempre que o cedente dos datos acredite ter cumprido o disposto nos preceptos da referida Lei e otorgue as garantías que ó efecto lle sexan esixidas. A tal fin, a autorización deberá ser sometida ó cumprimiento das condicións ou cargas modais que se consideren necesarias para que da transferencia non se deriven prexuízos ós dereitos dos afectados e se respeten os principios contidos no Título II da Lei Orgánica 5/1992.
2. No caso de incumprimiento dos términos da autorización o cedente e o cesionario dos datos responderán solidariamente a efectos do previsto no artigo 17.3 da Lei Orgánica 5/1992. [6]
- Artigo 4 Excepcións
1. Exceptúanse, en todo caso, da autorización previa do Director da Axencia de Protección de Datos as transferencias de datos de carácter persoal que resulten da aplicación de Tratados ou Convenios nos que sea parte España e, en particular:
a) As transmisións de datos rexistrados en ficheiros creados polas Forzas e Corpos de Seguridade en función dunha investigación concreta, feitas por conduto de Interpol ou outras vías previstas en Convenios nos que España sexa parte, cando as necesidades da investigación en curso esixan a transmisión a servizos policiais doutros Estados.
b) As transmisións de datos rexistrados na parte nacional española do Sistema de Información Schengen, con destino á unidade de apoio do sistema, ós únicos efectos dunha investigación policial en curso que requira a utilización de datos do sistema.
c) As transmisións de datos previstas no sistema de intercambios de información contemplado no Título VI do Tratado da Unión Europea.
d) As transmisións dos datos rexistrados nos ficheiros creados polas Administracións Tributarias, en favor dos demáis Estados membros da Unión Europea ou en favor doutros Estados terceiros, en virtude do disposto nos Convenios internacionais de asistencia mutua en materia tributaria.
2. Exceptúanse, así mesmo, da autorización previa do Director da Axencia de Protección de Datos, calquera que sexa o Estado destinatario dos datos, as transmisións de datos que se efectúen para cumprimentar exhortos, cartas-ordes, comisións rogatorias ou outras peticións de auxilio xudicial internacional, e os demáis supostos previstos no artigo 33 da Lei Orgánica 5/1992. [7]
CAPÍTULO III: Notificación e inscripción de ficheiros
[editar]- Artigo 5 Notificación de ficheiros de titularidade pública
Todo ficheiro de datos de carácter persoal, de titularidade pública, será notificado á Axencia de Protección de Datos polo órgano competente da Administración responsable do ficheiro para a súa inscripción no Rexistro Xeral de Protección de Datos, mediante o traslado, a través do modelo normalizado que ó efecto elabore a Axencia, dunha copia da disposición de creación do ficheiro.
- Artigo 6 Notificación de ficheiros de titularidade privada
A persoa ou entidade que pretenda crear un ficheiro de datos de carácter persoal notificarallo previamente á Axencia de Protección de Datos mediante escrito ou soporte informático en modelo normalizado que ó efecto elabore a Axencia, no que se especificarán os seguintes extremos:
a) Nome, denominación ou razón social, documento nacional de identidade ou código de identificación fiscal, dirección e actividade ou obxecto social do responsable do ficheiro.
b) Ubicación do ficheiro.
c) Identificación dos datos que se pretendan tratar, individualizando os supostos de datos especialmente protexidos.
d) Dirección da oficina ou dependencia na que se poidan exerce-los dereitos de acceso, rectificación e cancelación.
e) Orixe ou procedencia dos datos.
f) Finalidade do ficheiro.
g) Cesións de datos previstas.
h) Transferenzas temporais ou definitivas que se prevexan realizar a outros países, con expresión dos mesmos.
i) Destinatarios ou usuarios previstos para as cesións ou transferenzas.
j) Sistemas de tratamento automatizado que se vaian empregar.
k) Medidas de seguridade.
- Artigo 7 Inscripción dos ficheiros
1. Os ficheiros de titularidade pública serán inscritos de oficio pola Axencia de Protección de Datos, unha vez reciba copia da disposición de creación do ficheiro.
2. O Director da Axencia de Protección de Datos, a proposta do Rexistro Xeral de Protección de Datos, acordará a inscripción dos ficheiros de titularidade privada se a notificación contivese a información preceptiva e se cumpren as restantes esixencias legais, requerindo, en caso contrario, ó responsable do ficheiro para que a complete ou subsane no prazo de dez días, con indicación de que, se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámite.
3. A inscripción conterá, no suposto de ficheiros de titularidade pública, as indicacións previstas no artigo 18.2 da Lei Orgánica 5/1992 [8], con especificación da disposición xeral de creación e do diario oficial da súa publicación, e, no suposto de ficheiros de titularidade privada, os extremos relacionados no artigo 6 do presente Real Decreto, con excepción das medidas de seguridade.
