Queixumes

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Q U E I X U M E S       Antón Losada Diéguez       1920
 


Publicado no n.º 112 da revista A Nosa Terra.
Publicado no n.º 71 da revista Nós como "Outro conto".[1]


   Cando me erguín aquela mañán dixéronme que Delores, a irmâa da miña caseira Francisca, estaba a morrer. Tiñan catro filliños, y-un dos filliños, o mais pequeno, tamén estaba —probiño— morrendo com'a nai.

   Pra escorrentar a tristura funme a tomal-o sol na solaina, n'unha mañán d'outono. A aldea, os montes y-o ceo eran de pás.

   Pol-a corredoira â veira da miña casa baixaba Manuel, o home da muller enferma, o pai do neniño doente. Levaba un queipo no brazo... Subíu un valo, entrou n'unha horta súa e foi collendo paseniño berzas e berzas, atou dúas cepas, cargou o queipo y-unhas vides, e siguíu pra outra leira súa a traballar e recoller.

   Eu, home da cidade e de cultura sentín unha ferida no curazón ô lembrarme da muller e do meniño loitando co'a enfermedade soilos n'a casa. E pensei en que o amor y-o sentimento soilo surden co'a cultura...

   Chamoume o criado pra xantar... Y-estonces lembreime de que Manuel non tiña criados, que sin o seu traballo a súa muller y-os filliños habían morrer e que aínda tiña él que ordeñal-a vaca, facel-o caldo, carrexar a auga e poñer unhas patacas... E que non tiña tempo pra se consolar e pra consolar, anque o sentimento lle roera o curazon.

   Malpocadiños d'aqueles que n'a vida non teñen tempo pra queixarse nin pra dar consolo. Probes dos que non se poden decatar d'a delor.


Notas[editar]

  1. "Outro conto" (n.º 71 da revista Nós) en Galiciana, Biblioteca de Galicia.