4. A inscripción será notificada ó responsable do ficheiro polo Rexistro Xeral de Protección de Datos.
- Artigo 8 Modificación e cancelación da inscripción
1. A modificación ou, no seu caso, cancelación da inscripción dos ficheiros de titularidade pública produciráse de oficio pola Axencia de Protección de Datos, previo traslado polo órgano da Administración responsable do ficheiro dunha copia da disposición xeral que modifique ou suprima aquél.
2. Cando se trate de ficheiros de titularidade privada, calquera modificación posterior no contido dos extremos a que se refiere o artigo 6 do presente Real Decreto comunicarase, a efectos de inscripción, no seu caso, á Axencia de Protección de Datos dentro do mes seguinte á data na que aquela se producise. En igual prazo comunicarase a decisión de supresión do ficheiro a efectos da cancelación do correspondente asento de inscripción.
- Artigo 9 Inscripción e publicidade dos códigos tipo
1. Os códigos tipo depositaranse, para a súa inscripción, no Rexistro Xeral de Protección de Datos.
2. O Director da Axencia de Protección de Datos poderá denega-la inscripción se o código tipo non se axusta ás disposicións da Lei Orgánica 5/1992 e do presente Real Decreto, sen prexuízo de requerir ós solicitantes para que subsanen as deficencias.
3. Os particulares poderán obter copias dos códigos tipo depositados e inscritos no Rexistro Xeral de Protección de Datos.
4. En caso de incumprimento das normas contidas nos códigos tipo estaráse ó disposto ó efecto nos acordos ou decisións que os formulen.
- Artigo 10 Recursos
Contra as resolucións do Director da Axencia de Protección de Datos relativas á inscripción ou, no seu caso, á modificación ou cancelación da inscripción dun ficheiro ou código tipo, procederá o recurso contencioso-administrativo.
CAPÍTULO IV: Exercicio e tutela dos dereitos do afectado
[editar]- Artigo 11 Carácter persoal dos dereitos
Os dereitos de acceso ós ficheiros automatizados, así como os de rectificación e cancelación de datos son persoalísimos e serán exercidos polo afectado fronte ó responsable do ficheiro, sen outras limitacións que as que prevén a Lei Orgánica 5/1992 e o presente Real Decreto.
Poderá, non obstante, actua-lo representante legal do afectado cando éste se atope en situación de incapacidade ou minoría de idade que lle imposibilite o exercicio persoal dos mesmos.
- Artigo 12 Dereito de acceso
1. O dereito de acceso se exercerá mediante petición ou solicitude dirixida ó responsable do ficheiro, formulada por calquera medio que garantice a identificación do afectado e na que conste o ficheiro ou ficheiros a consultar.
2. O afectado poderá optar por un ou varios dos seguintes sistemas de consulta do ficheiro, sempre que a configuración e imprantación material do ficheiro o permita:
a) Visualización en pantalla.
b) Escrito, copia ou fotocopia remitida por correo.
c) Telecopia.
d) Calquera outro procedemento que sexa adecuado á configuración e imprantación material do ficheiro, ofrecido polo responsable do mesmo.
3. O responsable do ficheiro resolverá sobre a petición de acceso no prazo máximo dun mes, a contar da recepción da solicitude. Transcorrido este prazo sen que de forma expresa se responda á petición de acceso, ésta poderá entenderse desestimada ós efectos da interposición da reclamación prevista no artigo 17.1 da Lei Orgánica 5/1992.
4. Se a resolución fose estimatoria, o acceso farase efectivo no prazo dos dez días seguintes á notificación de aquela.
- Artigo 13 Contido da información
1. A información, calquera que sexa o soporte en que fose facilitada, darase en forma lexible e intelixible, previa transcripción en claro dos datos do ficheiro, no seu caso.
2. A información comprenderá os datos de base do afectado e os resultantes de calquera elaboración ou proceso informático, así como a orixe dos datos, os cesionarios dos mesmos e a especificación dos concretos usos e finalidades para os que se almacenaron os datos.
- Artigo 14 Denegación do acceso
1. Denegarase o acceso ós datos de carácter persoal rexistrados en ficheiros de titularidade pública cando se dé algún dos supostos contemprados nos artigos 14.3, 21.1 e 2 e 22.2 da Lei Orgánica 5/1992. [9]
2. Tratándose de datos de carácter persoal rexistrados en ficheros de titularidade privada, únicamente se denegará o acceso cando a solicitude sexa formulada por persoa distinta do afectado.
- Artigo 15 Dereito de rectificación ou cancelación
1. Cando o acceso ós ficheiros revelase que os datos do afectado son inexactos ou incompletos, inadecuados ou excesivos, poderá éste solicitar do responsable do ficheiro a rectificación ou, no seu caso, cancelación dos mesmos.
Non obstante, cando se trate de datos que reflexen feitos constatados nun procedemento administrativo, aqueles consideraranse exactos sempre que coincidan con éste.
2. A rectificación ou cancelación farase efectiva polo responsable do ficheiro dentro dos cinco días seguintes ó da recepción da solicitude.
En idéntico prazo efectuarase a notificación a que se refiere o artigo 15.3 da Lei Orgánica 5/1992. [10]
3. No suposto de que o responsable do ficheiro considere que non procede acceder ó solicitado polo afectado, comunicarallo motivadamente e dentro do prazo sinalado no apartado anterior, a fin de que por éste se poida facer uso da reclamación prevista no artigo 17.1 da Lei Orgánica 5/1992.
4. Transcorrido o prazo previsto no apartado 2 sen que de forma expresa se responda á solicitude de rectificación ou cancelación, ésta poderá entenderse desestimada ós efectos da interposición da reclamación que corresponda.
- Artigo 16 Bloqueo dos datos
1. Nos casos en que, sendo procedente a cancelación dos datos, non sexa posible a súa extinción física, tanto por razóns técnicas como por causa do procedemento ou soporte empregado, o responsable do ficheiro procederá ó bloqueo dos datos, ca fin de impedi-lo seu ulterior proceso ou emprego.
Exceptúase, non obstante, o suposto no que se demostre que os datos foron recollidos ou rexistrados por medios fraudulentos, desleais ou ilícitos, en tal caso a cancelación dos mesmos comportará sempre a destrucción do soporte no que aqueles figuren.
2. Contra a resolución pola que o responsable do ficheiro acorde o bloqueo dos datos procederá reclamación ante o Director da Axencia de Protección de Datos.
- Artigo 17 Tutela dos dereitos
1. As reclamacións dos afectados ante a Axencia de Protección de Datos, a que se refire o artigo 17.1 da Lei Orgánica 5/1992, sustanciaranse na forma prevista no presente artigo.
2. O procedemento iniciarase a instancia do afectado ou afectados, expresando con claridade o contido da súa reclamación e dos preceptos da Lei Orgánica 5/1992 que se consideran vulnerados.
3. Recibida a reclamación na Axencia de Protección de Datos, darase traslado da mesma ó responsable do ficheiro, para que, no prazo de quince días, formule as alegacións que estime pertinentes.
4. Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo previsto no apartado anterior, a Axencia de Protección de Datos, previos os informes, probas e outros actos de instrucción pertinentes, incluida a audiencia do afectado e novamente do responsable do ficheiro, resolverá sobre a reclamación formulada, dando traslado da mesma ós interesados.
5. Contra a resolución do Director procederá recurso contencioso-administrativo.
CAPÍTULO V: Procedemento sancionador
[editar]- Artigo 18 Iniciación e instrución
1. O procedemento sancionador previsto no artigo 47 da Lei Orgánica 5/1992,[11] iniciarase sempre de oficio, ben por propria iniciativa ou en virtude de denuncia dun afectado o afectados, por acordo do Director da Axencia de Protección de Datos, no cal se designará instructor e, no seu caso, secretario, con expresa indicación do réxime de recusación dos mesmos.
No referido acordo identificarase á persoa ou persoas presuntamente responsables e concretaranse os feitos imputados, con expresión da infración presuntamente cometida e da sanción ou sancións que poidesen impoñerse, así como das medidas provisionais que, no seu caso, se adopten.
2. O acordo de incoación do expediente notificarase ó presunto responsable e no mesmo informarase a éste do seu dereito a formular alegacións e emprega-los medios de defensa procedentes e que a autoridade competente para impoñer, no seu caso, a sanción é o Director da Axencia de Protección de Datos, con cita expresa do presente artigo e do artigo 36.g), en relación co artigo 35, ambos da Lei Orgánica 5/1992.[12]
3. Dentro dos quince días seguintes á notificación do acordo de incoación, o instructor ordeará, de oficio, a práctica de cantas probas e actos de instrucción sexan adecuados para esclarece-los feitos e determina-las responsabilidades susceptibles de sanción. En idéntico prazo, o presunto responsable poderá formula-las alegacións e propoñe-las probas que considere convenintes.
4. Transcorrido o prazo previsto no apartado anterior, o instructor acordará a práctica das probas que estime pertinentes, a cuio efecto concederá un prazo de trinta días, transcorrido o cal o expediente porase de manifesto ó presunto responsable para que, no prazo de quince días, formule alegacións e aporte cantos documentos estime de interés.
- Artigo 19 Resolución
1. Cumprimentados os trámites previstos no artigo anterior, o instructor formulará proposta de resolución motivada na cal se fixarán de modo claro e preciso os feitos, razoarase, no seu caso, a denegación e da práctica probatoria proposta polo presunto responsable, valoraranse xurídicamente aqueles ca fin de determina-la infración cometida e sinalarase a sanción a impor, determinando a súa contía con arreglo ós criterios establecidos no artigo 44.4 da Lei Orgánica 5/1992,[13] ou ben, proporase a declaración de non existencia de responsabilidade.
2. A proposta de resolución notificarase ó presunto responsable para que, no prazo de quince días, poida formular novas alegacións se o considera oportuno.
3. Notificada a proposta de resolución ou expirado o prazo de alegacións previsto no apartado anterior, o instructor elevará o expediente completo ó Director da Axencia de Protección de Datos.
4. O Director poderá, antes de dictar resolución, ordear ó instructor a práctica de cantas actuacións considere necesarias, o que se levará a efecto nun prazo máximo de quince días.
5. A resolución, que se dictará dentro dos dez días seguintes, determinará ca necesaria precisión os feitos imputados, a infración cometida, con expresión do precepto que a tipifique, o responsable da mesma e a sanción imposta; ou ben, a declaración de non existencia de responsabilidade. Conterá, así mesmo, a declaración pertinente en orde ás medidas provisionais adoptadas durante a tramitación do procedemento.
6. A resolución notificarase ó responsable, con expresión do seu dereito a interpor recurso contencioso-administrativo, o prazo de interposición, e o órgano ante o que deba ser presentado.
7. Se o procedemento fose iniciado como consecuencia de denuncia dun afectado, a resolución deberá ser notificada ó firmante da mesma.
Disposicións adicionais
[editar]- Primeira Comunicación de ficheiros preexistentes
Os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal que se creasen con posterioridade á entrada en vigor da Lei Orgánica 5/1992 e antes da vixencia do presente Real Decreto deberanse comunicar á Axencia de Protección de Datos antes do 31 de xullo de 1994.
- Segunda Ficheiros das Comunidades Autónomas
Corresponde ás Comunidades Autónomas, respecto dos seus proprios ficheiros, a regulación do exercicio e tutela dos dereitos do afectado e do procedemento sancionador nos términos e cos límites establecidos na Lei Orgánica 5/1992 e de acordo cas normas do procedemento administrativo común.
- Terceira Ficheiros das Administracións Tributarias
Os ficheiros creados polas Administracións Tributarias para a xestión dos tributos que se lles encomenden, rexiranse polas disposicións do presente Real Decreto e polas demáis disposicións regulamentarias que, en desenvolvemento e con suxeción ó disposto na Lei Orgánica 5/1992, específicamente se aproben para os mesmos.
Disposicións derradeira
[editar]- Primeira Lista de países con equiparable protección
Facúltase ó Ministro de Xustiza e Interior para que, previo informe do Director da Axencia de Protección de Datos, aprobe a relación de países que, a efectos do disposto no artigo 32 da Lei Orgánica 5/1992,[14] se entende que proporcionan un nivel de protección equiparable ó de dita Ley.
- Segunda Entrada en vigor
O presente Real Decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».
Dado en Madrid a 20 de xuño de 1994.
O Ministro de Xustiza e Interior,
Notas
[editar]- ^ Este Real Decreto continua en vigor en canto non se opoña á Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro. Calquera referencia á Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro entenderase feita á Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro. Así mesmo, calquera referencia a tratamentos ou ficheiros automatizados entenderase feita tamén a tratamentos ou ficheiros non automatizados.
- ^ Modificado, en canto que as referencias á Axencia de Protección de Datos deberanse entender realizadas á Axencia Española de Protección de Datos, polo Artigo 79 da Lei 62/2003, do 30 de decembro.
- ^ Os artigos 15.1, 16.1, 17.1, 24.2, 38.3 e 47.1 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro son equivalentes ós artigos 16.1, 17.1, 18.1, 26.2, 39.3 e 48.1 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro respectivamente.
- ^ O artigo 2.3 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 2.3 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
- ^ O artigo 36.m) da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 37.1.m) da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
- ^ O artigo 17.3 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 19.1 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
- ^ O artigo 33 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 34 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
- ^ O artigo 18 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 20 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
- ^ Os artigos 14.3, 21.1 e 21.2 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro son equivalentes ós artigos 15.3, 23.1 e 23.2 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro respectivamente. O artigo 24.2 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro (equivalente ó artigo 22.2 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro) foi declarado inconstitucional e nulo pola Sentencia do Tribunal Constitucional 292/2000, do 30 de novembro.
- ^ O artigo 15.3 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 16.4 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
- ^ O artigo 47 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 48 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
- ^ Os artigos 35 e 36.g) da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro son equivalentes ós artigos 36 e 37.1.g) da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro respectivamente.
- ^ O artigo 44.4 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 45.4 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
- ^ O artigo 32 da Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro é equivalente ó artigo 33.1 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.